Pedra de Rosetta
Pedra de Rosetta | |
Tipo | Estela |
Data | -196 |
Cultura | Antigo Exipto |
Características | |
Lonxitude | 757 mm |
Anchura | 284 mm |
Altura | 1 123 mm |
Materiais | Granodiorita |
Peso | 548 kg |
Descuberta | |
Localización | Rashid, Delta do Nilo, Exipto |
Descubridor/a | Pierre-François Bouchard |
Data | 1799 |
Conservación | |
Localización | Museo Británico |
A pedra de Rosetta é unha estela exipcia da época tolemaica que contén un texto en tres tipos de escrita. A súa grande importancia radica en que foi a clave para o inicio do descifrado dos xeróglifos exipcios antigos. Grazas a Thomas Young, Jean-François Champollion e outros estudosos do Antigo Exipto, hoxe pode ser considerada como unha xoia na historia da linguaxe e a transcrición.
É unha peza de granodiorita negra, cunha inscrición bilingüe (grego e exipcio) dun decreto de Tolomeo V en tres formas de escrita: xeroglífica, demótica e grego uncial (grego en letras maiúsculas).
Historia
[editar | editar a fonte]Foi descuberta o 15 de xullo de 1799 nunha vila exipcia do delta do Nilo denominada Rashid (chamada Rosette polos franceses), polo capitán Pierre-François Bouchard. As tropas capitaneadas por Napoleón Bonaparte atopábanse na que se converteu nunha célebre exploración das terras do Exipto.
A pedra ía ser transportada a Francia polos membros do Instituto de Exipto. Porén, os exércitos ingleses que desembarcaron na primavera de 1801 confiscárona malia as protestas de Étienne Geoffroy Saint-Hilaire ante o xeneral británico Hutchinson. A pedra de Rosetta exhíbese no Museo Británico (Londres) desde 1802. Leva nunha banda unha inscrición con pintura branca que di Captured in Egypt by the British army ("capturada en Exipto polo exército británico").
Só unha vez a pedra foi trasladada do Museo Británico. En 1972, con ocasión do 150° aniversario do desciframiento dos xeróglifos, foi exposta no Museo do Louvre por algunhas semanas.[Cómpre referencia]
Existe unha reprodución da pedra de Rosetta no Distrito de Figeac (Lot), cidade natal de Champollion, obra do artista Joseph Kossuth, de 11 x 8,5 m. Feita en granito negro traído desde Cimbabue, os tres pasos levan inscritos os textos en xeróglífo, demótico e grego. A praza leva o nome de Place des écritures ("Praza das escrituras"). No Museo Exipcio do Cairo tamén se exhibe unha réplica.
Contido
[editar | editar a fonte]O texto escrito en grego comeza así:
Basileyontos toy neoy kai paralabontos tén basileian para toy patros kiryoy... "O novo rei, tendo recibido o reino do seu pai...".
Recolle unha sentenza de Tolomeo V en que describe varios impostos que revogara. Ordena ademais que o decreto se erixise e que fose publicado na linguaxe dos deuses (xeroglífica) e na escritura da xente (demótica).
Tradicionalmente pensábase que o decreto escrito na Pedra de Rosetta fora ideado en demótico polos sacerdotes de Menfis cara ao ano 197 a.C.. Os estudos máis recentes de expertos en demótico comprobaron que a inscrición orixinal foi composta en grego e traducida posteriormente ao demótico, aínda que ás veces de xeito pouco fiel.[Cómpre referencia]
Tradución dun fragmento da pedra de Rosetta
[editar | editar a fonte]"Baixo o reinado do mozo que recibiu a soberanía do seu pai, señor das insignias reais, cuberto de gloria, o instaurador da orde en Exipto, piadoso cara aos deuses, superior aos seus inimigos, que restableceu a vida dos homes, Señor da Festa dos Trinta Anos, igual que Hefaistos o Grande, un rei como o Sol, gran rei sobre o Alto e o Baixo país, descendente dos deuses Filopáteres, a quen Hefaistos deu aprobación, a quen o Sol deulle a vitoria, a imaxe viva de Zeus, fillo do Sol, Tolomeo, vivindo por sempre, amado de Ptah. No ano noveno, cando Aetos, fillo de Aetos, era sacerdote de Alejandro e dos deuses Soteres, dos deuses Adelfas, e dos deuses Evergetes, e dos deuses Filopáteres, e do deus Epífanes Eucharistos, sendo Pyrrha, filla de Filinos, athlófora de Berenice Everxetes; sendo Aria, filla de Diógenes, canéfora de Arsínoe Filadelfo; sendo Irene, filla de Tolomeo, sacerdotisa de Arsínoe Filopátor, no (día) cuarto do mes Xandikos (ou o 18 de Mejir dos exipcios)".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pedra Rosetta |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Andrews, C., The British Museum Book of the Rosetta Stone (1985). (en inglés)
- Budge, Ernest A., The Rosetta Stone (1904; repr. 1976). (en inglés)
- Saulcy, F. (1845). Analyse grammaticale du texte démotique du décret de Rosette. Didot, París.