Shinova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Shinova
OrixePaís Vasco País Vasco,
Período2008- presente
Xénero(s)rock alternativo
Selo(s) discográfico(s)Maldito Records e Warner Music
MembrosGabriel de la Rosa, Daniel del Valle, Erlantz Prieto, Ander Cabello e Joshua Froufe
Na rede
shinovaoficial.com
Musicbrainz: 2468709c-679b-401b-a88d-412fcbcc3ec1 Songkick: 5362523 Editar o valor em Wikidata

Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ander Cabello e Gabriel de la Rosa coñécéronse no verán de 2008 nuns locais de ensaio de Abadiño. Decidiron comezar a subir cancións súas a internet co fin de divertírense e daren renda solta á súa creatividade. Ao pouco tempo, vendo a repercusión desas composicións, decidiron formar unha banda para interpretaren en directo os seus temas. Nesta primeira formación de Shinova estaban Eneko Urcelay (batería), Ander Cabello (baixo), Iñaki Elorza (guitarra), Javier Martín (guitarra) e Gabriel de la Rosa (voz).

Primeira etapa: “Latidos” e “La Ceremonia de la Confusión”[editar | editar a fonte]

En maio de 2009 Shinova publicou o seu primeiro disco, “Latidos”, cun son situado dentro do rock duro e mesmo metal melódico. Foi gravado nos Estudos Santos de Ondarroa (Biscaia), mesturado nos Estudios Cube (Madrid) e masterizado na Nave de Oseberg (Buenos Aires). Pronto comezaron as boas críticas e o recoñecemento de moitos medios especializados. Mariskalrock nomeou a Shinova como “mellor banda debutante do ano” no seu referendo anual.

Tras unha xira de ano e medio na que percorreron gran parte da Península, a banda entrou nos estudos “Estoldetan” de Berriz para gravar o seu segundo álbum, “La Ceremonia de la Confusión” (2011), cun estilo máis duro có do primeiro. Neste período Iñaki Elorza (tamén guitarrista de Seiurte) deixou a formación, e entrou no seu lugar Xabier Laria. Tras mesturar o disco nos Sandman Studios (Madrid) de Carlos Santos e masterizalo nos estudos Finnvox de Helsinqui de Mika Jussila, comezaron unha xira de presentación durante todo 2011 e principios do 2012. Producíronse entón cambios na formación; Javier Martín desvinculouse do grupo e entrou Argi como novo guitarrista, amais de incorporarse Christian Rodríguez nos sintetizadores. Ao remate da xira decidiron parar para empezar a traballar nun novo disco. Comezou así un proceso que desembocou no que se podería considerar a segunda etapa de Shinova.

Segunda etapa: “Ana y el Artista Temerario”[editar | editar a fonte]

Entre a segunda metade de 2012 e febreiro de 2014, co obxectivo de atopar unha liña artística que os motivase, os membros de Shinova compuxeron máis de 70 cancións e seleccionaron 12 que rompían co estilo de todo o que publicaran até entón. Despois dun período de conversas internas, coa orientación artística como tema central, Eneko, Xabier e Christian decidiron deixar o grupo. Incorporáronse como guitarristas Erlantz Prieto e Daniel del Valle, e Joshua Froufe uniuse á formación como novo batería. Con esta formación publicaron en 2014 “Ana y el Artista Temerario” co selo Maldito Records. Foi gravado e mesturado por José Caballero nos estudios Neo Music Box de Aranda de Duero e masterizado por Alex Cappa. O disco supuxo unha revolución na contorna de Shinova, que recibiu con perplexidade e satisfacción o novo rumbo da banda. O estilo do álbum, desta vez, aproximábase máis ao indie rock, mais mantiña a súa personalidade xenuína.

En agosto dese ano formaron parte por primeira vez do Sonorama Ribera, na carpa Future Stars. Alí comezaron unha xira que lles serviría como presentación para un novo público que se sumou ao da anterior etapa. As salas que un tempo atrás acollían un público reducido comezaron a verse máis cheas.

Plaza del Trigo e "Volver"[editar | editar a fonte]

O último trimestre de 2015 Shinova volveu aos Neo Music Box. O novo disco, “Volver”, publicado por Warner en 2016, representou outra volta no seu son, con “Doce Meses (El Año del Maravilloso Desastre)” como sinxelo. A gran repercusión desta canción serviu para que o grupo gañase moita visibilidade ante o público e os medios. O 13 de agosto de 2016 pecharon a prestixiosa Plaza del Trigo do Sonorama Ribera cunha actuación memorábel que para a organización do festival estivo “á altura das actuacións de Vetusta Morla ou Supersubmarina na mesma praza”. Ese día marcou un punto de inflexión na traxectoria do grupo, que comezou a participar en festivais como o Festival Gigante de Guadalaxara ou o Interestelar de Sevilla.

A publicación de “Volver” o 16 de setembro de 2016 facilitou que a banda puidese realizar unha xira en mellores condicións técnicas cás anteriores, con máis datas e mellor escenografía. A mesma semana da súa publicación, “Volver” situouse nas primeiras posicións das listas oficiais de vendas españolas, o que constatou o esplendor do grupo. Ao longo de 2017, Shinova confirmou medio centenar de actuacións, entre elas a celebración do XX Aniversario do Sonorama Ribera, da que formaron parte xunto a bandas como Second e Luis Brea y el Miedo. Amais, confirmaron a súa presenza nunha quincena de festivais.

"Cartas De Navegación"[editar | editar a fonte]

A finais do verán de 2018, a banda anunciou que se atopaba traballando no que sería o seu quinto disco de estudio. Pouco despois desvelaron que se chamaría "Cartas De Navegación", e presentaron a portada e o primeiro sinxelo, "El Álbum". O disco saíu á venda o 5 de outubro de 2018 en formato CD, vinilo branco + CD e álbum dixital. Logrou un grande éxito de vendas e chegou a colocarse entre os primeiros postos das listas oficiais de vendas en España.[1] "Cartas de Navegación" foi presentado o 2 de febreiro de 2019 na Sala La Riviera de Madrid.[2]

"La Buena Suerte"[editar | editar a fonte]

Tras anuncialo apenas dous días antes, o 8 de abril de 2020 Shinova lanzou o videoclip dun novo tema chamado "Ídolos (Los Mejores Momentos Están Por Llegar)". O 19 de xuño saíu á luz o videoclip dun novo tema, "Palabras", coa colaboración da cantautora Elena Iturrieta. Un terceiro videoclip doutro novo tema, "Te debo una Canción", foi lanzado o 18 de setembro e o 13 de novembro apareceu un cuarto tema novo, "Puedes apostar por mí", co seu videoclip oficial. A comezos de decembro desvelouse que os catro temas formarían parte do seu sexto disco de estudio, "La Buena Suerte", publicado o 26 de febreiro de 2021. Antes de dita data aínda se publicaron dous temas máis, "Solo Ruido" e "La Sonrisa Intacta".

Membros[editar | editar a fonte]

Outros membros[editar | editar a fonte]

  • Eneko Urcelay – batería (2008-2014)
  • Iñaki Elorza – guitarra (2008-2010)
  • Javier Martín - guitarra (2008-2011)
  • Xabier Laria - guitarra (2011-2014)
  • Argi - guitarra (2012-2013)
  • Christian Rodríguez - sintetizadores (2011-2014)
  • David Gorospe - batería na gravación de "Ana y el Artista Temerario"

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

Ano Álbum Discográfica Produtor
2009 Latidos DFX Shinova
2011 La Ceremonia de la Confusión Autoprodución Shinova
2014 Ana y el Artista Temerario Maldito Records José Caballero
2016 Volver Warner Music Spain José Caballero
2018 Cartas De Navegación Warner Music Spain Mikel Santos
2021 La Buena Suerte Warner Music Spain Manuel Colmenero

EP[editar | editar a fonte]

  • Niña Kamikaze
  • Qué Casualidad
  • Para Cambiar el Mundo
  • Doce Meses (El Año del Maravilloso Desastre)

Colaboracións[editar | editar a fonte]

  • Para Cambiar el Mundo - Colaboración con Sean Frutos (Second)
  • Viajero - Colaboración con Jairo Zavala (Depedro)
  • Qué Casualidad - Colaboración con Shuarma (Elefantes)
  • Volver - Colaboración con Rozalén
  • En el Otro Extremo - Colaboración con Marc Gili (Dorian)
  • Palabras - Colaboración con ELE
  • Gigantes - Colaboración con Idoia Asurmendi

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Estrenamos "Cartas de navegación", adelanto de lo nuevo de Shinova". Mondo Sonoro (en castelán). 21 de setembro de 2018. Consultado o 7 de outubro de 2022. 
  2. "Shinova presentará su nuevo disco en la sala La Riviera de Madrid". El Rescate Musical (en castelán). 20 de setembro de 2018. Consultado o 7 de outubro de 2022. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]