Politikon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Politikon anónimo, cuñado en Constantinopla ca. 1328-1354. Billón. Peso: 0,51 g. Anverso: +POLITIKON, cruz. Reverso: muralla da cidade con catro torres.

Politikon (termo grego: πολιτικον) é a denominación xenérica que se lle atribúe a unha serie de moedas bizantinas de billón emitidas a mediados do século XIV, que teñen en común o feito de exhibir como única inscrición a palabra grega: +ΠΟΛΙΤΙΚΟΝ ("da cidade, cívico").[1]

Caracterización[editar | editar a fonte]

A iconografía que caracteriza numerosos exemplares, coa lenda disposta en torno a unha gran cruz ou o busto da Virxe María, segue máis os modelos europeos occidentais que os tradicionais das cuñaxes bizantinas, e a maioría deles non identifican o emperador baixo o quen foron emitidos.[2] No entanto, estas pezas adáptanse ao tipo xeral da moeda tornesa (a partir do diñeiro cuñado en Tours), cun peso de entre 0,6 e 0,8 Gramos, un diámetro de 17 milímetros e un contido de prata de entre 200 e 250 milésimas.

A forma do politikon foi inicialmente cóncava ("scyphate"), coma moitas outras moedas bizantinas, mais as emisións posteriores fixéronse xa sobre discos planos. Aparentemente supoñen a continuación das emisións de torneses bizantinos (coñecidos na área de influencia grega como tournesion) do emperador Andrónico II Paleólogo (1282-1328), cos que compartiría a taxa de 96 unidades por cada hyperpyron de ouro.[3][4] Así e todo, hai algunhas excepcións: o Gabinete de Medallas de París exhibe un exemplar de politikon que pesa 1,4 gramos e ten un contido de prata de 785 milésimas, moi superior ao habitual dos torneses, aínda que por baixo do da principal moeda bizantina de prata, o basilikon.[5]

A explicación da expresión +ΠΟΛΙΤΙΚΟΝ como única inscrición destas moedas foi motivo de debate desde hai tempo. Semella que a lenda pode indicar que estas moedas foron emitidas para pagar algunha necesidade pública específica (como o caso das moedas francesas da mesma época coa inscrición BVRGENSIS), aínda que algúns dos primeiros estudosos, comezando polo numismático francés Gustave Schlumberger, defendían que se terían usado como vales para a compra de pan.[6] Morrisson apunta a posibilidade de que a lenda faga mención á vocación de uso corrente ou popular do politikon (de aí o seu nome), en oposición ao basilikon (βασιλικόν: "moeda do emperador").[7]

Datación[editar | editar a fonte]

De xeito extraordinario, algunhas destas pezas amosan o nome de Andrónico III Paleólogo (1328-1341), polo que poden ser datadas con seguridade na década de 1330, entanto que os exemplares anónimos corresponderían á década de 1340 (marcada por unha guerra civil moi destrutiva), e as derradeiras series, emitidas a nome de Xoán V Paleólogo (1341-1376 e 1379-1391), datarían da década de 1350, momento a partir do cal a existencia do politikon foi moi descontinua.

Procedencia[editar | editar a fonte]

Canto ao seu lugar de cuñaxe, a atribución aos obradoiros monetarios de Constantinopla dáse hoxe por segura, aínda que, por mor da súa aparencia occidental, houbo quen suxeriu a procedencia dalgunha ceca instalada na área dos estados francos (Francofracia) do sur de Grecia.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Politikon". En Tipos de monedas bizantinas. www.tesorillo.com
  2. Grierson (1982). Páxina 313.
  3. Hendy (1985). Páxinas 533-536.
  4. Grierson (1999). Páxinas 193, 197.
  5. Grierson (1999). Páxina 196.
  6. Grierson (1999). Páxinas 193, 195.
  7. Morrisson, C.; Bendall, S. "Monnaies de la fin de l'empire byzantin à Dumbarton Oaks : un catalogue de référence". En Revue Numismatique. 2001. 157. Páxina 486.
  8. Grierson (1999). Páxina 197.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]