Prosopography of the Later Roman Empire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Prosopography of the Later Roman Empire
PLRE
Autor/aArnold Hugh Martin Jones, John Robert Martindale, e John Morris
Orixe
Lingua(en inglés)
Tema(s)Historia
Xénero(s)dicionario biográfico
EditorialCambridge University Press
Data de pub.1971-1992
Páxinasvol. 1 (1.176), vol. 2 (1.355), vol. 3 (1.626)
ISBNvol. 1 (ISBN 9780521072335), vol.2 (ISBN 9780521201599), vol. 3 (ISBN 9780521201605)
editar datos en Wikidata ]

Prosopography of the Later Roman Empire, abreviado como PLRE (en galego, Prosoprografía do Imperio Romano Tardío) é un conxunto de tres volumes colectivos, publicados entre 1971 e 1992, no que se describe a biografía e datos da vida de moitos persoeiros importantes que viviron no Imperio Romano desde o 260, data en que principiou o reinado de Galieno e o 641, data da morte do emperador bizantino, Heraclio.

Historia[editar | editar a fonte]

O principal proxecto prosopográfico sobre o Imperio Romano, ou Prosopographia Imperii Romani (PIR) dirixido por Theodor Mommsen, completouse a finais do século XIX e abranguía o período que vai dende Augusto até o comezo do reinado de Diocleciano. A principios do século XX, a proposta do propio Mommsen, Adolf Harnack propuxo a continuación do PIR desde o comezo do reinado de Diocleciano até a morte de Xustiniano I (565). Esta Prosopographie des Spätrömischen Reiches debería incluír figuras tanto laicas como eclesiásticas. O proxecto, que comezara antes da Primeira guerra mundial, foise atrasando pola guerra e, posteriormente, pola propia morte de Harnack en 1933, xa contaba cunhas 75.000 citas.[1] A maiores, todo o material existente foi destruído, en gran medida, durante a Segunda guerra mundial, cando un bombardeo aliado impactou no arquivo de Berlín que gardaba esta primeira "Prosopography of the Later Roman Empire".[2]

No 1948, Arnold Hugh Martin Jones e Idris Bell solicitaron á Academia Británica unha subvención para crear un corpus de "tódalas persoas que tiñan un título civil ou militar". O 4 de outubro de 1949 reuniuse o primeiro comité, presidido por Jones, con John Morris como secretario e Bell, Norman H. Baynes e Edward Arthur Thompson como membros. No 1950 celebrouse en París o Primeiro Congreso Internacional de Estudos Clásicos no que un grupo de eruditos ingleses encabezados por Jones se reuniu con colegas franceses dirixidos por Henri-Irénée Marrou e determinouse que os británicos traballarían na elaboración dunha prosopografía de figuras civís e militares, a Prosopography of the Later Roman Empire, mentres que os franceses terían dedicada á dos relixiosos, a Prosopographie chrétienne du Bas-Empire (PCBE).

No 1951, a Academia de Berlín concedeu aos británicos e franceses o acceso a material confeccionado. No 1953, existiu un Comité de Supervisión de PLRE que incluía a Jones, Baynes, Thompson, Bell, Morris e Colin Henderson Roberts. Unha das primeiras decisións do comité foi avanzar a data de inicio da prosopografía até o 260, ano do comezo do reinado de Galieno, para permitir unha mellor visión da evolución da estrutura civil e militar baixo o reinado de Diocleciano. Tamén se decidiu ampliar o intervalo cuberto até o 641, ano da morte de Heraclio e unha serie de acontecementos no oeste de Europa. Estas datas posteriormente pasaron a ser tradicionalmente aceptadas ata a antigüidade tardía.[3]

Contido[editar | editar a fonte]

O traballo anunciouse na edición de 1950 do Journal of Roman Studies como un proyecto no que a Academia Británica, tiña como obxectivo:

"......[realizar] para o Imperio tardío o que a Prosopographia Imperii Romani fixo polo Principado, para proporcionar os materiais para o estudo da clase gobernante do Imperio. A maioría das inscricións serán persoas que ocupen cargos oficiais ou rango xunto coas súas familias, e o traballo non incluirá clérigos agás na medida en que entren nas categorías anteriores.."[4]

A maioría das entradas proceden de persoeiros que formaron parte das clases gobernantes do Imperio xunto coas súas familias e o traballo non incluíu a cargos relixiosos, agás que tivesen outros cargos ou pertencesen ás clases relevantes.[5] Os volumes foron publicados por Cambridge University Press, e implicou a varios autores principais e participantes. Os editores principais son Arnold Hugh Martin Jones, John Robert Martindale, e John Morris.[6]

  • Volume 1, publicado o 2 de marzo de 1971, abrangue os anos dende o 260 ao 395, e contén 1.176 páxinas.
  • Volume 2, publicado o 9 de outubro de 1980, do 395 ao 527, con 1.355 páxinas.
  • Volume 3, publicado en 15 de outubro de 1992, do 527 ao 641, divídese en dúas partes e ten 1.626 páxinas.

Entre as fontes que se citan aparecen libros histroriográficos modernos, textos literarios antigos, inscricións e outras fontes escritas heteroxéneas. Inclúe tanto persoas que son coñecidas a partir de fontes dubidosas (por exemplo a Historia Augusta), así como outras cuxos nomes se perderon; en tódolos casos, aparecen con indicacións que acreditan a súa fiabilidade.

Tamén existe unha Prosopography of the Byzantine World, que pretende estender os contidos até o ano 1265 e unha Prosopographisches Lexikon der Palaiologenzeit, que abrangue a derradeira fase do imperio bizantino, entre 1261 a 1453.

Valoración[editar | editar a fonte]

O traballo foi considerado un logro monumental e un fito importante nos estudos prosopográficos. Aínda que algunhas revisións fixeron correccións a certos defectos e omisións, a súa recepción foi extraordinariamente positiva e, en xeral, estes problemas consideráronse de pouca importancia en relación co valor do conxunto, ademais de ser inevitables nun traballo de tales proporcións. Converteuse nunha obra de referencia obrigatoria e a información recollida favoreceu a realización dun feixe de novas obras.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mathisen 2003, p. 23
  2. Rebenich (1997), pp. 247–326
  3. Mathisen 2003, pp. 23-26
  4. "Prosopography of the Later Roman Empire". Journal of Roman Studies 40: 189. 1950. JSTOR 298553. doi:10.2307/298553. 
  5. Jones e Marrou (1950), p. 189
  6. "The prosopography of the later Roman Empire". worldcat.org (en inglés). Consultado o 12 de setembro de 2021. 
  7. Mathisen 2003

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]