San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "San Xurxo de Sacos, Cotobade")

Coordenadas: 42°31′07″N 08°31′07″O / 42.51861, -8.51861

San Xurxo de Sacos
IgrexaSanXurxo.jpg
Igrexa parroquial.
Concello Cerdedo-Cotobade
Área 12,5 km²
Poboación 519 hab. (2015)
Densidade 41,52 hab./km²
Entidades de poboación 11

San Xurxo de Sacos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE[1], en 2015 tiña 519 habitantes (262 homes e 257 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un descenso en relación co ano 2006, cando tiña 610 habitantes.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Debuxo do petróglifo da Eira dos Mouros publicado por Murguía no seu libro Historia de Galicia.

Nesta parroquia, no lugar de Fentáns, atópase a coñecida como Pedra das Ferraduras, unha gran rocha de granito que presenta unha combinación de círculos concéntricos e no seu anel exterior pegadas de cérvidos e bóvidos; un bo exemplo dos petróglifos do val do río Lérez. Tamén a Laxe do Cuco, da idade do bronce, con figuras de cérvidos e combinacións circulares e a Pedra do Lombo da Costa, con máis de 30 metros cadrados e máis de 20 rochas gravadas. Tamén se atopa nesta parroquia a Eira dos Mouros, outro petróglifo que xa foi documentado por Murguía na súa obra Historia de Galicia.

Cruzando o río Lérez, está a ponte de San Xurxo, ponte de cantería do século XVIII con arco de medio punto. Tamén existe unha antiga reitoral dos séculos XVII-XVIII, convertida nunha casa rural.

A súa igrexa parroquial está no lugar de Fontán. Hai tamén tres pequenas capelas en Cuspedriños, Fentáns e na Carballeira do San Xusto.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

  • Carballeira de San Xusto.
  • Balneario de San Xusto, un balneario de augas sulfuro-fluoradas que nacen entre unhas rocas na marxe do río Lerez. Estas augas foron, e son, recomendadas polos médicos para diferentes doenzas, especialmente as cutáneas. Hai tempo facíase un xabrón de sales moi coñecido.

Festas[editar | editar a fonte]

  • Romaría dos Santos Xusto e Pastor: celebrada na capela da carballeira de San Xusto, o primeiro venres e sábado de agosto.
  • San Xurxo, festa patronal, 23 de abril.
  • Virxe do Carme, en Cuspedriños, 16 de xullo.
  • Inmaculada Concepción, en Cutián, 8 de decembro.
  • A Candelaria, en Fentáns, 2 de febreiro.
  • As Neves, en Fentáns, 5 de agosto.
  • Os Remedios, en Fentáns, 8 de setembro
  • Santa Bárbara, en Cuspedriños, 4 de decembro.

San Xusto de Sacos na literatura popular[editar | editar a fonte]

  • A Carballeira do San Xusto,/ ten ó lado unha xesteira/ onde hei de botar a noite/ cunha mociña solteira.
  • Carballeira de San Xusto,/ carballeira derramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla.
  • Carballeira de San Xusto,/ carballeira enramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla [2].
  • Carballeira de San Xusto/ moitos arrodeos ten,/ se non fora polos Santos/ alá non iba ninguén.
  • Carballeira do San Xusto,/ Carballeira do San Xusto,/ naquela carballeiriña/ hei de beilar ó meu gusto.
  • Carballeira do San Xusto,/ carballeiriña famosa,/ naquela carballeiriña/ perdín eu a miña rosa.
  • O castaño do San Xusto/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha noite de xiada.
  • San Xusto e San Pastor/ andan polos cotos/ para dar gracias ós forasteiros/ e curar ós coxos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de San Xurxo de Sacos[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de San Xurxo de Sacos no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade

Barbeitos | Calva da Viña | Cuspedriños | Cutián | Fentáns | Fontán | Lombo do Muíño | A Longa | Mirón | O Outeiro | San Xurxo

Parroquias de Cerdedo-Cotobade[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cerdedo-Cotobade

Aguasantas (Santa María) | Almofrei (San Lourenzo) | Borela (San Martiño) | Carballedo (San Miguel) | Caroi (Santiago) | Castro (Santa Baia) | Cerdedo (San Xoán) | Corredoira (San Gregorio) | Figueiroa (San Martiño) | Folgoso (Santa María) | Loureiro (Santiago) | Parada (San Pedro) | Pedre (Santo Estevo) | Quireza (San Tomé) | Rebordelo (San Martiño) | Sacos (Santa María) | San Xurxo de Sacos (San Xurxo) | Tenorio (San Pedro) | Tomonde (Santa María) | Valongo (Santo André) | Viascón (Santiago)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor de Galicia" (en galego). 
  2. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 257.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]