Reino de Galicia–Volhynia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reino de Galicia–Volhynia

 

1119–1349
 

Bandeira Escudo
O Reino de Galicia–Volhynia nos séculos XIII-XIV
Capital Volodímir-Volinski, Hálych e Leópolis
Lingua Eslavo antigo oriental
Relixión Igrexa Ortodoxa
Goberno Aristocracia
Príncipe, Rei Román o Grande
Historia
 • Establecido 1119
 • Disolución 1349
Frescos medievais de Rutenia.
O reino de Galicia-Volhynia nos séculos XIII e XIV.

O principado de Galicia-Volinia, logo reino de Galicia-Volhynia, foi un estado medieval monárquico da Europa Oriental, que abranguía as rexións de Galicia (Europa Central) e Volhynia. Na historiografía tamén é habitual atopalo referenciado como Gálich-Volhyn, Galicia–Volynia, Galicia–Volýn, Gálich–Volýn, Hálych–Volhyn, Halych–Volhynia, reino da Rus, Galicia-Vladímir, Regnum Galiciae et Lodomeriae ou Regnum Rusiae. Xunto coa República de Nóvgorod e o Principado de Vladímir-Súzdal, foi unha das tres potencias máis importantes logo da caída da Rus de Kiev. Despois da devastación causada pola invasión mongola da Rus de Kiev entre os anos 1239 a 1241, Daniel de Galicia (Danilo Románovich) viuse obrigado a xurarlle lealdade no 1246 a Batu, khan da Horda de Ouro. Non obstante, esforzouse por liberar o seu reino do xugo mongol, intentando, sen éxito, establecer alianzas militares con outros gobernantes europeos.[1]

Xeografía[editar | editar a fonte]

A Galicia-Volhynia occidental estendíase entre os ríos San e Wieprz, no que hoxe é o sueste de Polonia, mentres que os territorios orientais comprendían as brañas do río Prípiat, na actual Bielorrusia, e o curso superior do río Bug Meridional, na actual Ucraína. Controlaba o territorio do Rus menora ou Rus propria que incluía as terras da Rutenia Roxa, a Rutenia Negra e do resto do suroeste da Rus de Kiev. Tamén dominou brevemente as rexións de Besarabia e Moldavia.

Naquel tempo, o reino estaba rodeado polo Rus Negro, o Gran Ducado de Lituania, o Principado de Túrov-Pinsk, o Principado de Kiev, a Horda de Ouro, o Reino de Hungría, o Reino de Polonia, o Principado de Moldavia e o Estado monástico dos Cabaleiros da Orde Teutónica.

Historia[editar | editar a fonte]

Auxe e apoxeo[editar | editar a fonte]

O Principado de Volhynia e mais o Principado de Galicia foran orixinariamente dous principados separados da Dinastía Rurícovich, gobernados por asignación rotativa entre os membros máis novos da dinastía de Kiev. A nación de Galicia–Volhynia foi creada tras a morte, no 1198[2] (ou 1199[3]) do último príncipe de Galicia, Vladímir II Yaroslávich. O príncipe Román o Grande de Vladímir-Volhynia adquiriu daquela o principado de Galicia, unindo ambos os dous territorios nun único estado. Daquela, as principais cidades eran Halych e Vladímir-Volhynia, ata que no 1204 capturou Kiev. Logo aliouse con Polonia, asinou un tratado de paz con Hungría e estableceu relacións diplomáticas co Imperio bizantino. No apoxeo do seu reinado, Román o Grande converteuse brevemente no máis poderoso dos príncipes da Rus,[4] pero tras a súa morte, o principado entrou nun período de caos, sendo disputado por Polonia e Hungría, que chegaron a un compromiso no 1214, en favor do fillo de André II de Hungría, Colomán de Lodomeria.

No 1221, Mstislav o Valente, liberou a Galicia–Volhynia dos húngaros, pero foi Danilo Románovich ou Daniel de Galicia, fillo de Román o Grande, quen reunificou todos os antigos territorios. Daniel derrotou os polacos e os húngaros na batalla de Yaroslav, e esmagou o aliado daqueles, Rostislav Mijaílovich, fillo do príncipe de Chernígov no ano 1245. Neste ano, o papa Inocencio IV permitiulle a Daniel ser coroado rei, sendo o único membro da dinastía Rurícovich coroado e recoñecido desta maneira.

Baixo o reinado de Daniel, Galicia–Volhynia foi un dos máis poderosos estados da Europa central e do leste.[5] Floreceu a literatura, producindo obras como a Crónica de Galitzia-Volynia. O crecemento demográfico viuse favorecido pola inmigración dende o oeste e o sur, incluíndo a alemáns e armenios. O comercio desenvolveuse debido ás rutas comerciais dende o mar Negro a Polonia, Alemaña e o mar Báltico.

Tras a súa morte no 1264, Daniel foi sucedido polo seu fillo León I de Galicia, que trasladou a capital a Lviv no 1272, e durante algún tempo puido manter a fortaleza do estado.

Declive e caída[editar | editar a fonte]

Tras a morte de León I no 1301, seguiu un período de declive. Foi sucedido polo seu fillo Yuri I, que gobernou só sete anos, e perdeu Lublin fronte ós polacos no 1302, e Transcarpatia fronte ós húngaros. Desde o 1308 ata o 1323, Galicia–Volhynia, foi gobernada conxuntamente polos fillos de Yuri I, André e León II. Como reis tributarios dos mongois, participaron en expedicións con Uzbeg Khan e o seu sucesor, Janibeg Khan.[6] André e León II morreron en batalla no 1323, sen deixar herdeiros.

Coa extinción da Dinastía Rurícovich, Volhynia pasou a mans do príncipe lituano Liubartas, mentres que os boiardos tomaron o control de Galicia. Máis tarde, no 1349, o rei Casimiro III de Polonia, durante unha invasión exitosa, capturou e anexionou Galicia. Galicia–Volhynia, polo tanto, deixou de existir como estado independente.

Lista de gobernantes[editar | editar a fonte]

  • 1199–1205 Román o Grande
  • 1205–1214 Crise política
    • 1205–1206 Eufrosina Angelina, filla de Isaac II Angelus, como rexente de Daniel de Galicia
    • 1206–1211 fillos de Ígor Sviatoslávich
    • 1210 Rostislav II de Kiev
    • 1211–1212 Mstislav o Mudo, como rexente de Daniel de Galicia
    • 1212–1214 Levantamento dirixido polo boiardo Volodyslav Kormylchych
  • 1214–1232 Ocupación húngara, fillos de André II de Hungría
    • 1214–1220 Coloman, príncipe real húngaro, fillo de André (Rei de Galicia e Lodomeria)
    • 1220 Levantamento dirixido por Mstislav o Valente
    • 1220–1232 Andras de Galicia, fillo de André
  • 1232–1235 Daniel de Galitzia
  • 1235–1238 fillos de Miguel de Chernígov
  • 1238–1264 Daniel de Galicia (2º goberno)
  • 1264–1269 Poder dual, descendentes de Daniel
    • 1264–1269 Švarnas
    • 1264–1300 León I de Galicia
  • 1300–1308 Yuri I de Galicia
  • 1308–1323 Poder dual, descendentes de Yuri
    • 1308–1323 León II de Galicia
    • 1308–1323 André de Galicia
  • 1323–1349 Crise política, goberno de facto por boiardos
    • 1323–1325 Galicia: Volodýmyr I de Galicia; Volhynia: Liubartas
    • 1325–1340 Bolesław Jerzy de Mazovia e Yuri II Boleslav, por compromiso de unión
  • 1340 Ocupación de Galicia por Casimiro III de Polonia, comezo da guerra
    • 1341–1349 Liubartas
  • 1349 Galicia ocupada por Hungría; Volhynia por Polonia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Principality of Galicia-Volhynia.
  2. Dimnik, Martin (2003). The Dynasty of Chernigov - 1146-1246. Cambridge: Cambridge University Press. pp. (Chronological table of events) xxviii. ISBN 978-0-521-03981-9. 
  3. Cawley, Charles (19 de maio de 2008). "Russia, Rurikids – Chapter 3: Princes of Galich B. Princes of Galich 1144-1199". Medieval Lands. Foundation of Medieval Genealogy. Consultado o 26 de decembro de 2009. 
  4. [1]
  5. "Daniel Románovich". Encyclopædia Britannica. 2007. Britannica Concise Encyclopedia. 23 de agosto de 2007
  6. Zdan, Michael B. (xuño de 1957). "The Dependence of Halych-Volyn' Rus' on the Golden Horde". The Slavonic and East European Review 35 (85): 522. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]