Portal:Terra Media/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

John Ronald Reuel Tolkien, citado a miúdo como J. R. R. Tolkien, CBE (/ˈtɒlkn/), nado en Bloemfontein o 3 de xaneiro de 1892 e finado en Bournemouth o 2 de setembro de 1973, foi un escritor, poeta, filólogo e profesor de universidade inglés de orixe surafricana, coñecido principalmente polas súas obras O Hobbit, O Señor dos Aneis e O Silmarillion.

Foi profesor de anglosaxón no Pembroke College de 1925 a 1945, e profesor de lingua e literatura inglesa no Merton College de 1945 a 1959. Durante esta época mantivo unha boa relación de amizade con C. S. Lewis, formando parte ámbolos dous do mesmo grupo informal de discusión literaria. Foi nomeado Comandante do Imperio Británico pola raíña Isabel II o 28 de marzo de 1972.

Trala súa morte, o seu fillo Christopher recompilou e publicou varias obras baseadas nos manuscritos e notas non publicadas do seu pai, incluíndo O Silmarillion. Estas obras, xunto O Hobbit e O Señor dos Aneis forman unha serie de contos, poemas, historias e linguas conectadas ambientadas no mundo ficticio que Tolkien denominou Arda, coa Terra Media dentro dela. Entre 1951 e 1955 Tolkien aplicou o termo legendarium a gran parte destes escritos.

Aínda que outros autores anteriores xa tiveran publicado obras de fantasía antes ca Tolkien, a popularidade das súas obras fixo que se lle identifique popularmente coma o "pai" da literatura fantástica moderna. En 2008, o xornal The Times clasificouno no sexto posto nunha lista dos "50 escritores británicos máis importantes dende 1945".