Saltar ao contido

Rosario Sánchez Mora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRosario Sánchez Mora
Biografía
Nacemento21 de abril de 1919 Editar o valor en Wikidata
Villarejo de Salvanés, España Editar o valor en Wikidata
Morte17 de abril de 2008 Editar o valor en Wikidata (88 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio Civil de Madrid Editar o valor en Wikidata
Outros nomesLa Dinamitera Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica, soldado, militante Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de España Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeSegunda República Española Editar o valor en Wikidata
Rama militar46th Division (en) Traducir e Quinto Regimiento Editar o valor en Wikidata
Rango militarSarxento Editar o valor en Wikidata
ConflitoBatalha de Brunete (pt) Traducir
guerra civil española Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1600089

Rosario Sánchez Mora, coñecida como La Dinamitera, nada en Villarejo de Salvanés o 21 de abril de 1919 e finada en Madrid o 17 de abril de 2008, foi unha miliciana española, combatente na Guerra civil española. É coñecida por ser reflectido o seu labor na fronte republicana no poema de Miguel Hernández, Rosario, dinamitera.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Xuventude na fronte

[editar | editar a fonte]

O seu pai, Andrés Sánchez, tiña un taller onde fabricaba vagóns, galeras e apeiros de labranza na súa vila natal e a súa nai morreu anos antes do estalido da guerra. Viviu en Villarejo de Salvanés ata os 16 anos cando marchou a Madrid, á casa duns amigos que a coidaran despois da morte de súa nai.[1] Á súa chegada a Madrid fíxose militante comunista e traballou como aprendiz de corte e confección nun Círculo Cultural das Xuventudes Socialistas Unificadas de Madrid cando estalou a Guerra civil española.

Con dezasete anos ingresou nas Milicias Obreiras do Quinto Rexemento, que partiu o 19 de xullo de 1936 cara a Somosierra para deter as tropas do xeneral Mola. Aínda que inicialmente non sabía nada de adestramento militar ou artillaría, participou coas mulleres da milicia republicana, entre elas Angelita Martínez, Consuelo Martín, Margarita Fuente e Lina Odena, na fronte e armadas, lonxe das tarefas clásicas da muller na guerra, que eran a enfermaría e os coidados auxiliares.[2] Despois de dúas semanas de loita, en que conseguiron conter os sublevados franquistas, a guerra nas montañas deixou de ser unha batalla aberta para converterse nunha batalla de posicións. Foi asignada á sección de dinamiteiros e fabricou bombas de man caseiras. Alí, manipulando dinamita, perdeu unha man cando lle estoupou un cartucho, un acto cantado por Miguel Hernández no poema Rosario, dinamitera. Ferida grave, operárona no hospital de sangue da Cruz Vermella en Cabreira, onde conseguiron salvarlle a vida. No hospital foi visitada persoalmente polo filósofo José Ortega y Gasset.[2]

Despois de saír do hospital, reincorporouse á división como xefa da central do Estado Maior Republicano na Ciudad Lineal de Madrid. Foi alí onde Rosario coñeceu os poetas Miguel Hernández, Vicente Aleixandre e Antonio Aparicio, todos eles ao servizo da causa republicana.

Pasara un ano de guerra cando se presentou a súa oportunidade de volver á fronte. A 10ª Brigada Mixta do Campesiño convertérase na 46ª División, con máis de doce mil homes ao seu mando. No verán de 1937 esta interveu nunha ofensiva cara a Brunete para tratar de atrapar as forzas rebeldes que asediaban Madrid desde o suroeste. O ataque tivo tal magnitude que o pobo claudicou en poucas horas, aínda que as pequenas guarnicións de Quijorna e Villanueva del Pardillo resistiron o ataque. Rosario foi elixida para converterse en xefa de correos da súa división co rango de sarxento. Era a encargada de exercer como vínculo co estado maior da capital e de levar a correspondencia dos soldados.[2]

Desenvolveu estes labores ata o final da batalla de Brunete o 25 de xullo de 1937. Coa derrota do bando republicano, as tropas da División do Campesiño retiráronse ao seu cuartel de Alcalá de Henares. Alí, o 12 de setembro de 1937 contraeu matrimonio civil con Francisco Burcet Lucini, sarxento da Sección de Muleiros do Rexemento e quedou embarazada pouco despois. O 21 de xaneiro de 1938 o seu marido marchou a Teruel cos homes da 46ª División para relevar os da 11ª de Enrique Líster que participaran na toma da cidade. Teruel foi a primeira capital provincial que as tropas republicanas conseguían conquistar desde o inicio da guerra.

Rosario, mentres tanto, comezou a traballar na oficina que Dolores Ibárruri A Pasionaria organizara no número 5 da rúa de Zurbano de Madrid para captar mulleres que cubrisen os postos de traballo que os homes deixaban libres cando marchaban á fronte. Alí traballou ata que deu a luz á súa filla Elena.[1]

Despois da batalla do Ebro, que provocou o desequilibrio da balanza entre as tropas republicanas e franquistas, deixou de recibir correspondencia do seu marido. Non soubo se morrera, se conseguira fuxir a Francia ou se era un dos miles de prisioneiros que fixeron os rebeldes no seu avance.

Fin da guerra

[editar | editar a fonte]

Rosario intentou escapar por Alacante co seu pai, deixando a súa filla coa segunda muller deste. Alí foron capturados con outros 15 000 republicanos que esperaban exiliarse a bordo dos barcos da Sociedade de Nacións e que nunca chegaron a porto. Foron levados ao campo de concentración de Los Almendros, onde Andrés Sánchez foi fusilado. Rosario foi liberada e trasladada semanas despois a Madrid, onde foi detida de novo na súa localidade. Foi recluída no cárcere de Villarejo e posteriormente no de Xetafe mentres se incoaba un procedemento sumario de urxencia. A petición de pena de morte do fiscal foi conmutada por trinta anos de prisión por un delito de adhesión á rebelión.

Foi trasladada á prisión de mulleres de Ventas e seguiu un percorrido penitenciario polos cárceres de Durango, Orue e, finalmente, Saturrarán. O 28 de marzo de 1942, despois de sufrir tres anos de reclusión e todo tipo de calamidades, foi liberada grazas ás prestacións penitenciarias que o franquismo se viu obrigado a decretar periodicamente para alixeirar as súas prisións. O mesmo día que falecía Miguel Hernández no cárcere de Alacante, quedou en liberdade.

Foi condenada a permanecer desterrada a máis de 200 quilómetros do seu pobo e instalouse no Bierzo, cunha compañeira de prisión xa liberada. Porén, a necesidade de ver a súa filla fíxoa regresar a Madrid malia telo prohibido. A súa filla estaba ao coidado da súa sogra e desde alí comezaron a busca do seu marido, sen noticias desde a fin da guerra. Por informacións de familiares soubo que este refixera a súa vida en Oviedo unha vez que o réxime franquista anulou todos os casamentos civís da República. Rosario volveu casar e tivo outra filla, pero separouse ao cabo de dous anos. Para gañar a vida comezou a vender tabaco americano de contrabando na praza de Cibeles. Posteriormente montou un estanco en Madrid, na rúa Peña Prieta do barrio de Vallecas.

Faleceu o 17 de abril de 2008. Durante o funeral estivo acompañada pola bandeira tricolor e por destacadas figuras políticas como Gaspar Llamazares e Paco Frutos, secretario xeral do PCE.[3]

O poema Rosario, dinamita

[editar | editar a fonte]

Foi escrito por Miguel Hernández arredor de 1937 e baséase na experiencia de Rosario Sánchez na fronte:

Rosario, dinamitera,

sobre tu mano bonita
celaba la dinamita
sus atributos de fiera.
Nadie al mirarla creyera
que había en su corazón
una desesperación,
de cristales, de metralla
ansiosa de una batalla,

sedienta de una explosión.
  1. 1,0 1,1 "Rosario Sánchez Mora". The Telegraph (en inglés). 24 de abril de 2008. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2013. Consultado o 4 de xaneiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Rosario Sanchez: Front-line fighter against Franco" (en inglés). 22 de abril de 2008. Consultado o 4 de xaneiro de 2022. 
  3. Romero, Juanma (18 de abril de 2008). "La tricolor despide a un mito de la lucha miliciana". Público (en castelán). Consultado o 4 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]