Pedro Arias Veira
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 6 de maio de 1949 A Coruña, España |
| Morte | 2 de maio de 2025 |
| Causa da morte | esclerose lateral amiotrófica |
| Actividade | |
| Ocupación | político, economista |
Pedro Manuel Arias Veira, coñecido como Pedro Arias e ás veces Pedro Arias Veira, nado na Coruña o 6 de maio de 1949 e finado o 2 de maio de 2025, foi un economista e político galego de varias formacións. Cunha destacada traxectoria no eido universitario e na vida pública de Galicia, combinou a docencia co activismo social e político, así como a participación en faladoiros; foi ademais autor de varios ensaios sobre economía e pensamento político contemporáneo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Profesor de economía na Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor de Estrutura económica, Teoría económica, Economía rexional, urbana e sectorial e Economía política. Foi tamén docente do máster de Edición Periodística de La Voz de Galicia.
O seu labor investigador centrouse especialmente na economía galega desde unha perspectiva cuantitativa e estrutural. Analizou cuestións como a demografía, o emprego, a planificación urbana e a economía do benestar, achegando unha visión sistemática e crítica dos procesos económicos rexionais.
Actividade política
[editar | editar a fonte]Desde a súa mocidade universitaria, nos anos 60 e 70, sentiuse atraído pola reconciliación e a transformación social, integrándose no Partido Comunista de Galicia (PCG), cun firme compromiso antifranquista. Foi tamén asesor en Comisións Obreiras, experiencia que marcou a súa visión sobre a Galicia real.
Participou nun estudo sobre a capitalidade na Coruña e na elaboración do Plan Xeral de Urbanismo aprobado por unanimidade en 1982, así que aceptoou cando se lle ofreceu ir nas listas do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), e foi nomeado concelleiro de Facenda e Planificación no Concello da Coruña. Durante a súa xestión enfocou o seu labor no deseño e control orzamentario, así como na planificación urbanística, aínda que acabou renunciando ao seu cargo por desacordos coa dirección do entón alcalde Francisco Vázquez.
Tamén formou parte da Federación Progresista, iniciativa impulsada polo economista Ramón Tamames, con vocación de crear unha alternativa progresista fóra dos partidos tradicionais.
Posteriormente comezou a orbitar ao redor do Partido Popular de Galicia (PPdeG), e participaba adoito en parladoiros tanto da TVG como da Radio Galega defendendo posicións próximas ao principal partido conservador, se ben non na súa representación. No ano 2007 foi nomeado director da Fundación Ágora de Galicia, unha entidade promovida polo Partido Popular de Galicia (PPdeG) como espazo de reflexión, análise e xeración de propostas políticas no contexto da preparación para as eleccións autonómicas de 2009. Arias Veira asumiu a dirección da fundación coa vontade de impulsar o debate ideolóxico e fomentar o pluralismo de ideas. Na súa intervención no acto de presentación, afirmou que “se trata de dar a batalla polas ideas”, e criticou o predominio do “electoralismo de ideas” no panorama político, á vez que reivindicou a necesidade de ofrecer á sociedade “alternativas de pensamento” desde distintas perspectivas. Subliñou que a fundación non actuaría como correa de transmisión do PP, senón como un espazo de confluencia entre profesionais de distintas procedencias e sensibilidades. Durante o seu funcionamento, Ágora de Galicia aspirou a converterse nun verdadeiro "banco de ideas situado no ágora dos pobos de Galicia“, recollendo propostas centradas en tres eixos fundamentais: os problemas cotiáns dos cidadáns, as preocupacións reais das familias e a confianza no futuro.
En 2009, foi incorporado polo presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como número dous na candidatura pola provincia da Coruña para as eleccións autonómicas de 2009, nun xesto que buscaba renovar o partido con perfís independentes e provenientes da sociedade civil. Esta incorporación xerou un amplo debate dos medios polo xiro ideolóxico que representaba na súa carreira política. Foi elixido deputado [1] e foi voceiro de Industria do Grupo Popular. Nas autonómicas de 2012 volveu ser elixido deputado.
Activismo social e cultural
[editar | editar a fonte]Defensa do nudismo
[editar | editar a fonte]Durante a década de 1980, Pedro Arias foi un dos impulsores do movemento nudista galego. Participou activamente na Coordinadora Nudista Ecolóxica-Radical (CNER), xunto con figuras como Miguel Cancio. O colectivo promovía o nudismo como forma de liberdade persoal e respecto pola natureza.
En 1983 entregaron un escrito co apoio de máis de 1.400 sinaturas solicitando a legalización e sinalización de praias nudistas en Galicia. Arias chegou a distribuir adhesivos coa lenda "eu tamén tomo o sol en pelota picada" durante o seu mandato como concelleiro.
Denuncia do "búnker de Baroña"
[editar | editar a fonte]Arias participou tamén na denuncia do chamado "búnker de Baroña", un edificio de catro plantas construído ilegalmente xunto á praia de Baroña, no municipio de Porto do Son. Arias e Cancio levaron a un notario á praia para que levantase acta das características do edificio e o seu peche de formigón. Esta acción permitiu demostrar a ilegalidade da construción e obtivo o respaldo da Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña, que fallou a favor da CNER.
Xunto á súa muller, Pedro Arias promoveu a creación do Complexo Galego Século XXI, a primeira residencia universitaria integral do campus da Coruña, combinando aloxamento, servizos académicos e actividades culturais e considerouse un paso significativo cara á modernización da contorna universitaria galega.
Atentado no domicilio
[editar | editar a fonte]O 27 de xaneiro de 2013, a súa vivenda en Culleredo foi obxecto dun incendio provocado. Segundo informes da Garda Civil, o lume orixinouse en varios puntos do salón mediante chama directa, descartándose calquera causa accidental. Pedro Arias e a súa esposa lograron refuxiarse no baño e chamar a emerxencias antes de ser evacuados sen danos persoais. O deputado declarou non ter sospeitas sobre a autoría e evitou vincular o ataque á súa actividade política, aínda que denunciou publicamente o suceso como exemplo da tensión que se vivía entón en Galicia.
Falecemento
[editar | editar a fonte]Doente de esclerose lateral amiotrófica durante dous anos, faleceu o 2 de maio de 2025.[2]
Obra
[editar | editar a fonte]- As 313 Galicias. Guía socioeconómica dos 313 concellos galegos (Xunta de Galicia, 1990)
- Las elecciones en Galicia, 1977-1997 de la hegemonía centrista a la competencia tripartidista (Tórculo, 1999)
- Situación y perspectivas socioeconómicas de los 94 municipios de la provincia de A Coruña (Deputación da Coruña, 2000)
- Prestige. El barco de los locos (Espasa, 2003)
- España va bien. Claves y dilemas de la prosperidad española (Espasa Calpe, 2004)
- A incidencia socioeconómica do "Prestige" en Galicia impacto no litoral galego (Netbiblo, 2009)
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1982 recibiu o Premio Fernández Latorre polo artigo "Crece a poboación e diminúe a emigración en Galicia". Este texto contradicía a visión tradicional de Galicia como unha rexión marcadamente emigrante, argumentando con datos que a tendencia estaba a comezar a reverterse. A súa formulación espertou un amplo debate e contribuíu a un enfoque máis matizado da realidade socioeconómica galega.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María Blanca López Quiroga en 1992,[3] e foi pai de Efigenia Arias Baltar, Ángela Arias López e Adriana Arias López.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Muere el catedrático de Economía de la USC Pedro Arias Veira víctima de la ELA". 17 JUL 2025.
- ↑ "Fallece el profesor Pedro Arias Veira tras dos años de lucha contra la ELA". La Voz de Galicia (en castelán). 2025-07-16. Consultado o 2025-07-16.
- ↑ La Voz de Galicia, 5.11.1992, p. 38.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barrera, Feliciano, ed. (2002). "Arias Veira, Pedro". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. ISBN 84-8064-113-4.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha no Parlamento de Galicia Arquivado 20 de xuño de 2012 en Wayback Machine.