Pietro Tacca
Pietro Tacca | |
---|---|
Nacemento | 16 de setembro de 1577 |
Lugar de nacemento | Carrara |
Falecemento | 26 de outubro de 1640 |
Lugar de falecemento | Florencia |
Nacionalidade | Italia |
Ocupación | escultor |
Fillos | Ferdinando Tacca |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Pietro Tacca, nado en Carrara en 1577 e finado en Florencia en 1640, foi un escultor italiano, o máximo representante en Toscana do gusto barroco.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Con quince anos entrou no taller de Giambologna (1592), o máis importante escultor florentino da época, do que se convertería no primeiro axudante. Á morte do mestre en 1608, Tacca recibe o usufruto do estudo, no borgo Pinti (barrio Pinti), e un ano despois herda tamén o posto de escultor dos Grandes Duques da Toscana.
Rematará obras inacabadas de Giambologna como os monumentos ecuestres de Fernando I de Médici en piazza Santissima Annunziata, ou o do rei de Francia Henrique IV, enviado a París e destruído durante a revolución en 1793, ou o de Filipe III de España, que está colocado na Plaza Mayor de Madrid (1616).
Entre 1620 e 1623 executa o que se considera a súa obra mestra os Quattro mori (Catro mouros) encadeados na base do monumento a Fernando I de Médici na praciña da dársena de Livorno.
A súa última e traballosa empresa foi o grandioso monumento ecuestre a Filipe IV de España, realizado, sobre deseño de Velázquez, entre 1634 e 1640. Este monumento é a primeira estatua ecuestre co cabalo erguido e sostido sobre a patas traseiras.
Tacca faleceu en 1640, pouco despois de que a estatua de Filipe IV (desde o século XVIII na madrileña "praza de Oriente", enfronte do Pazo Real) fose embarcada para España. Está sepultado na basilica della Santissima Annunziata.