Portal:Muller/Biografía destacada/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vera Ivanovna Zasulich (en ruso: Ве́ра Ива́новна Засу́лич), nada en Mikhailovka (provincia de Smolensk) o 27 de xulloxul./ 8 de agosto de 1849greg. e finada en Petrogrado o 8 de maio de 1919, foi unha escritora e revolucionaria marxista, membro fundador do Grupo para a Emancipación do Traballo.

Nada nunha familia nobre empobrecida, frecuentou durante os seus estudos en Petrogrado os ambientes revolucionarios estudantís. Foi encarcerada en 1869 por manter correspondencia co líder nihilista e anarquista Sergei Netchaev. Trala súa excarceración en 1871, estabeleceuse en Kíiv, onde contactou con Insurxentes de Kíiv, un grupo revolucionario de seguidores de Mikhail Bakunin, chegando a converterse nunha líder respectada.

En 1878, Zasulich e a revolucionaria social María Kolenkina planearon asasinar Vladislav Zhelekhovski, un promotor famoso polos seus procesos contra a militancia revolucionaria, e o coronel Teodor Trepov, gobernador de Petrogrado, que era coñecido por proscribir as rebelións polacas en 1830 e 1863. O atentado contra Zhelekhovski resultou infrutuoso, mais Zasulich conseguiu ferir gravemente Trepov. Foi atrapada, mais no seu amplamente difundido proceso, un xurado favorable a ela declarouna inocente...