Portal:Serbia/Biografía destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Radivoj Korać (en serbio: Радивој Кораћ), nado en Sombor (Iugoslavia, actual Serbia) o 5 de novembro de 1938 e finado en Saraxevo o 2 de xuño de 1969, foi xogador profesional de baloncesto iugoslavo. Cunha altura de 1,96 metros xogaba na posición de ala-pivote.

Considerado un dos mellores xogadores deste deporte da historia de Europa, Korać é lembrado hoxe como "a primeira lenda", xa que foi un dos máximos artífices en lograr que a selección iugoslava pasase de ser un equipo sen importancia no panorama internacional a unha das maiores potencias mundiais en baloncesto. Cando estaba na plenitude da súa carreira, faleceu nun accidente de tráfico uns meses antes de disputar o Mundial de Baloncesto de 1970 en Liubliana.

Como recoñecemento aos seus méritos a FIBA incluíulle, no 2007, na lista de nove xogadores que inauguraban o seu Salón da Fama e a Euroliga fixo o mesmo coa inclusión do xogador na súa lista de trinta e cinco mellores xogadores da historia da competición que realizou no 2008 con motivo do seu cincuenta aniversario. Ademais entre 1971 e 2002, a antecesora da segunda maior competición do baloncesto Europeo, a Eurocup Basketball, levou o nome de Copa Korać.