Saltar ao contido

Raxá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raxá e raní representados nun yaksagana, teatro de Karnataka.

Raxá[1] (do sánscrito राज rājā) é a palabra hindi para designar un monarca ou gobernante principal. A forma feminina é raní, do sánscrito rājñī.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra en sánscrito rājān- é un parente da latina rēx (rei de Roma, xenitivo rēgis), que orixinalmente nomeaba os xefes tribais ou dirixentes de pequenas cidades estado. En última instancia deriva do protoindoeuropeo *h3rẽǵs, formada a partir da raíz *h3reǵ-, que quere dicir "resolver", "ordenar", "gobernar". En sánscrito a raíz n- é secundaria no título masculino, e está aparentemente adaptada da equivalente femenina rājñī, a cal tamén ten un sufixo -n- noutras linguas relacionadas, como é o caso de rígain en antigo irlandés e regina en latín. Hai parentes da palabra raxá noutras linguas indoeuropeas como son reign en inglés e Reich en alemán.

As variantes máis comúns en hindi, utilizadas co mesmo rango de realeza son Rana, Rao, Raol, Rawal e Rawat.

O título ten unha longa traxectoria na historia da India e do sueste asiático, como se testemuña nos Rigveda (uns antigos himnos sagrados do hinduísmo, onde rājān- é un caudillo tribal, como por exemplo se pode ver en dāśarājñá, a "batalla dos dous reis".

Raxá, así como o título inferior de thakur e moitas outras variantes ou títulos compostos, foron utilizados no sur de Asia e os seus arredores pola maioría dos hindús, musulmáns e algúns budistas e gobernantes sikhs. Aínda que os musulmáns tamén usaban nabab ou soldá, agora utilízanse frecuentemente na India. En Paquistán, raxá hoxe é utilizado por moitos clans musulmáns de rakhputs como un título hereditario. Raxá tamén se utiliza como un nome polos hindús e sikhs.

Raxás do mundo malaio

[editar | editar a fonte]
  • Os gobernantes do estado de Perlis, en Malaisia, reciben o título de raxá de Perlis. A maioría dos gobernantes dos outros estados reciben o título de sultáns. A pesar diso, o raxá ten o mesmo status que os gobernantes dos outros estados e é un dos electores que designan un Yang di-Pertuan Agong ("primeiro ministro") cada 5 anos.
  • James Brooke e a súa dinastía foron chamados os raxás brancos de Sarawak.
Vestimenta do século XIX dunha familia pertencente á Principalía. Museo Villa Escudero, San Pablo, Laguna, Filipinas.
  • En Filipinas, o historiador italiano Antonio Pigafetta relatou, no seu escrito sobre a primeira circunnavegación ao redor do mundo, que cando o explorador portugués Fernão de Magalhães arribou o 28 de marzo de 1521 ao porto de Mazaua, en Mindanao, foi recibido polo Raia Siaiu, rei de Mazaua, e por Raia Calambu, rei de Butuan. Magalhães tomou parte no primeiro pacto de sangue rexistrado (cassi cassi foi a palabra malaia que utilizou Magelhães) co Raia Siaiu. Cando a frota española, liderada por Miguel López de Legazpi, arribou a Manila, foi recibida polo Raxá Sulayman III. Ao sur do país, os príncipes musulmáns de diversas subdivisións aínda hoxe reciben os títulos de raxá ou maraxá.
  • Os principais grupos étnicos de Filipinas, incluíndo os reinos e principados de Luzón, Visayas e a Cordilleira Central de Luzón e algunhas partes de Mindanao (excluíndo o Sultanato de Maguindanao) foron anexados polo Imperio español no século XVI. Pese á cristianización das illas, os raxás dos reinos prehispánicos conservaron o seu dereito a gobernar o territorio grazas a unha lei asinada o 11 de xuño de 1594.[2] O rei de España Filipe II mandou aos funcionarios coloniais das Indias que acordasen coa nobreza e a realeza nativa o mesmo respecto e privilexios que gozaran antes da conversión ao catolicismo, e esta nobreza indíxena máis tarde formou parte da elite gobernante, clase coñecida como a Principalía.
  • Diversos principados tradicionais de Indonesia aínda son gobernados por un raxá, ou fixérono até que os títulos foron abolidos, despois do cal o título quedou vacante, como é o caso de Buleleng, en Balí.
  1. raxá Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. Emma Helen Blair e James Alexander Robertson, The Philippine Islands (1493-1898), Cleveland: The A. H. Clark Company, 1903, Vol. XVI, texto orixinal das páxs. 155-156 da Recapilación de leyes, Juan de Ariztia, ed., Madrid (1723), lib. vi, VII, ley xvi.: Non é xusto que os indios principais das Filipinas sexan de peor condición, despois de converterse, polo contrario débeselles facer tratamento, que os afeccione e os manteña na felicidade para que, cos bens espirituais que Deus lles comunicou chamándoos ao seu verdadeiro coñecemento, se xunten os temporais e vivan con gusto e conveniencia. Polo que mandamos aos Gobernadores daquelas illas que lles fagan bo tratamento e encomenden non nose nome o goberno dos indios, dos que eran Señores, e en todo o demais procuren que xustamente se aproveiten facéndolles os indios algún recoñecemento na forma corrente no tempo da súa xentilidade, isto sen prexuízo dos tributos que nos han de pagar, nin no do seus "Encomenderos". ("No es justo que los indios principales de Filipinas sean de peor condición, después de haberse convertido, antes se les debe hacer tratamiento, que los aficione y mantenga en felicidad, para que con los bienes espirituales, que Dios les ha comunicado llamándolos a su verdadero conocimiento, se junten los temporales, y vivan con gusto y conveniencia. Por lo que mandamos a los Gobernadores de aquellas Islas, les hagan buen tratamiento, y encomienden en nuestro nombre el gobierno de los indios, de los que eran Señores, y en todo lo demás procuren, que justamente se aprovechen haciéndoles los indios algún reconocimiento en la forma corriente en el tiempo de su gentilidad, esto sin perjuicio de los tributos que á Nos han de pagar, ni en el de sus Encomenderos".)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]