Tanque de tormentas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tanque de tormentas á beira do río Miño en Lugo.

O tanque de tormentas é un depósito subterráneo que acolle e retén a auga das choivas recollida polos colectores da rede de sumidoiros para logo tratala na estación depuradora. Mediante esta infraestrutura preténdese evitar que, en momentos de precipitacións torrenciais, se produza o asolagamento de zonas densamente urbanizadas e/ou que o saneamento se vexa colapsado na súa capacidade.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

As augas das precipitacións que rematan nos sumidoiros mestúranse cos lixos das beirarrúas e calzadas e son moi contaminantes, ás veces máis que as residuais.[1] A rede de sumidoiros multiplica a captación de auga cando se producen as choivas, e no caso de que estas se produzan con intensidade nun breve espazo de tempo, o sistema pode verse superado e dar en verteduras de auga sen tratar nos ríos e no mar.[2] Para evitalo, os tanques acumulan a auga para que logo sexa reconducida á estación de depuración. O emprego dos tanques de tormentas é moi importante para garantir o saneamento das contornas das ribeiras polo que adoitan localizarse nas proximidades de cursos fluviais, rías ou do mar.[3][4]

En 2023, o maior tanque de tormentas de Galicia era o do Cavadal en Narón, con 10 000 metros cúbicos de capacidade.[1] Doutra banda, o maior do mundo atópase en Madrid con capacidade para 400 000 metros cúbicos.[5]

Partes dos tanques de tormentas[editar | editar a fonte]

Nos sumidoiros, previa á chegada ao tanque, a auga pasa por diferentes filtros que permiten peneirar os sólidos arrastrados. Dentro do tanque hai catro departamentos:[6]

  • A cámara central: leva a auga dende a entrada ata o elemento regulador do caudal
  • A cámara de retención: almacena a auga que supera a capacidade da cámara central, acumúlase, polo tanto en momentos de precipitación forte.
  • A cámara de alivio: traslada a auga excedente ata o receptor
  • A cámara seca: onde está o elemento regulador do caudal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Novo plan de saneamento en elaboración". Augas de Galicia. 
  2. "La importancia de los tanques de tormentas - Blog - CHG". www.chguadalquivir.es. Consultado o 2023-10-14. 
  3. Piñeiro Aneiros, José. "Las obras de saneamiento de Ferrol: interceptores generales de la margen derecha de la ría de Ferrol" (PDF). Universidad de Salamanca. 
  4. "A Xunta mobiliza un investimento de preto de 35 M€ para mellorar o sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa e atallar vertidos á ría e inundacións". Xunta de Galicia. 2023-04-28. Consultado o 2023-10-14. 
  5. Úcar, Adela (2023-09-04). "Tanque de tormentas: qué es y cuál es le más grande del mundo". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2023-10-14. 
  6. "¿Qué es un tanque de tormentas?". iAgua (en castelán). 2022-02-15. Consultado o 2023-10-14.