Seixo Branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°23′47″N 8°20′58″O / 43.39639, -8.34944

Localización do Seixo Branco
Seixo Branco
Seixo Branco

O Seixo Branco é como se coñece un filón branco de cuarzo situado na costa de Dexo-Serantes, facilmente recoñecible dende o mar, e que, inclusive serve de orientación aos navegantes pola zona.

Vista do Seixo Branco dende o cantil
Vista do Seixo Branco dende o mar

Situación[editar | editar a fonte]

Está dentro da zona especial de conservación (ZEC) Costa de Dexo, que ocupa o tramo costeiro comprendido entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, entre as rías de Ares e Betanzos, e Ría da Coruña no denominado Golfo Ártabro. Este espazo natural, de gran riqueza biolóxica, demais está declarado como monumento natural.[1][2]

A perspectiva panorámica na súa proximidade permite contemplar o cabo Prior, a ría de Ares e a cidade da Coruña, coa Torre de Hércules. Tamén se divisa dende el o illote coñecido como A Marola, que inspirou o refrán mariñeiro "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda", facendo referencia á bravura do mar nesta zona da costa.

Natureza[editar | editar a fonte]

Resultan interesantes, ademais, as formacións xeolóxicas que se dan nos acantilados da zona. Trátase de covas mariñas chamadas furnas, orixinadas pola erosión superior do vento e a erosión inferior do mar. Coa marusía, a auga canalízase polas cavidades e acelérase dado o estreitamento, saíndo á superficie a modo de chorro pulverizado. Entre elas cabe destacar A Regocha, Ollo Pequeno e Ollo Grande.

O clima oceánico húmido consegue manter unhas temperaturas pouco flutuantes ao longo do ano. A fauna que habita estes cantís está composta principalmente por aves mariñas, como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Entre as plantas especializadas que enraízan nas fírgoas dos saíntes graníticos está a armeria pubigera e unha especie moi predominante, o toxo (Ulex europaeus).

Historia e turismo[editar | editar a fonte]

A súa situación estratéxica converteu este lugar nunha localización dunha batería militar deseñada antes da guerra civil e abandonada a partir da segunda guerra mundial.

Pouco antes de chegar a Seixo Branco, está o faro de Mera e un pequeno centro de interpretación na que foi a antiga casa do fareiro.

Tamén se atopa preto o castro de Subiña, exemplo representativo da cultura castrexa. Trátase dun recinto duns 150 metros de diámetro, fortificado en dúas estruturas circulares concéntricas, aínda sen escavar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Consellaria de Medio Ambiente, Ordenación e Territorio, Xunta de Galicia. (eds.). "Monumento Natural: Costa de Dexo". 
  2. Consellería de Medio Ambiente (10 de maio de 2000). "DECRETO 101/2000, do 31 de marzo, polo que se declara monumento natural a Costa de Dexo.". Diario Oficial de Galicia (89): 7417. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]