Sr. Chinarro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sr. Chinarro
Sr Chinarro.jpg
Orixe Sevilla, Andalucía, España
Período 1990
Xénero(s) Indie, Pop-Rock
Selo(s) discográfico(s) Mushroom Pillow
Acuarela Discos
El Ejército Rojo
Membros Antonio Luque
Páxina web www.srchinarro.com

Sr. Chinarro é un grupo de música sevillano formado arredor do 1990. O seu estilo é fundamentalmente indie e as súas maiores influencias son grupos ingleses como The Cure, Depeche Mode, Echo and the Bunnymen ou New Order. Tamén está influído por artistas españois como Kiko Veneno, La Dama se Esconde e o cantante sevillano Silvio. A pesar de considerarse como un grupo, o peso de Sr. Chinarro recae maiormente sobre Antonio Luque. De feito, é o único membro do grupo que traballou nel durante a totalidade dos anos de existencia.

O maior atractivo de Sr. Chinarro son as letras das cancións, compostas case totalmente por Antonio Luque, a excepción dalgunhas nos primeiros discos. Nelas combínase o surrealismo e o costumismo. Metáforas, dobres sentidos, xogos de palabras e imaxes cotiás atópanse sen cesar en toda a produción lírica de Antonio Luque.

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes de Sr. Chinarro - o nome é unha homenaxe ao personaxe interpretado polo actor Fernando Chinarro no programa de televisión El gran circo de TVE - remontase a 1990. Naquel ano, Antonio Luque e algúns amigos de Sevilla, entre outros Juan Francisco Morato (ex Bastos), Jesús Franco e Manuel Béjar empezan os ensaios que producirán en 1991 a publicación da primeira maqueta do grupo que contiña 4 cortes. Outra maqueta de dúas cancións tamén sería gravada naquel ano. Durante os primeiros anos, o grupo formaba parte do Colectivo Karma, unha especie de agrupación dos incipientes grupos de indie sevillanos.

Sería co Colectivo Karma como o grupo de Antonio Luque publicase de forma oficial as súas primeiras cancións. No ano 1992 nun disco homónimo do Colectivo apareceron as cancións "Escapa amanecer", "Campanario" e "Esquivar".

As cancións de Sr. Chinarro chegarían logo a Madrid, onde son ben recibidas polo fanzine Malsonando. A persoa que está detrás do fanzine é Jesús Llorente, gran coñecedor da escena indie local. Ao ver que non conseguía que ningún selo publicase o traballo de Sr. Chinarro, sería o propio Llorente quen puxese os medios para que as cancións saísen ao mercado. Desta forma nace Acuarela Discos en 1993 tendo como primeira referencia o EP Pequeño Circo. Desde aquelas até 2005 todos os lanzamentos do grupo serían por medio de Acuarela, agás algún single e algunha colaboración.

En 1994 o grupo viaxa a Nova York para encontrarse con Kramer, famoso produtor que xa traballara con grupos como Galaxie 500, Low ou Bongwater. O resultado do encontro sería o primeiro LP do grupo titulado Sr. Chinarro: trece cancións entre as que se inclúe unha versión de Leave Me Alone de New Order. A pesar do famoso produtor, o son é moi escuro e mate.

O single Lerele (1995) e o disco Compito (1996) seguirían a senda trazada polo primeiro disco, aínda que o grupo vai gañando en matices e profundidade. En 1996 aparece o single de vinilo Ondina dentro do "Club del Single" de Elefant Records; contén unha versión do tema titular de Aviador Dro e outra de La Casa del Misterio dos Ilegales.

A primeira gran transformación chega en 1997. Coa entrada de David Belmonte, pintor e instrumentista, o son tórnase moito máis colorista e alegre. Os coros femininos e as referencias ao folclore andaluz son constantes en El porqué de mis peinados (1997) considerado por algúns como a obra magna de Sr. Chinarro. O disco foi escollido pola revista Mondosonoro como un dos 25 mellores discos en castellano e ocupa o posto 96 na lista dos 100 mellores discos españois do século XX, publicada en 2005 pola revista Rockdelux.

Noséqué-nosécuántos foi publicado en 1998 e continúa a senda da fórmula que tan ben resultara co anterior LP. Belmonte e as referencias andaluzas seguen aí, mais sería a última vez.

Tras pasar 1999 case en barbeito e recompoñéndose da saída da formación de Belmonte e de Sandra -a corista- o 2000 chega co EP La pena máxima. O EP serve como anticipo dos novos traballos, deixando atrás a alegría e o aire costumista que despedían os discos anteriores e facendo tons máis grises e apagados.

No 2001 chega La primera ópera envasada al vacío. Este é posiblemente o disco máis difícil e áspero de toda a produción de Antonio Luque. A música soa cortante e a voz de Luque parece máis apagada que de costume. Moitos quixeron ver no LP unha aproximación ao slowcore de Low e Piano Magic, de moda daquelas, ou incluso ao post-rock.

Como complemento a La primera ópera... publicarán no 2001 o EP La casa encima e no 2002 outro EP de título La tapia del perejil. O son arisco segue aí e incluso Antonio Luque experimenta con efectos de son e samplers até daquela inéditos na súa discografía. No 2001 publicouse tamén o recompilatorio Despídete del lago. Las rarezas de Antonio Luque 1993-2001 onde se incluían caras-b dos singles, mesturas diferentes, versións e cancións inéditas ou aparecidas noutros recompilatorios.

A seguinte reinvención do Sr. Chinarro comeza no 2002 coa publicación do seu sexto LP de título Cobre cuanto antes. Aínda que non é un retorno ao pop propiamente dito, distánciase o suficiente de La primera ópera... para marcar unha nova etapa, que culminará con El ventrílocuo de sí mismo (2003), onde as melodías volven pola porta grande.

A finais do 2003 salta a noticia de que a banda abandona a súa discográfica de toda a vida, Acuarela Discos, para pasar á recentemente creada El Ejército Rojo, un selo propiedade do grupo granadino Los Planetas en colaboración coa multinacional RCA. As causas do cambio non son totalmente ben coñecidas, mais é notoria a amizade que hai entre Antonio Luque cos membros de Los Planetas. Aínda así, Acuarela Discos segue administrando a edición das cancións do grupo sevillano.

A finais de 2004 empeza a gravación do primeiro disco do grupo fora de Acuarela. Nel participan, ademais de Antonio Luque, outros músicos coñecidos da escena indie española, como Antonio Arias (Lagartija Nick), Pedro Sanmartín (La Buena Vida) e o propio J de Los Planetas como corista e produtor do disco. Outra colaboración inesperada é a do cantaor Enrique Morente.

O oitavo disco, El fuego amigo, do 2005, é o disco máis accesible e agradable de toda a discografía de Antonio Luque e cia. A produción está máis coidada que antes e a tan especial voz de Luque soa inmellorable. O disco foi respaldado unanimemente pola crítica chegando incluso a auparse no máis alto das listas do mellor do ano nalgúns medios, como a revista RockdeLux, onde é elixido Disco do Ano. Ademais conta coa particular colaboración de Enrique Morente no tema "El rito".

Para rematar o ano 2005 preséntase tamén o documental sobre o grupo titulado Minutos musicales con el Sr. Chinarro dirixido por Sergio Silva e Mae Molina e estreado no CCCB de Barcelona.

No 2006 Sr. Chinarro edita o álbum El mundo según, unha continuación de El fuego amigo, no selo discográfico Mushroom Pillow. Entre as novas cancións destacan algunhas como "La decoración", "No dispares", "El lejano oeste" ou "Esplendor en la hierba", e é elixido, por segundo ano consecutivo, Disco do Ano pola revista RockdeLux.

Na primavera de 2008 edítase o que até hoxe é o último disco de Sr. Chinarro, Ronroneando, que segue a luminosa e melódica senda estilística marcada nos dous álbums anteriores, ademais de manter uns textos costumistas e cada vez menos cifrados. Neste disco destacan cancións como "Los ángeles", "Tímidos", "Anacronismo" ou "San Antonio".

No 2009 abandonaron a banda Javi Vega, Jordi Gil e Pablo Cabra debido ao éxito de Maga, substituíndoos Damián Fernández, José Tejada e José María Cantos.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

  • Sr. Chinarro 1994. Acuarela Discos
  • Compito 1996. Acuarela Discos
  • El porqué de mis peinados 1997. Acuarela Discos
  • Noséqué-nosécuántos 1998. Acuarela Discos
  • La primera ópera envasada al vacío 2001. Acuarela Discos
  • Despídete del lago. Las rarezas de Antonio Luque 1993-2001 2001. Acuarela Discos
  • Cobre cuanto antes 2002. Acuarela Discos
  • El ventrílocuo de sí mismo 2003. Acuarela Discos
  • El fuego amigo 2005. El Ejército Rojo
  • El mundo según 2006. Mushroom Pillow
  • Ronroneando 2008. Mushroom Pillow

Singles e EP[editar | editar a fonte]

  • Pequeño Circo 1993. Acuarela Discos
  • Lerele 1995. Acuarela Discos
  • Ondina 1996. Elefant Records
  • Su Mapamundi, Gracias / Qué Puedo Hacer|¿Qué puedo hacer? / Su mapamundi, gracias single conxunto con Los Planetas 1997 Acuarela Discos
  • La pena máxima 2000. Acuarela Discos
  • Consecuencias de la pena máxima 2000. Single exclusivo para el club de fans "Mártires de Santa Teresa"
  • Tributo a The Cure single conxunto con Migala 2000. Acuarela Discos
  • La casa encima 2001. Acuarela Discos
  • La tapia del perejil 2002. Acuarela Discos

Obra escrita[editar | editar a fonte]

  • VV.AA., Matar en Barcelona (antoloxía de relatos), Alpha Decay, Barcelona, 2009.
  • Antonio Luque, Socorrismo (relatos), Alpha Decay, Barcelona, 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]