Taciano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaTaciano
Biografía
Nacementoc. 120 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Asiria (provincia romana), Roma Antiga Editar o valor em Wikidata
Mortec. 173 Editar o valor em Wikidata (52/53 anos)
Asiria (provincia romana), Roma Antiga Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónteólogo , filósofo , escritor Editar o valor em Wikidata
Período de tempoImperio Romano Editar o valor em Wikidata
ProfesoresXustino Mártir Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego antigo e Lingua siríaca Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Obra
Obras destacables

Taciano (en latín Tatianus, en grego Τατιανός) foi un escritor cristián romano do século II, orixinario de Asiria, pero educado en relixión e filosofía en Grecia[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Probabelmente exerceu de mozo como sofista e retórico e quizais mesmo como profesor de filosofía. Viaxou por varios países e finalmente chegou a Roma; daquela estaba influenciado polas doutrinas de Platón, pero non aceptou os cultos romanos e gregos e converteuse ao cristianismo. Dise que estivo relacionado con Xustino, do que foi o discípulo (segundo Ireneo de Lión, Epifanio, Xerome de Estridón, Filastrio de Brescia e Teodoreto de Ciro, pero antes da súa conversión).

Á morte de Xustino adoptou as crenzas gnósticas. Taciano atacou aos filósofos polas corrupcións das crenzas pagás e sinalou a superioridade das relixións cristiá e xudía. Regresou a Oriente e instalouse en Mesopotamia, onde tivo seguidores en Antioquía, Cilicia e Pisidia. Descoñécese a data e o lugar da súa morte e sospéitase que foi arredor do ano 166 ou 167.

Os seus seguidores eran coñecidos como tacianos e eran moi parecidos aos encratitas e severianos (Severo era contemporáneo de Taciano), que eran coñecidos como Ὑδροπαραστάται, Hydroparastatai ou Oferentes de Auga, porque celebraban a Eucaristía con auga (algúns os mencionan como acuarios, aquarii). Taciano defendeu as doutrinas dos Eóns derivadas de Valentino ou Marción, e desenvolveunas. Distinguiu o Demiurgo (creador do mundo e que deu a lei mosaica) do Deus supremo a quen os evanxeos chaman Epifanio.

Os seus seguidores non comían carne nin bebían viño e condenaban o matrimonio. As seitas de tacianos e severianos estaban extinguidas ou case extinguidas na época de Epifanio; os encratitas permaneceron en Pisidia e parte de Frixia e outros distritos de Asia Menor.

Foi un escritor prolífico, segundo Eusebio de Cesarea . O seu escrito máis famoso é o Discurso aos gregos. Xerome di que escribiu algúns títulos pero no seu tempo só quedaba o Discurso aos gregos, polo menos segundo o seu coñecemento, xa que se sabe que tamén existiu o Diatéssaron (τò διὰ τεσσάρων εὐαγγελίων, fusión dos textos dos catro evanxeos nun mesmo texto). Outros títulos probabelmente foron especulacións relixiosas demasiado complexas para unha circulación xeneralizada[2].

Πρὸς Ἕλληνας, Oratio adversus Graecos (Discurso aos gregos), é o título que se conserva e Xerome tamén o denomina Contra gentes. En versión latina publicouse no 1546 en Zürich.

Outras obras de Taciano das que só se coñece o título[3]:

  • Περὶ τοῦ κατὰ τὸν Σωτῆρα καταρτισμοῦ, De Perfectione secundum Servatorem.
  • Προβλημάτων Βίβλιον, Quaestionum Liber.
  • Πρὸς τοὺς ἀποφηναμένους τὰ περὶ Θεοῦ Adversus eos qui fidem detrahunt rebus divinis.
  • Περὶ ζώων, De Animalibus.
  • Un libro sobre demos e sobre despois da morte, de título descoñecido.
  • Διὰ τεσσάρων, Diatessaron. s. Harmonia Evangeliorum.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Smith, William (ed.) (1867). A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en inglés). Boston: Little, Brown and Co. p. Vol. III pp. 980-983. [J.C.M.] 
  2. Montserrat Torrents, Josep (1990). Los gnósticos. Madrid: Gredos. p. 63-64. ISBN 8424908848. 
  3. Eusebio de Cesarea. Historia eclesiástica. IV 28-29