Jesús Insausti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJesús Insausti
Biografía
Nacemento11 de febreiro de 1912 Editar o valor em Wikidata
Tolosa, España Editar o valor em Wikidata
Morte12 de xullo de 1993 Editar o valor em Wikidata (81 anos)
Arratzu, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico , sindicalista Editar o valor em Wikidata
Partido políticoEuzko Alderdi Jeltzalea - Partido Nacionalista Vasco
Eusko Langileen Alkartasuna Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua éuscara Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rama militarEuzko Gudarostea Editar o valor em Wikidata
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata

Jesús Insausti Urquirizar, alcumado Uzturre, nado en Tolosa, Guipúscoa o 11 de febreiro de 1912 e finado en Bilbao o 12 de xullo de 1993,[1] foi un político vasco de ideoloxía nacionalista vasca militante do PNV e presidente do mesmo entre 1985 e 1987.

Biografía[editar | editar a fonte]

Insausti naceu en Tolosa o 11 de xaneiro de 1912 no seo dunha familia de traballadores. Cursou estudos no colexio dos Pais Escolapios até a idade de 15 anos. Naqueles anos houbo dous personaxes que lle deixaron unha pegada indeleble: o escolapio pai Esteban Irazoiz, quen lle fixo entrar no coñecemento profundo do nacionalismo, e o pai Gervasio Iruarrizaga, un corazonista de Igorre que durante longo tempo lle deu clases para alfabetizalo no éuscaro. O perfil de "Uzturre" é enormemente pr: articulista prolífico da prensa vasca no exilio, sindicalista internacional, defensor sen concesións do éuscaro e político comprometido coa causa vasca.

O 23 de xullo de 1930, publicou o seu primeiro artigo no diario "El Día" de Donostia, mentres agardaba que a unión entre as faccións nacionalistas de Aberri e de Comunión levase a cabo para afiliarse a EAJ-PNV, feito que se produciu a finais de 1930.

Na última fase da ditadura de Primo de Rivera tivo o seu primeiro encontro coa xustiza por participar activamente nunha sementa de panfletos no seu pobo natal. Posteriormente, en 1935, durante a II República foi procesado por mor dun artigo seu no que quedaba notablemente malparado o alcalde carlista de Tolosa, Fidel Azurza. O estalido da Guerra Civil sorpréndelle en Tolosa. É requirido para que se traslade á sede do Goberno vasco en Bilbao, onde desempeñará funcións de tradutor do boletín oficial do Goberno con Fausto Leunda. Ao estalar a guerra foi tradutor do B.O. do Goberno vasco, entregándose en Santoña en 1937. É condenado a 12 anos e un día, aínda que obtén a liberdade en 1941. Entón trasládase a Bilbao, onde contrae matrimonio con Pruden Ibarguren e inicia as súas funcións na clandestinidade.

En 1943, trasládase a Madrid, onde por iniciativa das autoridades de EAJ-PNV pasa a formar parte dos Servizos de Información do Goberno vasco. Alí pasa uns anos sen ser descuberto ata que a principios de 1948 volve ser detido por participar nunha rede de información antifranquista, sendo xulgado en Ocaña, o 14 de abril de 1949, por un Consello de Guerra que o condena á morte. Conmútaselle a pena por 30 anos de cárcere.

Tras un longo peregrinar por diferentes cárceres franquistas, e no marco da redención de penas polo traballo, é enviado ás obras da canle de Isabel II, en Buitrago da Sierra, pero na madrugada do 19 de maio de 1951 logra escapar grazas á valiosísima axuda duns planos que lle fixo chegar a súa muller. Grazas á axuda do exterior, refúxiase en Donostia, onde permanece agochado durante un mes. Despois pasaría a Francia por Elizondo.

En xuño de 1951, chega a París e colabora á beira do lehendakari José Antonio Aguirre, novamente nos Servizos de Información do Goberno vasco. Paralelamente, elaboraba programas que Radio París emitía para Euskadi e América Latina.

Tras o falecemento do lehendakari Aguirre, e da man do sindicato nacionalista ELA-STV, en 1962 trasládase a Bruxelas para traballar na Confederación Internacional de Sindicatos Cristiáns (CISC), ás ordes do seu secretario xeral, Auguste Vanistendael. En 1968 esta Confederación transformaríase na Confederación Mundial do Traballo (CMT).

Entre 1962 e 1980 permanece en Bruxelas dedicándose case de maneira total á acción sindical internacional como xefe de prensa da CMT. Adquire un amplo coñecemento da situación que viven os traballadores en América Latina, Asia e África, e, de forma incansable, expón gran número de denuncias ante a ONU e a OIT sobre a violación dos dereitos humanos e a liberdade sindical en todos os continentes. Así mesmo, combate denodadamente o crime político do "apartheid" en Suráfrica. En marzo de 1980 intervén por última vez como membro da CMT no Quebec (Canadá) cun informe sobre "A acción sindical e os dereitos humanos". En xullo de 1980 trasládase a Euskadi e instálase en Deusto. Un ano despois, o 19 de decembro de 1981, resulta elixido burukide do Bizkai Buru Batzar (BBB) de EAJ-PNV, cargo que repite en decembro de 1983 e que mantén até o 14 de maio de 1984, data na que resulta elixido presidente da executiva biscaíña do partido.

En 1985 é elixido presidente do Euskadi Buru Batzar (EBB), cargo que ocupa até 1988.

Desde 1989 até o seu falecemento, o 12 de xullo de 1993, foi presidente da Fundación Sabino Arana. Entre os seus logros á fronte desta institución atópase a creación do Arquivo Histórico do Nacionalismo, centro de referencia para historiadores e investigadores do que foi o verdadeiro propulsor e que inaugurou o 26 de xaneiro de 1993, uns meses antes da súa morte.

Posteriormente, o 12 de xullo de 2004 realizouse a presentación do Catálogo de Publicacións Periódicas da Hemeroteca "Uzturre", unha das máis importantes do país, con máis de 4.500 títulos de publicacións periódicas de todo o mundo, das que se conservan máis de 120.000 exemplares.

Notas[editar | editar a fonte]