Portal:Rusia/Biografía destacada/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aleksandr Vasilievich Kolchak (en ruso:Алекса́ндр Васи́льевич Колча́к), nado en San Petersburgo o 4 de novembroxul./ 16 de novembro de 1874greg. e finado en Irkutsk o 7 de febreiro de 1920, foi un mariñeiro, militar e explorador do Ártico ruso, caudillo do movemento antibolxevique coñecido como Movemento branco durante a guerra civil rusa que dirixiu en Siberia un Goberno oposto ao de Lenin desde novembro de 1918 a febreiro de 1920.

Kolchak comezou a súa carreira como oficial, oceanógrafo e hidrólogo da Armada Imperial Rusa e foi membro e logo comandante de varias exploracións polares auspiciadas pola Academia de Ciencias de Rusia. A illa Kolchak, situada no mar de Kara, foi bautizada na súa honra. Durante a guerra ruso-xaponesa (1904-1905) distinguiuse no sitio de Port Arthur cando unha mina lanzada desde o destrutor ao seu mando afundiu o cruceiro xaponés Takasago. Despois da guerra foi un dos renovadores da frota rusa e participou na creación do Estado Maior da Armada, o equivalente da Stavka. Durante os primeiros anos do século XX, alternou os seus estudos científicos e exploracións coas súas tarefas de modernización da Mariña rusa no Estado Maior...