Portal:Santiago de Compostela/Artigo destacado/8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O accidente ferroviario de Angrois de 2013 foi un descarrilamento ferroviario sucedido o 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, en Santiago de Compostela. Foi o accidente de tren máis grave da historia de Galicia e de España, se ben hai hipóteses que sinalan que o máis grave da historia de España foi o accidente de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia. Ademais, tamén foi o primeiro accidente de tren mortal producido nunha liña de alta velocidade en España. Das 222 persoas que viaxaban no tren, preto de 140 resultaron feridas e 79 morreron.

O accidente produciuse a tres quilómetros da entrada da estación de Santiago de Compostela, ao final da recta da liña de alta velocidade que cruza o barrio do Eixo. Nese punto a vía traza unha curva pechada, chamada a curva da Grandeira, limitada a 80 km/h, xusto ao pasar por baixo do viaduto da AP-9.

Unha das primeiras consecuencias foi o peche do camiño de ferro entre Ourense e Santiago de Compostela. Tamén se suspenderon os actos festivos e políticos programados na cidade para o 25 de xullo, e o Goberno galego decretou sete días de loito oficial, o maior loito da autonomía ata a data.