Portal:Escocia/Lugar de interese/9

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Muralla de Antonino (tamén chamada Muro Antonino ou Muro de Antonino) é unha antiga construción defensiva da illa de Gran Bretaña, erixida por Quinto Lolio Urbico, gobernador de Britania, por mandato do emperador romano Antonino Pío entre os anos 140-142, a uns 160 km ó norte da súa antecesora, a muralla de Hadrián. Estendíase durante 58 quilómetros dende o estuario de Forth, na costa oriental da illa sobre o mar do Norte, ata o golfo de Clyde, na costa occidental sobre o mar de Irlanda, ó longo da liña dos antigos fortes construídos por Cneo Xulio Agrícola. Foi inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade en 2008 como parte das "Fronteiras do Imperio Romano".

O motivo da creación desta fronteira fortificado foi adiantar as posicións defensivas romanas, ó considerar que a provincia de Britania era xa segura, para así garantir a súa defensa, e de paso someter ás tribos hostís que vivían entre ambas murallas, nas terras altas da Caledonia meridional. Estas tribos dos pictos constituían unha importante ameaza pola súa hostilidade, ante o cal as súas terras foron asoladas e un gran número dos seus habitantes apreixados e deportados a Xermania.