Telencéfalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do telencéfalo humano (en vermello).
Esquema das principais divisións do cerebro embrionario dun vertebrado, co telencéfalo en vermello.

O telencéfalo é unha parte da porción anterior do encéfalo embrionario, que, xunto co diencéfalo, forma o prosencéfalo. Nos humanos o telencéfalo é a parte principal do encéfalo, xa que comprende a maior parte do noso voluminoso cerebro e está situado nunha posición superior cubrindo outras partes, pero na maioría dos vertebrados é máis pequeno, é a porción que está en posición máis anterior, pero non sempre está nunha posición superior. A partir do telencéfalo embrionario orixínase no mamífero adulto o telencéfalo dorsal ou palio, no que se desenvolve o córtex cerebral, e o telencéfalo ventral ou subpalio, que dá lugar aos ganglios basais. O cerebro está dividido en dous hemisferios. Polo contrario, a zona do tálamo non pertence ao telencéfalo senón ao diencéfalo.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Durante o desenvolvemento embrionario dos vertebrados, o prosencéfalo, a parte máis anterior das tres vesículas que forman o tubo neural embrionario, sofre unha subdivisión en telencéfalo e diencéfalo. O telencéfalo forma despois dúas vesículas telencefálicas laterais que orixinan os hemisferios cerebrais dereito e esquerdo, separados pola profunda fisura lonxitudinal e unidos na parte inferior polo corpo caloso.

Estrutura e composición[editar | editar a fonte]

Superficie do cerebro.
Superficie media dos hemisferios cerebrais.

O telencéfalo componse das seguintes partes:

Nos grandes mamíferos ao córtex cerebral está pregado formando numerosas circunvolucións ou xiros separados por sucos, o que permitiu que a área superficial do córtex se expandise sen ocupar moito máis volume. Nos humanos, o cerebro rodea as partes máis vellas filoxeneticamente do encéfalo. Os sistemas límbico, olfactorio, e motor proxectan fibras desde o cerebro ao tronco cerebral e a medula espiñal. Os sistemas cognitivo e volitivo proxectan fibras desde o cerebro ao tálamo e a rexións específicas do mesencéfalo.

Funcións[editar | editar a fonte]

O telencéfalo no seu conxunto intervén nas seguintes funcións:

  • Movemento. Dirixe os movementos voluntarios do corpo desde o córtex motor primario e outras áreas motoras do lobo frontal, que planean as accións.
  • Procesamento sensorial. As áreas sensoriais primarias do córtex cerebral reciben e procesan os impulsos procedentes de receptores sensoriais visuais, auditivos, somatosensoriais, gustativos e olfactorios. Converten as recepcións sensoriais nas percepcións do mundo que nos rodea.
No caso da olfacción, esta depende do bulbo olfactorio, que na maioría dos animais é a porción anterior e bastante grande do telencéfalo, pero que nos humanos é máis pequeno e está debaixo do lobo frontal. Envía os impulsos ao córtex olfactorio sen pasar polo tálamo.
  • Linguaxe e comunicación. Depende principalmente de partes do córtex cerebral. As porcións motoras da linguaxe dependen da área de Broca do lobo frontal, e a comprensión comunicativa atribúese á área de Wernicke da zona temporal-parietal. Estas dúas rexión están conectadas polo fascículo arqueado.
  • Aprendizaxe e memoria. A memoria explícita ou declarativa depende do hipocampo e outras rexións do lobo temporal. Na memoria implícita, como a dos comportamentos motores complexos, están implicados os ganglios basais. A memoria a curto prazo implica a áreas do córtex, especialmente o córtex prefrontal dorsolateral e o hipocampo.

Variacións filoxenéticas[editar | editar a fonte]

Na figura o telencéfalo de tiburón e humano móstranse en azul.

Nos vertebrados máis primitivos como as lampreas o cerebro é unha estrutura relativamente simple que recibe os impulsos nerviosos do bulbo olfactorio. Nos peixes cartilaxinosos e de aletas lobuladas e nos anfibios, está presente unha estrutura máis complexa, e está dividido en tres rexións. A rexión inferior ou ventral forma os núcleos basais, e contén fibras que conectan o resto do cerebro co tálamo. Sobre esta, formando a parte lateral do cerebro, está o paleopalio, mentres que a parte superior ou dorsal denomínase arquipalio. O cerebro nestes animais dedícase principalmente a procesar as sensacións olfactorias.[1]

Nos peixes de aletas radiadas, a estrutura é algo diferente. As superficies internas das rexións laterais e ventrais do cerebro sobesaen nos ventrículos cerebrais; estes inclúen os núcleos basais e varias partes do palio, e poden ser de estrutura complexa, especialmente nos teleósteos. A superficie dorsal do cerebro é membranosa, e non contén tecido nervioso.[1]

Nos amniotas, o cerebro faise cada vez máis grande e complexo. Nos réptiles, o paleopalio é maior que o dos anfibios, e o seu crecemento empurra os núcleos basais a rexións centrais do cerebro. Como nos vertebrados inferiores, a substancia gris está xeralmente localizada por debaixo da substancia branca, pero nalgúns réptiles, esténdese pola superficie formando un primitivo córtex, especialmente na parte anterior do encéfalo.[1]

Nos mamíferos, este desenvolvemento é aínda maior, de modo que o córtex cobre case a totalidade dos hemisferios cerebrais, especialmente nas especies máis desenvolvidas, como os primates. O paleopalio é empurrado cara á superficie ventral do cerebro, onde se converte nos lobos olfactorios, mentres que o arquipalio enrólase sobre o bordo dorsomedial para formar o hipocampo. Nos mamíferos placentarios, desenvólvese tamén un corpo caloso, que conecta os dous hemisferios. As complexas circunvolucións da superficie cerebral só se encontran nos mamíferos superiores.[1] Aínda que algúns grandes mamíferos (como os elefantes) teñen cerebros especialmente grandes, os golfiños son as únicas especies á parte dos humanos que teñen cerebros que supoñen o 2% do seu peso corporal.[2]

O cerebro das aves evolucionou de xeito diferente ao dos mamíferos, aínda que tamén está agrandado en comparación co dos réptiles. Porén, este alongamento débese en grande medida aos ganglios basais, e as outras áreas permaneceron relativamente primitivas en canto á súa estrutura. Por exemplo, non hai unha grande expansión do córtex cerebral, como nos mamíferos. En lugar diso, desenvolveuse un centro vocal superior xusto sobre os ganglios basais, e esta parece ser a área do cerebro das aves que está máis implicada nas tarefas de aprendizaxe complexas.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Romer, Alfred Sherwood; Parsons, Thomas S. (1977). The Vertebrate Body. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. pp. 536–543. ISBN 0-03-910284-X. 
  2. T.L. Brink. (2008) Psychology: A Student Friendly Approach. "Unit 4: The Nervous System." pp 62 [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]