Román Sudupe Olaizola
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xuño de 1947 (77 anos) Azkoitia, España |
Deputado Xeral de Guipúscoa | |
1995 – 2003 ← Eli Galdos (pt) – Joxe Joan González de Txabarri → | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Euzko Alderdi Jeltzalea - Partido Nacionalista Vasco |
Román Sudupe Olaizola, Azkoitia, Guipúscoa o 21 de xuño de 1947, é un enxeñeiro e político de ideoloxía nacionalista vasca. Ocupou cargos políticos de significación dentro da súa provincia natal de Guipúscoa da que foi Deputado Xeral entre 1993 e 2001. Tamén ocupou o cargo de presidente do Partido Nacionalista Vasco entre 1984 e 1985.
Biografía
[editar | editar a fonte]Realizou os seus estudos de formación profesional na Escola Profesional de Azkoitia e na Escola Politécnica de Mondragón. Posteriormente cursou a carreira de enxeñeiro técnico industrial en Donostia. A súa traxectoria profesional estivo sempre ligada á empresa Acería e Forxas de Azkoitia (AFORA), posteriormente integrada en GSB e no grupo CIE Automotive. Sudupe reintegrouse a esta empresa nos intervalos que tivo da súa extensa traxectoria política.
No plano persoal está casado e ten 3 fillos, dous mozos e unha moza.
Comezos da súa carreira política
[editar | editar a fonte]Afiliouse ó Partido Nacionalista Vasco na súa mocidade. Entre 1977 e 1979, foi membro do Gipuzkoa Buru Batzar (GBB), executiva deste partido en Guipúscoa.
Foi elixido alcalde da súa localidade natal, Azkoitia en 1979 nas primeiras eleccións municipais da democracia. Permaneceu neste cargo durante 8 anos. Durante estes anos impulsou intensamente o desenvolvemento da actividade industrial na comarca do Urola e foi un dos promotores das instalacións de polígonos industriais.
En 1983, é elixido presidente do GBB, converténdose na cabeza do PNV en Guipúscoa e en 1984 finalmente é elixido presidente do Euskadi Buru Batzar, executiva nacional do PNV.
Presidente do PNV (1984-85)
[editar | editar a fonte]Sudupe foi elixido presidente do PNV en maio de 1984. Naquel momento o partido atopábase xa claramente dividido en 2 sectores, os que gravitaban ó redor das figuras do anterior presidente do partido, Xabier Arzalluz e do lehendakari do Goberno Vasco Carlos Garaikoetxea. O sector de Arzalluz considerábase de carácter máis conservador, mentres que o de Garaikoetxea, máis socialdemócrata ou liberal. Aínda que a elección de Sudupe supuña a saída de Arzalluz da executiva, considerábase a Sudupe un home afín á liña política de Arzalluz, que ía proseguir unha política continuista do anterior executivo. Os analistas políticos consideraban que Arzalluz mantiña intacto o seu poder dentro do partido ó copar a dirección do mesmo con homes da súa confianza.[1]
Ós tres días de tomar Sudupe as rendas do PNV produciuse a primeira gran crise do seu mandato, os 3 parlamentarios navarros do partido desobedeceron a consigna da anterior executiva nacionalista de favorecer un goberno conservador en Navarra, de UPN e Coalición Popular. Grazas ós decisivos votos destes 3 parlamentarios saíu elixido Gabriel Urralburu do PSN-PSOE, novo presidente de Navarra. Por mor deste feito a asemblea do PNV expulsounos do partido por desobedecer unha orde directa da executiva nacional. Con este tres parlamentarios abandonaron o PNV a maioría de militantes navarros, que apoiaban a decisión dos seus electos e que eran na súa gran maioría simpatizantes do sector Garaikoetxea. Por mor deste feito o PNV practicamente desapareceu de Navarra como organización política.
As tensións non finalizaron tras aquel feito, outro punto de fricción entre os sectores do PNV foi a Lei de Territorios Históricos (LTH). Fronte á decisión da dirección do PNV de promover unha LTH que outorgaba grandes competencias ás deputacións forais, o executivo vasco de Garaikoetxea desexaba unha LTH que outorgase maiores competencias ao Goberno Vasco central. Sudupe enfrontouse directamente ó lehendakari Carlos Garaikoetxea para facer valer a disciplina do partido no referente á LTH. Aquel encontrón acabou forzando a dimisión de Garaikoetxea como lehendakari a comezos de marzo de 1985. Este feito pasoulle factura a Sudupe. A principios de 1985 o sector de Garaikoetxea logrou unha abafadora vitoria na renovación do GBB (Gipuzkoa Buru Batzar) deixando fóra do mesmo a Sudupe. Desautorizado por este feito Sudupe viuse forzado a dimitir sendo substituído polo veterano militante nacionalista Jesús Insausti de forma interina. O mandato de Sudupe á fronte do PNV durou uns 9 meses de profunda crise. Finalmente o sector de Arzalluz logrou manterse á fronte do PNV pero á conta da marcha do sector de Garaikoetxea que abandonou en masa a organización para formar un novo partido político, Eusko Alkartasuna.