Sepioteuthis sepioidea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Sepioteuthis sepioidea
Squid colors 2.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Orde: Teuthida
Familia: Loliginidae
Xénero: Sepioteuthis
Especie: S. sepioidea
Nome binomial
Sepioteuthis sepioidea
(Blainville, 1823)
Sinonimia
  • Loligo sepiodea
    Blainville, 1823
  • Sepioteuthis biangutata
    Rang, 1837
  • Sepioteuthis sepiodea
    Orbigny, 1839
  • Sepioteuthis sloani
    Leach, 1849
  • Sepioteuthis ovata
    Gabb, 1868
  • Sepioteuthis ehrhardti
    Pfeffer, 1884
  • Sepioteuthis accidentalis
    Robson, 1926
  • Sepia officinalis jurujubai
    Oliveira, 1940

Sepioteuthis sepioidea é unha lura de arrecife caribeña de pequeno tamaño (20 cm) con forma de torpedo e aletas ondulantes que se estenden case por toda a lonxitude do seu corpo. Unha particularidade desta especie é que é unha "lura voadora", como descubriu en 2001 a bióloga mariña Silvia Maciá. A especie pode propulsarse saltando fóra da auga ata unha altura duns 2 m e planar no aire uns 10 m antes de reentrar na auga. Posteriormente identificáronse seis especies de luras voadoras.[1]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

S. sepioidea en Bonaire.
Banco de S. sepioidea no Dry Tortugas National Park de Florida.
S. sepioidea preto do fondo do mar.
Primeiro plano dunha S. sepioidea.

A S. sepioidea encóntrase por todo o mar Caribe e nas costas de Florida, normalmente en pequenos bancos de 4 a 30 individuos en zonas pouco profundas asociadas con arrecifes. O hábitat desta especie cambia segundo cal sexa o estado da vida da lura e o seu tamaño. As crías despois de eclosionaren tenden a residir preto da costa en áreas de 0,2 a 1 metro de profundidade sobre ou baixo vexetación. Os individuos xoves pequenos congréganse xeralmente en zonas pouco profundas con anxiospermas mariñas do xénero Thalassia preto de illas, e permanecen a profundidades de poucos centímetros ata 2 metros para evitar as aves depredadoras. Os adultos aventúranse en mar aberto e poden atoparse en profundidades de ata 100 m. Cando se emparellan, os adultos poden encontrarse preto dos arrecifes de coral en profundidades de 1,5 a 8 m. Esta é a única especie de lura que os mergulladores ven comunmente sobre arrecifes costeiros de Florida, Bahamas e de toda a rexión caribeña.

Comportamento alimenticio[editar | editar a fonte]

Esta especie, como a maioría das luras, é un voraz depredador e consome diariamente un peso en comida tipicamente do 30 ao 60% do seu peso corporal. Captura as presas usando o extremo con forma de maza dos seus tentáculos longos, que son despois arrastradas á boca agarradas polos seus outros brazos máis curtos. Igual que outros cefalópodos, ten un forte peteiro córneo, que usa para cortar en cachos a súa presa para poder despois usar a súa lingua rasposa, ou rádula, para rillar a comida. Come pequenos peixes, outros moluscos e crustáceos.

Comunicación[editar | editar a fonte]

S. sepioidea comunícase usando unha variedade de cambios de cores, formas e texturas. As luras poden realizar cambios rápidos na cor da súa pel e o patrón dos debuxos depende do control nervioso dos seus cromatóforos.[2] Ademais de servir para a camuflaxe e para parecer máis grande cando se ve ameazado, as luras usan cores, patróns, e lampos para comunicarse unhas con outras en rituais de cortexo. S. sepoidea pode enviar unha mensaxe de patróns de cor a outra lura que está á súa dereita, á vez que mandan outra mensaxe visual diferente a outra que teñen á esquerda.[3][4]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Igual que outros cefalópodos, S. sepioidea é semélpara, xa que morre despois de reproducirse. As femias depositan os seus ovos e morren inmediatamente despois, pero os machos, poden fertilizar moitas femias nun curto período de tempo antes de morrer. As femias poñen os seus ovos en zonas ben protexidas espalladas polo arrecife. Os machos máis grandes, despois de competiren con outros 2 a 5 machos aproxímanse ás femias e acaríñanas delicadamente cos seus tentáculos. Ao principio a femia pode indicar a súa alarma despregando un debuxo diferente na pel, pero o macho axiña a calma lanzándolle xorros de auga que a impulsan suavemente cara atrás. O macho volve repetidamente ata que a femia o acepta, e a parella pode continuar esta danza ou cortexo durante unha hora. O macho despois adhire un paquete de esperma pegañoso ao corpo da femia á vez que mostra un debuxo pulsante na pel. A femia sitúa o paquete no seu receptáculo seminal, procura un sitio axeitado para poñer os ovos en pequenos grupos e despois morre.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jahr, F. 2010. Fact or fiction: Can a squid fly out of the water?. Scientific American, August 2, 2010.
  2. Cloney RA. & Florey E. Ultrastructure of cephalopod chromatophore organs. Z Zellforsch Mikrosk Anat. 1968; 89:250-280. PMID 5700268
  3. The Cephalopod Page: Sepioteuthis sepioidea, Caribbean Reef squid
  4. Byrne, R.A., U. Griebel, J.B. Wood & J.A. Mather 2003. Squids say it with skin: a graphic model for skin displays in Caribbean Reef Squid. Arquivado 04 de xullo de 2007 en Wayback Machine.|3.86 MiB Berliner Geowissenschaftliche Abhandlungen 3: 29-35.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

CephBase 222 Sepioteuthis sepioidea