Serotipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dous serotipos 1a e 1b con antíxenos 2a e 2b na superficie, aos que se unen os anticorpos 3a e 3b respectivamente.

Un serotipo ou serovar é un microorganismo bacteriano ou virus que presenta unha variación antixénica con respecto aos da súa mesma especie.[1] Os microorganismos das especies de bacterias ou virus agrúpanse en serotipos ou serovares segundo os seus antíxenos de superficie, para facilitar a súa clasificación epidemiolóxica a nivel de subespecies e outros estudos.[2][3][4] Un grupo de serovares con antíxenos comúns denomínase serogrupo.

Un serotipo determinado é unha subpoboación dun microorganismo infeccioso que se diferencia doutras subpoboacións da mesma especie por medio de probas serolóxicas. As respostas inmunitarias do organismo fronte a un serotipo dun microorganismo (por exempoo o virus da gripe) poden non protexer fronte a outro serotipo desa mesma especie.

Os serotipos poden establecerse segundo factores de virulencia, como lipopolisacáridos en bacterias Gram negativas, presenza de exotoxinas, plásmidos, bacteriófagos, ou outras características que diferencian a dous elementos da mesma especie por medio de diversas probas. En particular é posible distinguir diversos serotipos dunha especie bacteriana ou viral cando o material orgánico infectado (por exemplo o sangue) reacciona positivamente só cun determinado soro, que contén un anticorpo que se pode ligar a un antíxeno específico do microbio. A capacidade de distinguir diversos serotipos dentro dunha mesma especie viuse moi aumentada co desenvolvemento de novas técnicas diagnósticas que aproveitan as propiedades que teñen os anticorpos monoclonais de reaccionaren de modo altamente específico con determinados antíxenos.

Os serotipos e serogrupos desígnanse en conxunto con números, letras, ou números romanos.[3]

O serotipado con frecuencia é esencial para a determinación de especies e subespecies en microbioloxía. A posibilidade de recoñecer con precisión un determinado serotipo é moi importante na epidemioloxía dalgunhas doenzas infecciosas, porque permite reconstruír a procedencia e a circulación da infección, e tamén para a preparación de vacinas que protexan contra as posibles variantes do axente patóxeno. O xénero bacteriano Salmonella, por exemplo, ten uns 4400 serotipos, entre os que están Salmonella enterica serovar Typhimurium, S. enterica serovar Typhi, e S. enterica serovar Dublin.[3] No caso de Vibrio cholerae, especie bacteriana que causa o cólera, esta ten uns 200 serotipos, e só dous deles producen a potente enterotoxina que orixina os síntomas do cólera: 0:1 e 0:139.

Os serotipos descubriunos a microbióloga norteamericana Rebecca Lancefield en 1933. Esta investigadora fixo unha clasificación serolóxica dos estreptococos beta-hemolíticos,[5] que estaba baseada na composición dos carbohidratos dos antíxenos bacterianos da súa parede celular.[6]

Tamén se chama serotipo aos diferentes tipos antixénicos presentes na superficie das células inmunitarias e demais células de diferentes individuos (ver antíxeno leucocitario humano).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Free dictionary [1]
  2. Baron EJ (1996). Classification. In: Baron's Medical Microbiology (Baron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. (via NCBI Bookshelf). 
  3. 3,0 3,1 3,2 Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  4. "serovar." The American Heritage Medical Dictionary. 2007. Houghton Mifflin Company 24 Oct. 2009 http://medical-dictionary.thefreedictionary.com/serovar
  5. Lancefield RC (1933). "A serological differentiation of human and other groups of hemolytic streptococci.". J Exp Med 57 (4): 571–95. DOI:10.1084/jem.57.4.571. PMC 2132252. PMID 19870148. http://www.jem.org/cgi/content/abstract/57/4/571. 
  6. Patterson MJ (1996). Streptococcus. in: Baron's Medical Microbiology (Baron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/books/bv.fcgi?highlight=Lancefield&rid=mmed.section.824. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]