Síndrome do túnel carpiano
Síndrome do túnel carpiano | |
---|---|
Vista axial do carpo | |
Sinónimos | Neuropatía mediana do pulso. |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A síndrome do túnel carpiano é unha neuropatía periférica que ocorre cando o nervio mediano se comprime dentro do túnel carpiano, a nivel do pulso
Anatomía
[editar | editar a fonte]O nervio mediano é un nervio sensitivo e motor. Conduce a sensibilidade da cara palmar do polgar, índice, maior e metade radial do anular así como a eminencia tenar na palma. Tamén innerva os músculos intrínsecos da man, fundamentalmente da eminencia tenar.
O túnel carpiano, unha pasaxe estreita e ríxida entre o ligamento anular do carpo e os ósos na base da man, contén os tendóns e o nervio mediano. Está delimitado na súa parte proximal polos ósos pisiforme, semilunar, piramidal e escafoide; e a súa parte distal polo trapecio, trapezoide, o grande e o ganchudo. O teito do túnel está formado polo ligamento denominado retináculo flexor. A través deste túnel discorren catro tendóns do músculo flexor común superficial dos dedos da man, catro tendóns do músculo flexor común profundo dos dedos da man e o tendón do músculo flexor longo do polgar.
Etiopatoxenia
[editar | editar a fonte]Calquera proceso que provoque ocupación do espazo (inflamación dalgún destes tendóns, presenza de líquido etc.) provoca a diminución do espazo e o atrapamento do nervio. En ocasións, o engrosamento dos tendóns irritados ou outras inflamacións estreitan o túnel e provocan a compresión do nervio mediano. O resultado pode ser dor, debilidade ou entumecemento da man e o pulso, irradiándose por todo o brazo. Aínda que as sensacións de dor poden indicar outras patoloxías, a síndrome do túnel carpiano é das neuropatías por compresión máis comúns e amplamente coñecidas nas cales se comprimen ou se traumatizan os nervios periféricos do corpo. Normalmente a presión dentro do túnel do Carpio é de 7-8 mm Hg, pero en situacións de patoloxía pode acadar até 30 mm Hg; a esta presión xa hai disfunción. Cando o pulso se flexiona ou se estende, a presión pode aumentar até 90 mm Hg ou máis, o que ocasiona isquemia no vaso nervorum. Isto pode levar a un ciclo vicioso, ao aparecer edema vasoxénico, aumentando aínda máis a presión intratúnel.
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]É a neuropatía periférica da man por atrapamiento* máis frecuente, afectando até un 90 % da poboación xeral, cunha maior incidencia en mulleres entre as décadas cuarta e sexta da vida.[1] Constitúe un lugar moi destacado en Saúde Ocupacional. En Estados Unidos, a incidencia actual é do 0,1 %, e na poboación traballadora do 15% ao 20%
Síntomas
[editar | editar a fonte]A sintomatoloxía adoita comezar de xeito gradual aínda que pode aparecer de súpeto nalgúns casos, e maniféstase con sensacións de calor, cambras ou entumecemento na palma da man e os dedos, especialmente do polgar e dos dedos maior e índice. Algúns doentes que padecen esta síndrome refiren que notan os dedos inchados inútis, aínda que non presentan unha inchazón aparente. Os síntomas a miúdo aparecen durante a noite, cunha sensación de adormecemento das puntas dos dedos orixinada por durmir co pulso en flexión. Unha persoa coa síndrome do túnel carpiano pode espertar sentindo a necesidade de “sacudir” a man ou o pulso para recupera-la sensibilidade.
A medida que os síntomas se agravan, os doentes comezan a sentir cambras durante o día. A diminución no pulso da man pode dificultar pechar a man, agarrar obxectos pequenos ou realizar outras tarefas manuais. En casos severos, os músculos da base do polgar poden debilitarse ou atrofiarse. Algunhas persoas poden non distinguir o frío e a calor a través do tacto. Por veces a dor maniféstase na parte superior da man do pulso, outras veces,o pulso e a man quedan durmidas. Os síntomas adoitan aparecer en suxeitos cuxa ocupación laboral inclúe a realización de movementos repetitivos do pulso, o que pode provocar inflamación ligamentosa e compresión nerviosa, aínda que outras causas como fracturas ou lesións ocupantes de espazo tamén poden estar na orixe do seu desenvolvemento. A clínica aumenta coa actividade da man afectada (habitualmente a dominante) e pode remitir sacudindo ou masaxeando o pulso ou elevando o membro afectado (ó mellora-lo retorno venoso).
Diagnóstico
[editar | editar a fonte]A semioloxía clínica é a principal arma diagnóstica. A clínica, así como a actividade laboral, son moi suxestivas desta patoloxía, pero existen algúns signos clínicos e probas complementarias que confirman o diagnóstico. Entre os dados que orientan cara á existencia dunha síndrome do túnel do carpo atópanse os seguintes signos:
- Signo de Phalen: coa flexión palmar do pulso a 90 graos durante un minuto redúcese o espazo de tránsito, desencadeando parestesias na man estudada.
- Signo de Tinel: percútese o ligamento anular do carpo cun martelo de reflexos. Se existe compromiso da canle prodúcese unha sensación de cambra sobre os dedos segundo e terceiro (innervados polo n. mediano).
- Signo do círculo: cando o doente tenta opo-lo primeiro dedo ó segundo (executando a figura dun círculo, ou o signo internacional de OK) non é capaz de flexionar correctamente as falanxes debuxando unha "pinza" ou "pico de pato", no canto dun círculo.
- Signo de Durkan: o explorador preme co polgar a cara palmar do pulso, na zona situada entre as eminencias tenar e hipotenar, desencadeando os síntomas.[2]
- Signo de Pyse-Phillips: desaparición das molestias coa elevación do membro afectado.
A proba diagnóstica máis sensible e específica e que confirma a existencia de compresión do nervio é a electromiografía. Con esta proba establécese a velocidade de condución nerviosa do nervio, manifestándose como un retardo da condución nerviosa sensitiva e motora ao seu paso polo carpo.
Os signos de Phalen e Tinel son moi orientativos. En caso de dúbidas, a electromiografía (EMG) é obrigada.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Se se trata dun túnel carpiano secundario a unha causa coñecida e tratable (diabetes, obesidade, artrite reumatoide, infeccións, hematomas, etc) deberá abordarse primeiro o tratamento da causa primaria.
Nos casos nos que non existe unha causa aparente ou aqueles de orixe funcional, o tratamento baséase en diferentes medidas: por unha banda a prevención, adoptando, na medida do posible, hábitos de movemento do pulso menos traumáticos ou programando períodos alternativos de actividade-descanso. Se isto non é abondo inmobilízase a articulación do pulso cunha férula de descarga e con antiinflamatorios que diminúan a presión exercida sobre o nervio mediano. Segundo as últimas revisións da Cochrane o uso de ortesis nocturna é máis efectivo que o non tratamento a curto prazo.[3]Cando é necesario pode realizarse unha infiltración local de antiinflamatorios (habitualmente corticoides) sendo esta técnica unha das máis eficaces no tratamento agudo desta síndrome.[4]
Tratamentos con fisioterapia, electroterapia, ultrasons ou láser non demostraron eficacia en comparación con outros tratamentos conservadores.[5][6]
En casos máis avanzados ou resistentes a tratamento conservador proponse tratamento cirúrxico (cirurxía), consistente en ampliar o espazo de tránsito do nervio, sendo este o tratamento máis eficaz a longo prazo.[7]
Cambio de teclado
[editar | editar a fonte]Cando unha das causas da síndrome sexa o uso de teclados, recoméndase o cambio ao teclado Dvorak, que está dispoñible en todos os sistemas operativos. A distribución das teclas está optimizada no teclado Dvorak para que sexa necesario menos movemento de dedos para escribir o mesmo texto. Co uso deste teclado, moitos usuarios con trastornos por movementos repetitivos ou síndrome do túnel carpiano notan alivio ou incluso a desaparición das lesións.[8][9]
Cambio de hábitos
[editar | editar a fonte]Ademais de cambiar tanto o teclado coma o rato, débese utilizar tamén unha cadeira ergonómica para manter unha boa posición e previr problemas a longo prazo. Débese apoiar todo o antebrazo sobre o escritorio para utilizar o rato, reducindo así a presión sobre a man.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Arthroshi I, Gummenson C, Johonsson R, Ornstein E, Ranstam J, Rossen I. Prevalence of carpal tunnel syndrome in a general population. JAMA. 1999;282:153-8
- ↑ Durkan, JA. The carpal compression test: an instrumental device for diagnostic carpal tunnel syndrome. Lancet. 1990;335:393-5.
- ↑ Page MJ, Massy-Westropp Splinting for carpal tunnel syndrome.. Cochrane Data Base of Systematic Reviews. 2012
- ↑ Marshall S, Tardif G. Injection local of steroids in the carpal syndrome. Cochrane Data Base of Systematic Reviews. 2005. Issue 5.
- ↑ Page MJ, Massy-Westropp Exercise and mobilisation interventions for carpal tunnel syndrome.. Cochrane Data Base of Systematic Reviews. 2012
- ↑ Page MJ, Massy-Westropp Therapeutic ultrasound for carpal tunnel syndrome. Cochrane Data Base of Systematic Reviews. 2012.
- ↑ Verdugo RJ, Salinas RS, Castillo J, Cea JG. Tratamiento quirúrgico versus tratamiento no quirúrgico para el síndrome del túnel carpiano. Cochrane Data Base. 2005.
- ↑ Jonathan Oxer (10 de decembro de 2004). "Wrist Pain? Try the Dvorak Keyboard". The Age (en inglés). Melbourne. Consultado o 28 de abril de 2010.
- ↑ Shead, Mark (15 de marzo de 2008). Productivity 501, ed. "Michael Sampson on the Dvorak Keyboard" (en inglés). Consultado o 26 de agosto de 2012.
- ↑ Fabiola Czubaj (xoves 8 de xullo de 2010). Diario La Nación, ed. "El uso excesivo del mouse puede alterar las funciones de la mano". Edición impresa del 08/07/2010. p. 11. Archived from the original on 11 de maio de 2015. Consultado o 21 de maio de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Swiontkowski, M.F, Manual de Ortopedia e Traumatología (2ª edición), Editorial Masson, 2005. ISBN 844581222-X
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- National Institute of Neurological Disorders and Stroke (en castelán) publicado baixo dominio público
- Posicionamento ou equipos ergonómicos para o tratamento da síndrome do túnel carpiano
- Ultrasons no tratamento da síndrome do túnel carpiano
- Exercicios, mobilizacións e orteses na Síndrome do Túnel Carpiano