Sendeiriña
Sendeiriña | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sendeiriñas (Marasmius oreades) | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Marasmius oreades' (Bolton) Fr (1836) |
A sendeiriña[1] Marasmius oreades é un fungo basidiomiceto da orde Agaricales.[2][3] O seu cogomelo, é comestíbel e apreciado, e moi frecuente en Galiza e na Península Ibérica en xeral.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Marasmius oreades medra por toda América do Norte e en Europa, en primavera, verán e outono, aínda que é posíbel atopalas todo o ano en climas temperados. Froitifican en xuño tras a choivas en grandes cantidades polos prados e pasteiros, nos berís dos camiños, en zonas herbosas incluso en dunas de zonas costeiras.
Medra formando os curros das meigas (circunferencias case perfectas), ou ben en ringleiras nos prados e pasteiros.
Descrición
[editar | editar a fonte]Chapeu de 2 a 6 ou 7 cm, ao comezo en forma de campá, despois convexo e finalmente estendido, conservando no centro un umbo obtuso. É higrófano, e segundo o grao de hidratación a cor varía dende a crema escura cando o cogomelo está hidratado até un ton abrancazado enxugado. Marxe habitualmente estriada. As lamelas de cor abrancazada ou crema, espazadas entre si, ceibas ou algo escotadas, grosas. Pé central, cilíndrico e bastante longo, de cor abrancazada ou da mesma cor ca o chapeu, de consistencia elástica, o que fai que aplicándolle unha torsión sexa quen de tornr ao seu estado primixenio sen crebar. A carne é escasa, abrancazada, cun recendo agradábel característico e sabor suave. As esporas son transparentes.
Confusións
[editar | editar a fonte]Pode confundirse con Marasmius collinus Singer, que se cre que pode ser tóxico e que medra nos mesmos locais. Este ten o pé oco e feble, que creba de xeito doado, e a carne bota un fedor desagradábel, coma o allo. Máis perigosa é a confusión, sobre todo cando están parcialmente secas, con cogomelos tóxicos dos xéneros Inocybe, Citocybe e Lepiota, que tamén poden medrar nos pasteiros.
Valor culinario
[editar | editar a fonte]Esta especie é un bo comestíbel, de sabor fino e delicado, sempre e cando apañemos soamente os chapeus e desbotemos o pé. Pode confundirse con Marasmius collinus, dado que o seu tamaño e cor son semellantes, medran na mesma época e no mesmo hábitat, mais este último ten as lamelas moito máis apertadas, cheiro desagradábel, e se aplicasemos a torsión o pé crebaría.
Malia non ser carnoso é moi apreciado este cogomelo na culinaria, sendo dos fungos máis procurados.
Para a súa conservación sepárase o pé do chapeu, unindo varios chapeus cun fío e pónddo a secar. Cando estea deshidratado gárdase para o seu consumo posterior. Os pés desbótanse, aínda quen hai que os enxuga e esmaga, utilizándoos coma condimento para os guisados de carne ou peixe.
O sabor doce deste cogomelo débese á presenza de trehalosa, un tipo de azucre que permite que o cogomelo reviva ao contacto coa auga, logo de ser deshidratado, ademais de posibilitar a reprodución celular e a creación de esporas para volver a se reproducir.
Úsase no "fricandó", típico guisado catalán de vitela con cogomelos. Tamén se emprega en tortilla ou revoltos.
Refráns
[editar | editar a fonte]- Volta e media o pé, si non rompe, sendeiriña é. (polo feito de que o pé é moi elástico e se pode retorcer fortemerte e non creba nin no primeiro xiro.)
- As sendeiriñas son pequeniñas pero enchen o cesto axiña.
- Sendeiriña trouleira, brinca se lle tocas no alto da perneira. (O mellor xeito de apañar os Masarmius oreades é cortando o pé con tesoiras, aínda que facendo presión coa unlla entre pé e o chapeu saltan cunha simple presión[4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome vulgar galego en Guía da alimentación Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1995; Vocabulario forestal, 2012, VV. AA. Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo; "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991
- ↑ "Marasmius oreades". Index Fungorum (en inglés). CAB International, CBS e Landcare Research New Zealand Limited.
- ↑ "Marasmius oreades". Catalogue of Life (2010 Annual Checklist) (en inglés). ITIS. Consultado o 14 de maio de 2010.
- ↑ Na Web de Galicia Encantada - http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=8&id=766
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sendeiriña |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sendeiriña |