Richard Kendall Brooke
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1930 India |
Morte | 12 de maio de 1996 (65/66 anos) Harare, Cimbabue |
Formación profesional | Teoloxía |
Educación | Universidade de Rhodes |
Actividade | |
Campo de traballo | Ornitoloxía |
Ocupación | ornitólogo |
Premios | |
Gill Memorial Medal[1] |
Richard Kendall Brooke, nado en 1930 na India e finado o 12 de maio de 1996 en Harare, foi un ornitólogo británico que traballou principalmente en Zimbabwe.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Brooke naceu na India, onde seu pai servía no Exército británico.[2] A súa carreira académica comezou na Universidade Rhodes, en Grahamstown, na provincia do Cabo Oriental (Suráfrica), onde obtivo a licenciatura en Teoloxía. Máis tarde seguiu unha carreira como funcionario público menor nun departamento do goberno de Rodesia do Sur (a actual Zimbabwe). Porén, os seus verdadeiros intereses centrábanse na ornitoloxía.[2]
Aceptou unha invitación para unirse ao persoal do Museo de Ciencias Naturais de Durban, consciente de que necesitaba obter un título superior, xa fose un máster ou un doutoramento, para manterse no posto. Presentou a súa tese para consulta a un destacado ornitólogo dos Estados Unidos, que se ofreceu a axudalo a traballar nela. Brooke podería facer os cambios suxeridos, pero opúxose vehementemente a revisar calquera parte do seu texto, insistindo en que era máis que adecuado.[2]
Logo deixou o Museo de Durban e regresou a Rodesia do Sur, onde traballou durante un curto tempo nos Ferrocarrís de Rodesia. Os seus traballos en ornitoloxía valéronlle unha invitación para unirse ao persoal do Instituto de Ornitoloxía Africana Percy FitzPatrick, da Universidade de Cidade do Cabo, onde pasou moitos anos da súa importante vida produtiva.[2]
Tras unha longa enfermidade regresou a Zimbabwe en 1996, onde morreu o 12 de maio dese ano na casa dun irmán seu.[2]
Obra científica
[editar | editar a fonte]Os primeiros traballos de Brooke en aves centráronse na taxonomía dos apódidos (cirrios, salanganas e afíns) do Vello Mundo. Pronto adquiriu unha sólida formación, converténdose nun experto mundial neste tema. Ademais dunha ampla gama de artigos, propuxo novas subespecies das especies do xénero Cypsiurus (apódidos africanos), e describiu, en 1970, o xénero Hydrochous (dunha salangana de Indonesia e Malaisia).[2]
En 1971 Brooke participou como membro nun grupo de catro especialistas que se ocupaban das aves de Zambia. Máis tarde, en particular despois de unirse ao Instituto Percy FitzPatrick, ampliou o seu campo de especialización, sobre todo en relación coa taxonomía e outros aspectos biolóxicos de varios grupos de aves mariñas.[2]
Premio
[editar | editar a fonte]Unha das súas principais obras é o South African red data book – birds, polo que recibiu en 1988 o Gill Memorial Medal Award, outorgado pola BirdLife-Suráfrica.[3]
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura Brooke emprégase para recoñecer a Richard Kendall Brooke como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gill Memorial Medal Award
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Clancey, P.A. (1 de xaneiro de 1997). "Obituary: Richard Kendall Brooke, 1930-1996". Durban Museum Novitates 22 (1). ISSN 0012-723X. Consultado o 22 de outubro de 2019.
- ↑ Gill Memorial Medal Award.