Portal:Santiago de Compostela/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña, onde mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega.

A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano. Ademais de destacar a súa produción musical, Eugenia Osterberger participou en diversas iniciativas de dignificación da cultura galega.