Península de Yamal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 70°40′15″N 70°08′12″L / 70.67083, -70.13667

En vermello, a península de Yamal
Mapa do distrito

A península de Yamal (en ruso: полуо́стров Яма́л) está situada no distrito autónomo (ókrug) de Yamalo-Nenets, no noroeste de Siberia, en Rusia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mide uns 700 km de lonxitude, 240 km de ancho, e ten unha extensión duns 120 000 km².

Limita co mar de Kara, a baía de Baydarátskaya ao oeste e o golfo de Ob ao leste.

No extremo norte desta península encóntrase o estreito de Malygina, de 8,5 km de ancho mínimo, que está conxelado, como todo o mar de Kara, a maior parte do ano, e, máis aló, a illa Bely. Ao outro lado do río atópase a península de Guida.

Na lingua dos seus habitantes indíxenas, os nenets, "Yamal" significa "Fin da Terra".

A península está composta principalmente de permafrost e xeoloxicamente é un lugar moi xove (algunhas zonas poderían ter menos de 10 000 anos).

Yamal ten as maiores reservas de gas natural de Rusia. O depósito Bovanénkovskoye está desenvolvido polo monopolio ruso de gas, Gazprom, desde 2012, unha circunstancia que pode facer perigar o futuro da cría de renos nómades.

Fauna[editar | editar a fonte]

Familia de nenets

A península de Yamal é o lugar onde se conserva mellor a cría tradicional a grande escala de renos de toda a Federación de Rusia. Na península, varios miles de pastores nómades, nenets e jantys, pastorean uns 500 000 renos domésticos.

A tundra desta rexión (xunto á da próxima península de Guida) constitúe unha ecorrexión do Fondo Mundial para a Natureza: Tundra das penínsulas de Yamal e Guida.

Así mesmo, Yamal está habitada por multitude de especies de aves migratorias como, por exemplo, o eider de Esteler.

Paleontoloxía[editar | editar a fonte]

Os restos ben conservados de Lyuba, unha cría de mamut de 37 000 anos de idade, foron atopados por un pastor de renos na península no verán de 2007. O animal era unha femia e determinouse que tiña un mes de idade,[1] no momento da morte.[2][3]

En 2018 achouse un cachorro de mamut duns 18 000 anos, na rexión do permafrost do Extremo Oriente ruso.[4]

O 23 de xullo de 2020 descubríronse, nesta zona, debido ao desconxelamento provocado polo cambio climático, restos moi ben conservados (parte do seu cranio, varias costelas, ósos dunha pata dianteira e tecidos brandos) dun mamut de hai uns 10 000 anos.​[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ice Baby, National Geographic Magazine, Maio de 2009.
  2. "Baby mammoth unearthed in Yamal is 37,000 years old – scientists". En.rian.ru.
  3. "Russia: Mammoth's Corpse Found". The New York Times. 11 de xullo de 2007.
  4. 4,0 4,1 Reuters: "Científicos rusos analizan huesos de mamut muy bien conservados; estiman que vivió hace 10 milenios". La Jornada, suplemento La Jornada de enmedio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]