Portal:Escocia/Artigo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Parlamento escocés (en inglés: Scottish Parliament, en escocés: Pàrlamaid na h-Alba e en scots: Scots Pairlament) é o lexislativo unicameral de Escocia. Atópase situado na zona de Holyrood, na cidade de Edimburgo ao remate da Milla real, a principal arteria histórica da capital. Por iso ao parlamento escocés se lle coñece informalmente por Holyrood. Está composto por 129 deputados que se escollen democraticamente cada catro anos por un sistema mixto proporcional e directo, isto é, 73 deputados proceden da elección de 73 circunscricións e 56 repártense proporcionalmente conforme oito rexións distintas.

O primeiro parlamento de Escocia, tamén chamado os Estados de Escocia, foi a cámara lexislativa do Reino de Escocia, e funcionou dende comezos do século XIII ata que a monarquía independente se fusionou co Reino de Inglaterra conforme a Lei da Unión de 1707, para formar o Reino de Gran Bretaña. Como consecuencia, tamén o Parlamento de Escocia se fusionou co Parlamento de Inglaterra para formar o Parlamento de Gran Bretaña, que ten a súa sede en Westminster, en Londres.

Logo do referendo escocés de 1997 onde os escoceses apoiaron amplamente a recuperación da institución lexislativa, o actual parlamento estableceuno a Lei de Escocia de 1998, que lle devolve algunhas capacidades a esta nación. Esta lei define tamén as competencias da cámara sinalando explicitamente aqueles asuntos que lle corresponden unicamente xestionalos a Westminster, entre os que se atopan a lei que rexe esta cámara así como a capacidade para aumentarlle ou reducirlle competencias. A primeira sesión do novo parlamento tivo lugar o 12 de maio de 1999.