Río Tiétar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tiétar
Rio Tietar.JPG
O Tiétar con a Serra de Gredos ao fondo
País España
Rexión n/d
Nacemento La Venta del Cojo
Altitude n/d
Lonxitude 150 km
Caudal medio
Conca 4.459,1 km2
Desembocadura Río Texo

O río Tiétar é un afluente do río Texo en España, no cal verte as súas augas pola marxe dereita despois dun curso de 150 km.

Percorrido[editar | editar a fonte]

O Tiétar nace no extremo oriental da Serra de Gredos, no sitio coñecido como "La Venta del Cojo", pertencente á localidade de Santa María del Tiétar (Ávila), a uns 1.600 m de altitude, e moi preto das lindes coa provincia de Madrid. A dirección xeral do seu curso é NL - SW.

Durante boa parte do seu curso alto serve de límite entre as provincias de Ávila e de Toledo, antes de entrar na de Cáceres, onde forma o val da Vera, comarca de grande valor agropecuario. A súa desembocadura no Texo ten lugar preto de Villarreal de San Carlos, no Parque Natural de Monfragüe; aí a boca do río mostra unha anchura variábel a teor do nivel que manteñan os encoros do Texo.

Afluentes[editar | editar a fonte]

O Tiétar recibe auga de numerosos tributarios que nacen na Serra de Gredos, pero na súa maioría son curtos e, con frecuencia, son simples torrentes que só levan auga nas épocas de choivas ou do desxeo. O río Arbillas e o río Gargüera son algúns dos seus afluentes pola beira dereita. O seu afluente máis longo é o río Guadiervas, que se lle xunta pola beira esquerda na provincia de Toledo.

Caudal[editar | editar a fonte]

Aínda que a precipitación media na conca do Tiétar é de a penas 1.003 mm anuais, o río é máis caudaloso dos afluentes do Texo ao que contribúe cun desaugue medio anual de 2.005 hm3, moi superior ao dos restantes tributarios do Texo. Isto é debido aos numerosos afluentes que recibe pola dereita procedentes da Serra de Gredos, o que fai del un río de réxime pluvio-nival. Ao tempo, como corresponde a un río que transcorre nun medio de clima mediterráneo, sofre cheas esporádicas, que mesmo poden provocar inundacións, en parte corrixidas polos encoros que regulan o seu curso e o dos seus afluentes.

Medio ambiente[editar | editar a fonte]

O curso do río, que atravesa en boa parte un medio montañoso e, noutra parte, un medio mediterráneo, converte o contorno da súa cunca nun lugar de encontro entre a zona bioxeográfica euro-siberiana e a mediterránea. De xeito que tanto se poden achar no seu curso amieiros (Alnus glutinosa), abeleiras (Corylus avellana) e carballos (Quercus robur), como choupos (Populus) e álamos (Populus alba), para en cuestión de pouca distancia do leito atopar aciñeiras (Quercus ilex), rebolos (Quercus pyrenaicus), sobreiras (Quercus suber) e érbedos (Arbutus unedo). Nas ladeiras máis altas dominan xestas (Cytisus) e piornos (Cytisus purgans).

Explotación[editar | editar a fonte]

Na cunca do Tiétar erguéronse algúns encoros. O máis antigo (1911) é a presa de Gargüera no río homónimo que almacena até 60 hm3, só utilizado para regadíos. No Guadiervas sitúase o encoro de Navalcán (1977) con capacidade para 33,5 hm3. No mesmo Tiétar, en 1958, alzouse o de Rosarito con capacidade para 84,7 hm3[1].

Toponimia[editar | editar a fonte]

O seu nome antigo era Tétara, con sufixo átono, -ara, observábel na denominación prerromana doutros hidrónimos. A súa primeira parte correspondería á raíz preindoueropea *tet- (Pokorny, IEW, nº 1960), que talvez é paralela ao no nome do río Tet, na Provenza, ou na raíz do río Téterev na Ucraína[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cofederación Hidrográfica del Tajo
  2. F.J. Marcos Porras, Apuntes sobre la hidronimia prerromana del Campo Arañuelo, La Jara y los Ibores, páx. 3, na dirección [1]