Portal:A Coruña/Lugar de interese/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. A planta é cadrada (10 m de lado), cunha altura total de 68 metros. Está localizada nun cabo.

A Torre de Hércules foi construída polos romanos como faro de navegación a finais do século I ou comezos do II d.C. durante a época de Traxano. No reinado de Carlos IV realizouse unha reconstrución completa que durou entre xullo de 1788 e decembro de 1790, dirixida por Eustaquio Giannini no estilo neoclásico. Desde entón non se volveu mudar a aparencia da torre e só se modificou a lanterna coa instalación dun fanal xiratorio e o acceso a este. No interior fixéronse falsos teitos e cubríronse as paredes de papel. En 1993 elimináronse todos os engadidos interiores..

O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela.