Saltar ao contido

Tesouro de Upchurch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 51°24′9.72″N 0°40′23.17″L / 51.4027000, -0.6731028

Tesouro de Upchurch

· Data do depósito: principios do século III d. C.

· Período ou cultura: Imperio Romano

· Lugar de aparición: Upchurch , Kent.

· Coordenadas: 51°24′9.72″N 0°40′23.17″L / 51.4027000, -0.6731028

· Data do achado: 1950.

· Composición: 37 sestercios romanos.

· Materiais: oricalco e cerámica.

O tesouro de Upchurch é un conxunto de 37 moedas romanas (sestercios) disposto no interior dunha vasilla cerámica, datadas entre os séculos I e II d. C., achado preto da vila de Upchurch, en Kent, Inglaterra, en 1950.

No inverno de 1950 achouse na zona de Slay Hill Marshes, ao noroeste de Upschurch, un recipiente cerámico que contiña 37 sestercios romanos datados entre finais do século I e a segunda metade do século II da nosa era.[1] A 30 metros dese mesmo lugar descubrírase en 1864 outro depósito de moedas romanas.[2]

Todas as moedas estaban moi gastadas e amosaban claros sinais de uso, o que dá conta dun longo período en circulación. Por este mesmo motivo, as peor conservadas son as emitidas a nome de Domiciano (81-96) e as mellor conservadas son as máis recentes, correspondentes á época de Faustina a Nova (161-175).[1]

Segundo a datación das moedas e a análise da vasilla, de pequena barriga, típica da zona, é probable que o conxunto fose agochado a principios do século III.[1]

Segundo o investigador numismático Richard Abdy, o motivo do atesouramento destes sestercios podería deberse a que o custo da aliaxe de oricalco na que están cuñados superaba amplamente, no século III,o valor nominal das moedas, polo que, dado o seu gran tamaño e peso se acumularían a modo de lingotes.[1]

Das 37 moedas orixinais do tesouro, 17 exemplares perdéronse. Os 20 sestercios restantes foron emitidos a nome dos seguintes emperadores:[1]

Emperador Período Exemplares Denominación
Domiciano 81-96 1 Sestercio
Traxano 98-117 3
Hadriano 117-138 8
Antonino Pío 138-161 2
Faustina Maior 138-140 1
M. Aurelio 161-180 4
Faustina Nova 161-175 1
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "The Upchurch Hoard". Andrewmccabe.ancients.info
  2. "Monument Number 418778". Historic England Research Records (Heritagegateway.org.uk).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]