Prosopography of the Byzantine World

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prosopography of the Byzantine World
Data de pub.1998
EditorAcademia de Ciencias e Humanidades de Berlín-Brandenburgo
editar datos en Wikidata ]

A Prosopography of the Byzantine World (PBW) é un proxecto para crear unha base de datos prosopográfica de individuos que aparecen citados nas fontes literarias do Imperio bizantino e áreas próximas no período dende o 642 até 1265. O proxecto é unha colaboración entre a Academia británica e a Academia de Ciencias e Humanidades de Berlín-Brandenburgo. Aínda que orixinalmente se denominou Prosopography of the Byzantine Empire (PWE), posteriormente, pasou a se denominar Prosopography of the Byzantine World (PWE).

Orixes[editar | editar a fonte]

O proxecto comezou na década de 1980 co obxectivo de completar os traballos das prosopografías do Imperio romano tardío e do bizantino comezadas por Theodore Mommsen no século XIX e realizadas por A. H. M. Jones e J. R. Martindale que deron The Prosopography of the Later Roman Empire (tres volumes, Cambridge, 1971–1992), cubrindo o período desde 260 (a adhesión de Galieno) ao 641 (morte de Heraclio, marcando a fin da antigüidade tardía).

En 1993, a Academia Británica asinou un acordo de colaboración coa Academia de Berlín-Brandenburgo para a continuación da obra de Martindale. Deste xeito, a PBW, divídese en tres períodos, 641–867 (dinastía heráclida até a dinastía frixia ou amoriana), 867–1025 (dinastía macedonia até a morte de Basilio II) e 1025–1261 (últimos macedonios, período Comneno e até a recuperación de Constantinopla do Imperio latino).

A partir de aí, o período posterior a 1261, dinastía paleólogo, foi cuberto pola Prosopographisches Lexikon der Palaiologenzeit, editada pola Academia de Ciencias de Austria baixo a dirección de Erich Trapp e publicada entre 1976 e 1991.

Situación[editar | editar a fonte]

O primeiro resultado foi a Prosopographie der mittelbyzantinischen Zeit, Abteilung I: 641–867, editada por Friedhelm Winkelmann e Ralph-Johannes Lilie e publicada en cinco volumes entre 1998 e 2002.[1] Unha versión desta base de datos está aloxada na Academia de Berlín-Brandenburgo.

En 2001, a Academia Británica publicou un CD-ROM coa súa propia Prosopography of the Byzantine Empire (PWE)-I (641–867), editada por John Robert Martindale, que é complementaria da obra alemá. O proxecto tiña como obxectivo referenciar a tódolos individuos relevantes do mundo bizantino, tanto laicos como cristiáns, no período que vai de 641, que é onde remata The Prosopography of the Later Roman Empire, até 1265.

Con posterioridade, ao comezar cos traballos do período posterior a 1025, e tendo en conta que ampliou o ámbito xeográfico a cubrir por querer incluír o Reino de Xerusalén,[2]pasou a denominarse definitivamente como PBW.[1]

A partir de 2006, a propia PBW, referencia un total duns 10.000 individuos durante o período de 1025 a 1180. Os datos están extraídos de fontes textuais e tamén da sixilografía, que constitúe un recurso importante na prosopografía bizantina, e que inclúe preto de 7.500 selos. O equipo do proxecto estima que, en forma impresa, a base de datos ascendería a unhas 1.400 páxinas. O proxecto estivo presidido entre 2000 e 2005 por Averil Cameron e, de 2005 a 2006, por Charlotte Roueché,[3] xefa do departamento de Estudos Bizantinos e Gregos Modernos do King's College de Londres. O proxecto foi financiado polo Arts and Humanities Research Council.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Project History". pbw.kcl.ac.uk (en inglés). 10 de xaneiro de 2007. Archived from the original on 09 de xuño de 2007. Consultado o 24 de febreiro de 2022. 
  2. "Project definition". pbw.kcl.ac.uk (en inglés). 10 de xaneiro de 2007. Archived from the original on 09 de xuño de 2007. Consultado o 24 de febreiro de 2022. 
  3. "Project Team". pbw.kcl.ac.uk (en inglés). 10 de xaneiro de 2007. Archived from the original on 09 de xuño de 2007. Consultado o 24 de febreiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]