Pirámide de necesidades de Maslow
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A pirámide de necesidades de Maslow é unha representación gráfica en forma de pirámide das necesidades humanas deseñada polo psicólogo estadounidense Abraham Maslow no seu traballo A Theory of Human Motivation (1943). Segundo a súa teoría as necesidades humanas deben ser atendidas desde a base da pirámide, onde residen as necesidades fisiolóxicas, para poder chegar á cima da pirámide, onde está a autorrealización.
Ademais, a xerarquía de necesidades emprégase para estudar de que maneira os seres humanos toman parte intrinsecamente na motivación comportamental. Maslow empregou os termos «fisiolóxico», «seguranza», «pertenza e amor», «necesidades sociais» ou «estima», «auto-realización» e «transcendencia» para describir o patrón a través do cal se moven por vía de regra as necesidades e motivacións humanas. Isto significa que, segundo a teoría, para que apareza a motivación nun individuo na etapa seguinte, teñen que estar xa satisfeitas todas as etapas anteriores. A teoría foi utilizada para explicar como se relacionan o esforzo e a motivación no contexto do comportamento humano. Cada un destes niveis individuais conteñen unha determinada cantidade de sensación interna que hai que satisfacer para que o individuo complete a súa xerarquía.[1] O obxectivo da xerarquía de Maslow consiste en atinxir o nivel ou etapa de auto-realización.
Necesidades fisiolóxicas[editar | editar a fonte]
No nivel inferior da pirámide residen as necesidades básicas como a inxesta de alimentos, auga e aire, pero tamén a necesidade de durmir, o movemento físico, a excreción e o sexo, entendido como reprodución non como un pracer. En resumo, a necesidade de manter e defender o organismo humano. Só cando esas necesidades están satisfeitos, as necesidades pasan ó nivel seguinte. Se hai fame ou sede, non se pensa en máis nada.
Necesidades de seguridade[editar | editar a fonte]
O seguinte nivel inclúe as necesidades emocionais como seguridade, estabilidade, orde, protección. Só cando as necesidades de primeiro e segundo nivel son satisfactorias, hai interese por pasar ó nivel seguinte.
Necesidades sociais[editar | editar a fonte]
Atópanse aquí as necesidades sociais da comunidade, o amor, a amizade. É tamén a importancia de sentirse aceptado polo contorno, familia, veciños e compañeiros de traballo, e mais tamén como un cidadán na súa comunidade.
Necesidades de estima[editar | editar a fonte]
Neste nivel sitúanse as necesidades de estima, respecto propio, confianza, habilidades, recoñecemento, status e dignidade. Estas necesidades son importantes, pero só cando as necesidades dos tres niveis inferiores están satisfeitas.
Autorrealización[editar | editar a fonte]
Ó nivel superior acceden só as persoas que cumpriran as necesidades dos catro niveis anteriores, a xente con traballo creativo, que procura retos e que teñen un desexo de desenvolver e empregar as súas habilidades.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Deckers, Lambert (2018). Motivation: Biological, Psychological, and Environmental. Routledge Press. ISBN 9781138036338.