Síndrome de Münchhausen por poder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A síndrome de Münchhausen por poder (MSBP do inglés Münchhausen Syndrome by power ou by proxy, en galego SMPP) aparece mencionada no DSM-IV-TR coma unha forma de maltrato infantil por proximidade. É un trastorno no que unha persoa deliberadamente causa lesión, enfermidade ou desorde a outra co obxecto de chamar a atención ou acadar algún outro beneficio persoal. Esta síndrome foi descrita por diversos autores coma unha das formas máis daniñas de abuso infantil[1].

O coidador adoita ser a nai, pai ou titor, e a vítima adoita ser unha persoa vulnerable, independendentemente da súa idade. A maioría dos casos involucran a indución da enfermidade física, aínda que tamén é posible a indución de condicións que aparentan ser xenéticas ou de desorde psicolóxica.

Descrición inicial[editar | editar a fonte]

En 1977, Roy Meadow (daquela profesor de Pediatría na Universidade de Leeds), describiu o extraordinario comportamento de dúas nais: segundo o relato do doutor Meadow, unha envelenara o seu fillo con cantidades excesivas de sal. A outra introducira o seu propio sangue nunha mostra de ouriños do seu bebé. Referiuse a este comportamento coma o síndrome de Münchhausen por poder (MSBP).

A comunidade médica foi inicialmente escéptica ante a existencia de MSBP, pero aos poucos foi aceptándoa coma unha condición médica recoñecida.

Sinais diagnósticos[editar | editar a fonte]

Requírese cautela no diagnóstico das enfermidades inducidas ou inventadas. Un correcto diagnóstico de MSBP debe incluír, desde a ética, unha correcta avaliación do neno, avaliación dos pais e tamén da dinámica familiar. Un diagnóstico baseado unicamente nunha revisión do seu historial médico, pode ser rexeitado polo Poder Xudicial.

O provedor de coidado adulto que está abusando dos nenos, decote parece cómodo no seu lugar e non chama a atención se chega a visitar o neno no hospital. Os profesionais médicos deben vixiar as visitas de adultos ós nenos mentres permanezan no hospital, e denunciar ante as autoridades legais os casos de abusos.

Predominio por xénero[editar | editar a fonte]

Notouse que esta síndrome se aplica sobre todo sobre homes, mentres que é desproporcionadamente maior a cantidade de proxenitores femininos cá de masculinos que actúan de perpetradores. Segundo un estudo feito en 2006, en máis do 90 % dos casos de Síndrome de Münchhausen por poder a nai fora quen abusara[2]. A preponderancia feminina pode ser atribuída a un modelo de socialización, que anima á femia a buscar a compaixón e a axuda doutros.

A SMPP tamén pode ser atribuída a outro modelo de socialización frecuente, que coloca a femia a cargo do coidado primario que vai ter o neno[3].

Controversia[editar | editar a fonte]

Entre 1990 e comezos da década de 2000, Meadow foi perito en varios casos de filicidios, e nalgúns casos os pais foron erroneamente condenados e encarcerados por asasinar os seus fillos. En 2003, Frederick Curzon, portavoz de saúde do Partido Conservador na Cámara dos Comúns, acusou a Meadow de inventar unha "teoría sen ciencia" e de negarse a presentar probas para demostrar a existencia da Síndrome de Munchausen por poder. É importante distinguir entre o acto de danar un neno, que pode ser facilmente verificado (e hai moitos casos para demostrar que isto sucede), e a intención, que é moito máis difícil de comprobar e que trata de explicar a SMPP. Coma exemplo, unha persoa podería ser prexudicial para un neno simplemente por malicia, e non coa fin de chamar a atención e lograr simpatía.

A distinción é decote crucial no proceso penal, no que a fiscalía debe demostrar o acto e os elementos que constitúen un crime para poder establecer a responsabilidade. Na maioría dos ordenamentos xurídicos, un médico pode dar testemuña pericial en canto a se un neno está sendo prexudicado, pero non pode especular acerca da motivación da persoa. Meadow refírese ao feito de que a enfermidade é inducida ou fabricada con intencionalidade específica, tanto por unha nai coma por un coidador. Na actualidade hai máis de 2.000 informes de casos de SMPP en publicacións profesionais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Trastorno Ficticio por poderes", artigo de Fernando Sell Salazar (en castelán) (consultado o 24 de febreiro de 2010).
  2. "A case of Munchausen syndrome by proxy with subsequent suicide of the mother" Arquivado 21 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine., artigo de B. Vennemann, M. Perdekamp, W. Weinmann, M. Faller-Marquardt, S. Pollak e M. Brandisen en Forensic Science International, Volume 158, Tomo 2, Páxinas 195-199. 10 de maio de 2006 (en inglés) (consultado o 24 de febreiro de 2010).
  3. Motz, A.: The Psychology of Female Violence: Crimes Against the Body (Routledge, 2001 ISBN 978-0-415-12675-5)