Portal:Finlandia/Artigo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A guerra de Inverno (en finés: talvisota; en sueco: vinterkriget; en ruso: Зимняя война, (Zimniaia voina)) foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda Guerra Mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.

Os soviéticos tiñan tres veces máis soldados que os fineses, trinta veces máis avións, e cen veces máis tanques. O Exército Vermello, porén, fora paralizado pola Gran Purga de Iosif Stalin de 1937, reducindo a moral e a eficacia do exército pouco tempo antes do inicio da guerra. Con máis de 30.000 dos seus oficiais executados ou presos, incluídos moitos altos mandos, o Exército Vermello en 1939 tiña moitos oficiais de nivel medio e alto inexpertos. Debido a estes factores, e a alta moral das forzas finesas, Finlandia foi capaz de resistir a invasión soviética moito máis tempo do que os soviéticos agardaban.

As hostilidades remataron o 13 de marzo de 1940 coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país. Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.