Pygoscelis antarcticus
Pygoscelis antarcticus | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
illa Decepción, Shetland do Sur | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Pygoscelis antarcticus (Forster, 1781) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Pygoscelis antarctica Turbott, 1990 |
Pygoscelis antarcticus é unha especie de pingüín que habita en diversas illas e baías do Pacífico sur e o océano Glacial Antártico. Ten unha característica liña fina negra que lle cruza a cara de modo que parece que leva un casco negro, o que fai que sexa un dos pingüíns máis doados de identificar.
Descrición
[editar | editar a fonte]Miden como media 72 cm de lonxitude e pesan de 3 a 5 kg, pero o seu peso pode baixar a só 3 kg dependendo do seu ciclo reprodutor. Os machos son máis grandes e pesados que as femias.[2]
As ás con forma de aleta dos adultos son negras con beiras brancas; o lado interno das ás é branco. A cara é branca, cor que se estende por detrás dos ollos, os cales son marróns avermellados; o queixo e a gorxa son brancos tamén, e o peteiro é curto e negro. A parte superior da cabeza é negra e unha liña negra fina cruza a cara pasando pola gorxa. As fortes patas e os pés palmados son rosas. As súas patas curtas e gordas danlle unha distintiva forma de andar. A súa plumaxe branca e negra permítelle camuflarse na auga de predadores como certas focas. Cando se ve desde arriba o dorso negro da ave fusiónase coas augas escuras de abaixo, e se o ven desde abaixo, o seu ventre branco camúflase co brillo que produce o sol.[3]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Teñen unha distribución circumpolar. Reprodúcense na Antártida, Arxentina, illa Bouvet, Chile, as illas Malvinas (ou Falkland), e os Territorios franceses do sur, en Xeorxia do Sur e as illas Sandwich do Sur. Individuos errantes atopáronse en Nova Zelandia, as illas de Santa Helena e Tristan da Cunha e en Suráfrica. A poboación global estímase en polo menos 8 millóns de individuos.[1]
Ecoloxía e comportamento
[editar | editar a fonte]A súa dieta consiste en krill, camaróns, peixes e luras. Para capturalos nadan uns 80 km cada día en mar aberto. Pode resistir nadando en augas en conxelación debido a que ás súas plumas están moi estreitamente empaquetadas, o que lle proporciona impermeabilidade. Ten grosos depósitos de graxa que tamén lle proporcionan illamento térmico, e vasos sanguíneos nas ás e patas nos que evolucionaron intricadas estruturas para darlle calor.[3]
En terra constrúe niños circulares con pedras, nos que pon dous ovos, que son chocados tanto polo macho como pola femia que fan quendas durante 6 días. Os polos eclosionan pasados 37 días, e teñen dorsos grises esponxosos e partes frontais claras. Os pitos permanecen no niño durante de 20 a 30 días antes de que se xunten con outros en garderías. Cando teñen de 50 a 60 días de vida, mudan a pluma, cubríndose coas plumas de adulto e parten para o mar.[4]
O predador do adulto é a foca leopardo. Os ovos e polos poden ser presas de aves, como os Chionis e o Stercorarius antarcticus.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Pygoscelis antarcticus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ "Pygoscelis antarcticus - Chinstrap penguin". Animal Diversity Web.
- ↑ 3,0 3,1 "Chinstrap Penguin Fact Sheet". Lincoln Park Zoo.
- ↑ 4,0 4,1 "Chinstrap Penguin". The Animal Files.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pygoscelis antarcticus |