Síndrome de descompresión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Síndrome de descompresión
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A síndrome de descompresión é o nome empregado para denominar á enfermidade aguda coñecida en medicina como embolia gasosa, producida por unha diminución brusca da presión atmosférica. Esta doenza caracterízase pola aparición de pequenas burbullas e inflamación a nivel subcutáneo, pero o síntoma inequívoco é a aparición dunha forte dor que afecta a diversas partes do corpo. Certas rexións corporais poden sufrir parálise transitoria e, nalgunhas ocasións, prodúcense lesións permanentes e mesmo a morte.[1][2]

Esta síndrome de descompresión tamén se coñece como enfermidade dos mergulladores ou mal de presión.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira vez que se observou este proceso foi en 1839, e pronto foi coñecido entre os mergulladores e os traballadores que debían permanecer durante períodos prolongados en cámaras de aire comprimido. Os síntomas aparecían ao volveren ás condicións atmosféricas habituais. A única medida terapéutica que se coñecía consistía en devolver á vítima a unha cámara de alta presión, e iniciar a descompresión de xeito lento e progresivo. Ignorábase a causa dos síntomas.

Durante a segunda guerra mundial, a evolución da aeronáutica permitiu que os avións alcanzasen máis de 9.000 m en 6 minutos; a esa altitude, a presión atmosférica é inferior a un terzo da presión atmosférica a nivel do mar. Unha despresurización tan brusca conducía con frecuencia á aparición dunha síndrome de descompresión no piloto.

Estudos da enfermidade[editar | editar a fonte]

Con este motivo empezouse a estudar en profundidade o mecanismo da doenza: un descenso brusco da presión do aire produce unha diminución da solubilidade dos gases en solución, e por tanto os gases disoltos retornan ao estado gaseoso dentro da corrente sanguínea, formando burbullas de gas. Estas burbullas de gas liberadas dentro da corrente sanguínea poden obstruír algúns dos vasos terminais (arteriolas), interrompendo a achega de sangue ás terminacións nerviosas, desencadeándose así os síntomas que se producen a consecuencia de cadros isquémicos (infartos) en diferentes zonas, cerebrais, óseas, renais etc. O osíxeno e o dióxido de carbono volven ao seu estado soluble dentro do sangue con rapidez, pero os gases inertes permanecen en estado gaseoso e por tanto son os principais responsables.

Pódese previr a aparición desta enfermidade facendo que o piloto respire osíxeno puro non só durante o voo, senón tamén antes do mesmo. Desta maneira elimínase o nitróxeno da circulación.

Para que non se presente esta enfermidade nos mergulladores, estes deben respirar unha mestura gasosa que conteña un ou máis gases inertes (por exemplo: nitróxeno, helio, hidróxeno), e deben permanecer un tempo e a unha profundidade determinada para que se produza unha saturación considerable de gas inerte nos tecidos. Nesas condicións é imprescindible realizar durante o ascenso paradas estáticas polo mergullador para eliminar o sobrante de gas inerte que se acumula nos tecidos. En caso de omitírense estas paradas producirase unha sobresaturación excesiva de gas inerte que pode alcanzar o punto crítico de sobresaturación a partir do que o gas cambia de estado e forma burbullas. Estas burbullas, que poden ser intravasculares e/ou extra vasculares, son as responsables do cadro sintomático da enfermidade descompresiva.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bernardo Marín Fernández; I. Alvarez Ordas (1 de xaneiro de 1994). Introducción a la medicina y ciencias del deporte. Universidad de Oviedo. pp. 267–. ISBN 978-84-7468-821-4. Consultado o 18 de marzo de 2012. 
  2. Francisco Verjano Díaz (abril de 2000). El hombre subacuático: manual de fisiología y riesgos del buceo. Ediciones Díaz de Santos. pp. 115–. ISBN 978-84-7978-396-9. Consultado o 18 de marzo de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]