Ponte de Cruzul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°50′44″N 7°08′23″O / 42.8456, -7.1398

Ponte de Cruzul
Ponte de Cruzul posiblemente ca. 1867, fotografía de Jean Laurent.
Localización
RíoRío Narón
ConcelloCruzul (Becerreá)
Características
ConstruciónSéculo XVIII
Lonxitude93 m
Ancho8 m
MaterialPedra calcaria
Ponte de Cruzul en 2017.
Ponte de Cruzul en 2022.
Ponte de Cruzul en 2022.

A ponte de Cruzul atravesa o río Narón na parroquia Cruzul (Becerreá). Foi construída a finais do século XVIII como parte do camiño real da Coruña, proxectado no plan de Carlos III de España de crear unha red de camiños reais en España. De estilo neoclásico, está considerada a primeira obra de enxeñaría civil moderna, de capital importancia para as comunicacións de Galicia co resto de España. Forma parte dun espazo natural catalogado pola rede Natura 2000, e solicitouse a súa declaración como Ben de Interese Cultural.[1][2] Situado á altura do km 465 da antiga estrada N-VI, a súa titularidade corresponde ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.[3]

Características[editar | editar a fonte]

É unha construción de pedra calcaria, de 29 metros de altura e 93 metros de lonxitude, cunha calzada de 8 metros de ancho e tres arcos semicirculares de 12 metros de diámetro, con dovelas tamén de pedra calcaria. Os seus dos piares centrais teñen unha sección rectangular de 4 por 8,5 m rematados por unha imposta que corre ao longo de toda a ponte. Unha segunda imposta superior marca o perfil da calzada. Catro monólitos cun corpo piramidal marcaban os extremos da ponte, mais só se conservan tres. Os planos orixinais da ponte foron depositados no Arquivo Xeral de Simancas en 1765.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Concepto e deseño[editar | editar a fonte]

O Real decreto de 10 de xuño de 1761 de Carlos III estableceu crear en España unha rede radial de camiños reais solidamente construídos, empezando polos que van da capital a Valencia, Andalucía, Cataluña e Galicia. Tras unha serie de diverxencias e ata enfrontamentos entre o capitán xeneral de Galicia, Carlos Francisco de Croix, e o marqués de Esquilache, ministro de Facenda, o marqués de la Ensenada optou por nomear o enxeñeiro francés Carlos Lemaur encargado da dirección do camiño de Astorga a Galicia en 1763, en substitución do enxeñeiro José Crane. Lemaur encargouse do camiño real ata o seu cesamento e substitución por Baltasar Ricaud en 1769.[4] Desde o inicio do proxecto, Lemaur mantivo fortes discrepancias co capitán xeneral de Galicia polo trazado do camiño, xa que decidiu facelo coincidir co da calzada romana (unha das rutas de Antonino) que acababa de descubrir, a que partía de Astorga cara a Lugo e Betanzos, o que abarataría custos.[4] As obras empezaron entre 1776 e 1778, e non se sabe con exactitude cando terminaron, mais asúmese que foi antes de finalizar o século.[1]

Guerra da Independencia[editar | editar a fonte]

A ponte está documentada na invasión napoleónica de Galicia en 1809, e aparece citada nas Proezas de Galicia, explicadas baxo la conversación rústica de los dos compadres Chinto y Mingote, de Xosé Fernández Neira. Na ponte houbo episodios de resistencia, e os guerrilleiros fixéronse con máis de mil fusís que os soldados franceses esconderan xunto a ela. Algúns dos canóns deses fusís foron utilizados como tubos de desaugadoiro nas casas da contorna.[1] Tamén se conserva un manocrito do capitán francés Gérard, conservado por Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón, onde relata que pretendía transportar armas a un continxente destacado en Astorga xunto cun retén de reforzo, mais tivo que deterse en Cruzul por mor dun temporal de neve.[5] Está tamén documentado o enfrontamento da veciñanza na ponte cando o xeneral Pedro Caro y Sureda chamou á mobilización cando xa se expulsaran as tropas francesas.[1]

A importancia e o prestixio da ponte de Cruzul queda patente en varias representacións publicadas no século XIX. En 1809 aparece no libro de Adam Noel Letter from Portugal and Spain, editado en Londres, que relata como o xeneral inglés John Moore, camiño de Lugo tras pernoctar nas Nogais, chegou a Cruzul cando os franceses preparaban a voladura da ponte. Existe outra lámina do século XIX que representa a retirada do exército inglés pola ponte de Cruzul, perseguido polos franceses. Tamén aparece no Semanario pintoresco español do 21 de abril de 1850.[1] O fotógrafo Jean Laurent fotografouna para o seu catálogo de 1867 entre os exemplos de obras civís españolas que Lucio del Valle escolleu mostrar na Exposición Universal de París de 1867.

A estrada á que daba servizo a ponte quedou enmarcada, como camiño real, entre as seis estradas radiais que comunicaban Madrid coas distintas capitais de provincia e as principais aduanas. Como elas, pasou a denominarse «estrada xeral» en 1851 (por diante das demais estradas clasificadas en transversais, provinciais e locais) para as cales o Estado asumía integramente os gastos de construción e mantemento. A lei de 1857 e o Plan xeral de estradas establecido polo Real decreto de 7 de setembro de 1860 confirmaron esta clasificación mudando os nomes por estradas de primeira, segunda e terceira orde.[6]

En 1940 o Plan Peña, coñecido así polo ministro de Obras Públicas Alfonso Peña Boeuf, clasificou as estradas en nacionais, comarcais e locais, e estableceu unha sistematización da nomenclatura das estradas, adquirindo os códigos identificativos aínda en vigor. A estrada de Madrid á Coruña foi nomeada N-VI.[7] O vial mantivo o seu trazado orixinal na rexión ata que se finalizaron as obras previstas polo Plan de accesos a Galicia de 1970. No verán de 1987 rematouse o novo viaduto de Cruzul, e en 1988 inaugurouse o tramo da N-VI As Nogais-Becerreá, relegando a antiga N-VI e a ponte de Cruzul a un uso local.[8]

En 2009 o Concello de Becerreá, e en 2015 o colectivo Patrimonio dos Ancares, pediron oficialmente á Xunta de Galicia a catalogación da ponte, pero recibiron resposta negativa dado que a ponte e a estrada pertencen á Rede de estradas do Estado. O colectivo Patrimonio dos Ancares presentou unha nova solicitude en outubro de 2019 ante a Dirección Xeral de Belas Artes, do Ministerio de Cultura. Ante a falta de resposta, en febreiro de 2021 o Grupo Parlamentario Plural, a instancia do Bloque Nacionalista Galego, levou a solicitude para o seu debate ante a Comisión de Cultura e Deporte do Congreso dos Deputados.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "PONTES DA COMARCA DOS ANCARES. Ponte de Cruzul". Colectivo Patrimonio dos Ancares. Consultado o 8 de abril de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Suso Varela (14 de febreiro de 2021). "El histórico puente de Cruzul llega al Congreso". La voz de Galicia. 
  3. 3,0 3,1 Grupo Parlamentario Plural (2 de febreiro de 2021). "161/001895 Proposición no de Ley presentada por el Grupo Parlamentario Plural, relativa a la declaración del Puente de Cruzul como Bien de Interés Cultural". Boletín Oficial de las Cortes Generales. D (212): 67-69. BOCG-14-D-212. Arquivado dende o orixinal |url= incorrecto (Axuda) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 01 de maio de 2022. 
  4. 4,0 4,1 López Lambas, María Eugenia (1995). El Camino Real de Galicia. Aspectos jurídicos (Tese). Universidad Complutense (publicado o 25 de outubro de 2004). 
  5. Arcadio Silvosa (5 de junio de 2008). "Becerreá, 'O terror dos gabachos'". El País. 
  6. Villar, Domingo Cuéllar (2002). "Política de obras públicas y políticas liberales: El Ministerio de Fomento (1851-1874)". Tst: Transportes, Servicios y telecomunicaciones (2): 43–69. ISSN 1578-5777. 
  7. Gonzalo Prieto (29 de xaneiro de 2016). "La evolución del mapa de carreteras de España". Geografía infinita. 
  8. Suso Varela (12 de noviembre de 2017). "Quince años del fin de la A-6 y treinta de la N-VI". La Voz de Galicia.