Ponte sobre a ría de Noia
Ponte sobre a ría de Noia | |
---|---|
Localización | |
Coordenadas | 42°47′34″N 8°54′07″O / 42.792777777778, -8.9019444444444 |
Río | Ría de Muros e Noia |
Concello | Noia |
Provincia | A Coruña |
Características | |
Construción | 2011–2014 |
Lonxitude | 1657 m |
Ancho | 10 m |
Tipo | De cables atirantados |
Material | Formigón |
A ponte sobre a ría de Noia une o lugar da Barquiña (Barro) co porto de Testal (O Obre), ambos no concello de Noia, cruzando sobre a ría de Muros e Noia, cunha lonxitude de 1.657 metros. Foi inaugurada en 2014 e trátase da primeira ponte atirantada construída pola Administración autonómica.[1]
Forma parte dunha variante (estrada AC-549) que une o corredor CG-1.5 na Barquiña coa estrada AC-550 no lugar de Taramancos (Boa), cunha lonxitude total de 4,8 km.
Historia
[editar | editar a fonte]O 15 de xuño de 2011 iniciáronse as obras da variante, presupostadas en 38 millóns de euros.[2]
O 4 de xullo de 2014 foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e varios alcaldes da zona.[3] O investimento final foi de 50 millóns de euros.[4]
O 27 de outubro de 2015 o presidente da Xunta de Galicia inaugurou a iluminación nocturna da ponte. A iluminación, cuxa obra foi financiada por Gas Natural Fenosa, consiste nun sistema de luminarias a base de bombillas LED.[5]
Castro de Taramancos
[editar | editar a fonte]Con motivos das obras, en maio de 2011 apareceron no lugar de Taramancos (na parroquia noiesa de Boa) restos arqueolóxicos. Tras a investigación realizada confirmáronse restos desde a época castrexa até o século IV, e incluso posteriores.[6] As escavacións no castro, coñecido tamén como Poboado de Espiñeira, realizadas de urxencia, deron a coñecer dúas vivendas de tipoloxía da Idade de Ferro, así como varios cuncheiros con restos de ostras, berberechos e outras especies en menor medida. Conta tamén con numerosas foxas e un longo muro. Cabe destacar, como aspecto significativo, que se trata dunha aldea da Idade de Ferro sen fortificación, algo considerado moi atípico e singular.[7]
En setembro de 2011 o alcalde noiés, Rafael García Guerrero, denunciou que unha das vivendas desaparecera, ao que respondeu a Xunta de Galicia anunciando que os restos atopados foran "escavados, catalogados e inventariados", pero que posteriormente serían eliminados do lugar para continuar coa construción da variante. O Concello de Noia acusou á Xunta de ter "un total desprezo da conservación do patrimonio e do ambiente", así como de "unha enorme perda" para a localidade. O Goberno galego informou que os traballos de escavación estiveron baixo a supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio e nun perímetro acoutado que houbo que ampliar até os 200 metros a medida que aparecían novos vestixios, e conservar no lugar o xacemento (con restos de varias épocas) obrigaría a cambiar o trazado da futura vía co conseguinte aumento do custo e atraso da infraestrutura. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente manifestou que o lugar foi obxecto "dunha superposición de épocas de ocupación e actividade humana que ineludiblemente leva á destrución total ou parcial dos restos", polo que "o seu estado de conservación está seccionado e incompleto". Desde a Consellería engadían que "non se está destruíndo un castro; todo o que se retira catalógase e almacénase convenientemente". Finalmente, a Xunta concluíu dicindo que "a vivenda foi illada para profundar nos traballos, xa que segundo parece, existe constancia de que hai restos máis antigos enterrados nesa parcela".[8][9][10][11]
Finalmente o castro desapareceu, para rematar a variante.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC500 en Taramancos"
- ↑ En marcha el gran viaducto que enlazará la ría de Noia Arquivado 13 de agosto de 2014 en Wayback Machine.; El Correo Gallego, 16 de xuño de 2011 (en castelán)
- ↑ Noia presume de su nuevo símbolo; La Voz de Galicia, 5 de xullo de 2014 (en castelán)
- ↑ Noia estrena hoy el puente atirantado más grande de Galicia; ABC, 4 de xullo de 2014 (en castelán)
- ↑ "Las luces ya iluminan el puente sobre la ría de Noia". La Voz de Galicia. 27 de outubro de 2015. (en castelán)
- ↑ "Los estudios avalan que los restos de Taramancos son castreños". La Voz de Galicia. 31 de agosto de 2011. (en castelán)
- ↑ Poboado de Espineira e Taramancos Vello na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ "Las obras de una carretera de la Xunta se llevan por delante un castro en Noia". El País. 28 de setembro de 2011. (en castelán)
- ↑ "Denuncian que parte del castro de Taramancos ha sido destruida". La Voz de Galicia. 27 de setembro de 2011. (en castelán)
- ↑ "La obra de la variante de Noia obliga a trasladar el castro de Taramancos". La Voz de Galicia. 28 de setembro de 2011. (en castelán)
- ↑ "A Xunta arrasa cos únicos vestixios romanos de Noia". galiciaconfidencial.com. 28 de setembro de 2011. (en castelán)