Portal:Celtas/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. Historicamente, foi amplamente celebrado en Irlanda, Escocia e a Illa de Man. Festividades semellantes celébranse na mesma época do ano noutros territorios celtas, como as britónicas Calan Gaeaf (en Gales), Kalan Gwav (en Cornualla) e Kalan Goañv (na Bretaña), sendo estas dúas pólas da festividade igual de antigas. En Galicia, é unha celebración que se está a recuperar e promocionar dende a década de 1990, que está baseada na tradición do Día dos Fieis Defuntos, na de tallar caveiras en melóns e cabazas e de vestir como espíritos ou pantasmas.

Crese que o Samaín ten a súa orixe no politeísmo celta e existen evidencias de que foi unha data de importancia dende a antigüidade. Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer na época do Samaín. É mencionado nalgúns textos irlandeses antigos e moitos eventos importantes da mitoloxía irlandesa ocorren ou comezan no Samaín. Era o momento no que o gando baixaba dos pasteiros de verán e era sacrificado durante o inverno. Ó igual que no Beltane, acendíanse fogueiras especiais. Isto era considerado como formas de protección e limpeza e había rituais específicos que implicaban as fogueiras.