Saltar ao contido

Roger de Flor (músico)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRoger de Flor

(2023) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1977 Editar o valor en Wikidata (48/49 anos)
Limodre Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1383513 Musicbrainz: e7105b32-e241-40d9-8a8e-9f246d5ecb4b Discogs: 3573549 Editar o valor en Wikidata

Rogelio Arias Sanmartín, nado en Limodre (Fene) en 1977, é un músico, cantante, compositor e produtor galego, coñecido artisticamente como Roger de Flor. A súa obra encádrase dentro dunha nova fornada de creadores galegos do século XXI.


Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Solitario

[editar | editar a fonte]

Logo de participar en múltiples proxectos musicais, entre os que destacan o grupo de rock'n'roll ferrolán Bang 74, ou o dúo La Sociedad Protectora del Hombre Mono, onde homenaxea xunto a Cris Veiga o repertorio do grupo de culto británico The Kinks, comeza a súa andaina en solitario co nome de Roger de Flor a principios de 2007 coa presentación da súa primeira maqueta Canciones de amor e retranca.

Percorreu boa parte de Galicia presentando dito traballo, con boa acollida de crítica e público, para logo retirarse temporalmente dos directos e centrarse na composición e posterior gravación de novas creacións incluídas no disco Naturalidad Silvestre (Felipop Discos, 2009), no que se poden atopar estilos como o swing, pop, country e balada, sempre co toque persoal, sentimental e humorístico que Roger imprime ás súas cancións, nas que se recoñecen influencias de Rodrigo García, Ray Davies, Monty Python ou Vainica Doble entre outros. Este disco levaríao a visitar Portugal, Madrid, Euskadi e León, ademais das capitais galegas.

Ao longo de 2010 leva a cabo a xira de presentación do documental Roger de Flor: Naturalidad Silvestre, dirixido por Carlos Alberto Alonso, que protagoniza xunto a outros artistas do panorama musical galego, como Magín Blanco, O Neno Elliot e O Marqués das Vinhas. No filme, a escusa de facer un seguimento da xira do seu último disco serve de fío condutor para amosar e analizar a realidade dos músicos galegos que se moven no circuíto de locais de pequena capacidade, así como para visibilizar os seus procesos creativos desde o carácter bohemio, autodidacta e independente da súa personalidade.

En xuño do 2011 presentou o seu terceiro traballo discográfico titulado El mundo está loco, loco, loco..., que inclúe dez novas cancións ademais da realización de dous videoclips promocionais: Voy a cambiar de vida e Non penso volver ver a televisión. Con este último, que foi encargado polo programa da TVG Xabarín Club para celebrar seu décimo oitavo aniversario, acadou o terceiro premio do concurso Correlingua.

Etapa cos Silvestres

[editar | editar a fonte]

O seu seguinte álbum realizouno integramente en galego e, nesta ocasión, acompañado pola banda Os Silvestres, composta polo guitarrista Cabe García (Os Cempés, Mr. Dixie Jazz Band, Bellón Maceiras Quartet), o batería Sergio Galego (Huéspedes Felices, Cosmonautas Rusos), o contrabaixista Óscar Painceiras (Os Cempés, Los Tigres del Cañotas) e o charanguista e trobador galaico- portugués O Marqués das Vinhas.

Xuntos publicaron no ano 2013 o disco Roger de Flor presenta a: Os Silvestres, conformado con cancións do propio De Flor e dos demais compoñentes da banda, ademais de adaptacións ao galego de clásicos universais como Mellow Yellow (Donovan) ou Dedicated follower of fashion (The Kinks). A canción Hai un lugar no norte (composta a medias entre Roger, o grupo portugués Os Azeitonas e o chamado "sexto silvestre", o xornalista Nicolás Vidal- habitual colaborador do grupo) foi a elixida para promover o novo traballo discográfico cun videoclip, desta vez gravado na liña ferroviaria do cantábrico.

No ano 2016 publica Apelón. O nome deste disco é o mesmo que o dunha rúa de Mugardos na que se atopa a casa dun amigo próximo, o pintor Guillermo Baamonde (1968- 2022), que Roger habitou durante un tempo, e na que levou a cabo a composición da maior parte das cancións deste traballo discográfico.

Un álbum onde o músico limodrés dá un salto de calidade tanto na faceta compositiva como na produción, con cancións como "Estoupará", "Canzone per Giulia" (a súa primeira canción en italiano), "En casa de mi amigo" ou a “A Néboa” (adaptación da canción "The Wind", de Cat Stevens- a cargo do seu irmán, Adán Arias) entre outras.

Este disco foi incluído no libro Discoteca Atlántica: 100 discos galegos (1970-2020), do escritor e xornalista musical Marcos Gendre.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

A partir de Apelón, Roger mergullouse noutros retos musicais como Os Peregrinos, xunto ao músico madrileño Charlie Mysterio, co que publicou varios traballos coa discográfica Elefant Records; e Strange Mystery Flower, un proxecto de musicalización de poemas de William Blake (Vol. I) e Lord Byron (Vol. 2), xunto a súa irmá Amparo Arias.

Continuou a publicar música como Roger de Flor de forma puntual, como os sinxelos "Xirimbao" (2018) e "Muíño da Malladoira" (2024), ou o EP Roger de Flor canta a Rosalía de Castro (2024). Tamén segue a ofrecer concertos acompañado de músicos como Sergio Galego, Silvia Fralleoni, Nico Vidal, Bernard Taylor e Pedro Montilla, violinista co que grava o seu primeiro concerto ao vivo, en marzo de 2024.

Discografía

[editar | editar a fonte]
  • Canciones de amor y retranca (2006)
  • Naturalidad Silvestre (2009)
  • El mundo está loco, loco, loco... (2011)
  • Roger de Flor presenta a: Os Silvesetres (2013)
  • Verónica (sinxelo, 2015)
  • Apelón (2016)
  • Xirimbao (sinxelo, 2018)
  • Muíño da Malladoira (sinxelo, 2024)
  • Roger de Flor canta a Rosalía de Castro (EP, 2024)

Videoclips

[editar | editar a fonte]
  • Una desconocida más (2008)
  • Os dous amigos (2009)
  • ¡Cuánto hay que aguantar! (2009)
  • Días monótonos (2010)
  • En una isla (2011)
  • Voy a cambiar de vida (2011)
  • Non penso volver ver a televisión (2012)
  • ¿Quién es el siguiente en la cola? (2012)
  • Hai un lugar no norte (2013)
  • Ferrol Vello (2015)
  • Xirimbao (2018)
  • Muíño da Malladoira (2024)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]