Pilar Farjas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 14 de setembro de 2012 ás 20:40 por Calq (conversa | contribucións) (máis categorías)
Pilar Farjas.

Pilar Farjas Abadía, nada en Teruel en 1959, é unha médica e política galega do PPdeG.

Traxectoria

É licenciada en Medicina e especialista en cirurxía pola Universidade de Zaragoza; así mesmo é licenciada en Socioloxía pola UNED. Nos anos noventa traballa xa de doutora na Coruña, primeiro nos servizos de Sanidade Exterior (1992), e logo como subdirectora de Protección da Saúde da Xunta de Galicia. En 1997 pasa a ser directora xeral de Saúde Pública, pero catro anos máis tarde, en 2001, regresa á atención médica na unidade de vacinas do servizo de medicina preventiva do Complexo Hospitalario da Coruña.

Ao ano seguinte, en 2002, sendo Ana Pastor ministra de Sanidade, convértese en directora executiva da Axencia Española de Seguridade Alimentaria. En 2004 regresa á Xunta de Galicia como xefa de gabinete de Henrique López Veiga. Ao ano seguinte, logo da derrota electoral do PPdeG, volve ao seu posto como funcionaria, ao exercer de xefa de servizo de Produtos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais.

Foi tamén concelleira na cidade da Coruña e deputada provincial, cargos que desempeñou até o seu nomeamento como conselleira de Sanidade en abril de 2009, no primeiro goberno da Xunta de Galiza presidida por Alberte Núñez Feijóo.

O 30 de decembro de 2011 foi nomeada Secretaria Xeral de Sanidade de España polo consello de ministros do goberno de Mariano Rajoy, co que abandonou a consellería.


Predecesor:
María Xosé Rubio
 
conselleira de Sanidade
 
2009-2011
Sucesor:
Rocío Mosquera

Vida persoal

Está casada e ten dous fillos.