Portal:Xabarín Club/Grupo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Heredeiros da Crus son unha banda de rock do Barbanza formada a comezos dos anos 90. Caracterízanse polo seu uso da variante do galego local (gheada, seseo) no seu rexistro máis popular, chegando ás veces ao castrapo, e polas súas letras a ritmo de rock setenteiro.

Os Heredeiros da Crus creáronse en Castiñeiras (Ribeira) no ano 1992 por iniciativa de Tonhito de Poi. A banda compoñíana un grupo de cinco rapaces: Tuchiño (guitarra e voz), Tonhito de Poi (guitarra rítmica e "corros"), Javi Maneiro (O fillo da Necha, voz), Avelino, (batería) e Juan (baixo). Ensaiaban nun galiñeiro e nese mesmo ano deron o seu primeiro concerto ao aire libre na festa da Dorna, tras enganar á comisión de festas dicíndolle que eran un grupo de folk. Pouco despois o baixista, que poucas veces se presentaba a ensaiar, foi substituído por Francisco Velo (O Jran Fran). Posteriormente o posto de batería sufriría numerosos cambios, Avelino marcharía e deixaría paso a Medín, o batería que máis tempo estivo co grupo. Posteriormente pasaron polo grupo os baterías Marcos Otero, Pedro Rodríguez-Trelles e Manu Rey.

No ano 1994 conseguiron gravar o seu primeiro álbum A cuadrilla de Pepa a loba, non sen problemas pois coñécense dúas versións deste traballo, a segunda -de BOA music-, a máis estendida, foi editada sen o polémico tema "Bisté de solomillo". Tamén nese ano pasaron de tocar nos bares a dar un histórico concerto en Castrelos, diante de máis de 20.000 persoas.