Pazo de Cadaval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pazo de Cadaval-Urzáiz")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pazo de Cadaval
Pazo Urzáiz Cadaval.jpg
ConcelloNigrán
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°08′51″N 8°47′59″O / 42.1475, -8.799722Coordenadas: 42°08′51″N 8°47′59″O / 42.1475, -8.799722
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalmedieval (século XIV)
Estilo actualbarroco (século XVII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia

O Pazo de Cadaval, ou Pazo de Urzáiz-Cadaval ou viceversa, sitúase no lugar de Grolos, Nigrán, provincia de Pontevedra. Xa no século XIV existía esta construción que en diversas partes da casa presenta escudos e brasóns dos Cadaval, Figueroa, Ozores, Montenegro, Ceta, Correa e Urzáiz. Declarado Ben de Interese Cultural en 2006[1] o seu estado de conservación é moi bo.

Historia[editar | editar a fonte]

Ceta-Montenegro-Ozores-Oia-Figueroa-Valladares-Cadaval.

Con respecto a orixe cítase unha casa pertencente a Vasco Gómez de Cadaval, tenente xeneral do exército do Bispado de Tui no XIV, partidario de Pedro I na guerra con Henrique de Trastámara. Porén, as estruturas actuais son do XVII. Fundouno Basquida García de Ceta[2], viúva de Pedro de Cadaval e Valadares, o 9 de xuño de 1608.

O apelido de Urzáiz, liñaxe de orixe navarro, foi engadido en 1883 ó casar Adela Cadaval Muñoz, señora do pazo, con Ángel Urzáiz Cuesta, que sería Ministro de Facenda con Alfonso XIII. O fillo home Joaquín Urzáiz Cadaval, Ministro de Estado na Segunda República Española, que casou en segundas nupcias con Purificación de Benito Quevedo,[3] foi o seguinte titular. A continuación foino a súa filla M.ª Dolores Urzáiz Benito Cadaval, que casou co doutor Fernando Caicoya de Rato. O actual propietario, Ángel Caicoya de Urzáiz, director médico de Adeslas,[4] é descendente desa parella.

Recentemente emprégase para a celebración de casamentos, banquetes e outros actos, xestionado por unha empresa de hostalería.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

Conforman o edificio unha cruxía alongada (a parte máis antiga do Pazo) que se une polo costado dereito ao corpo principal, con planta de tres corpos, un central e dous que se adiantan, situándose entre eles a escalinata principal balaustrada exenta, construída en 1668 segundo a inscrición enriba da porta,[6] así como o patín que se bifurca ante a porta de entrada.

A esta fachada principal do XVII únese tamén polo seu costado dereito unha torre de cantería rematada por ameas, de principios do século XIX, aínda que reconstruída seguindo ós antigos debuxos nos que aparece a casa coa torre.

O pazo dispón de 50.000 metros cadrados de xardíns, incluíndo palmeiras, dúas flanqueando a porta, faias, carballos e acacias.

Integran tamén o conxunto:

Portón principal.
  • Torreón circular, rematado por ameas, que cumpría posiblemente as funcións de torre-vixía.
  • Cruceiro.
  • Muralla, rodeando o recinto, na cal ábrense dous portóns. Un, de medio punto, de acceso ao patio de honra ante a fachada principal cun brasón coas armas dos Urzáiz-Cadaval. Outro, alintelado, con escudo formado polos apelidos Ceta, Montenegro, Ozores, Oia, Figueroa, Valladares e Cadaval[7], que estaba orixinalmente sobre a porta principal.
  • Hórreo de pedra, con nove pares de esteos.
  • A Capela, exenta, posiblemente anterior a 1655. Non ocupa o seu lugar orixinal. De planta rectangular e pequeno tamaño está executada en perpiaño. No seu frontispicio ábrese un arco de medio punto e unha pequena fiestra cuadrangular, rodeados ambos por unha moldura plana e lisa. Enmarcan a fachada dúas pilastras enfrontadas rematadas por pináculos piramidais.

Cabe destacar na Capela como bens mobles:

  • Pequeno Retablo de factura moderna de finais do século XIX ou principios do XX, policromado en branco con remates dourados, dedicado á Virxe do Carme.
  • Tallas barrocas policromadas de moi boa factura: a Virxe do Carme, San Xosé co Neno, Santo Antonio e dous santos máis sen identificar.

O conxunto axardinado comprende catro recintos entre os que sobresae o xardín sur, tanto pola súa maior extensión como pola súa antigüidade (mediados do século XIX), así como pola orixinalidade da súa traza.

O pazo foi construído en distintas fases, sufrindo reformas, modificacións e ampliacións ata a configuración actual. Por exemplo, os balcóns laterais son de 1900 e ca. 1945. A fachada posteriores foi remodelada por Jenaro de la Fuente, que engadiu unha nova escalinata.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Pazo, torre e adega (á dereita). 
Armas: Urzáiz (e.)-Cadaval (d.). 
Portal secundario. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Declaración de Ben de Interese Cultural, BOE, 16 de maio de 2006.
  2. Ou Basquida García de Montenegro, segundo fontes.
  3. Necrolóxica de Purificación de Benito Quevedo, ABC, 6 de xuño de 1980.
  4. Universidade Camilo José Cela, MBA en xestión hospitalaria.
  5. Páxina do Grupo Don Pepe Arquivado 12 de outubro de 2009 en Wayback Machine., do empresario Pepe Domingo González.
  6. "D. Pº. CADAVAL ANNO 1668" ou "...1688", segundo fontes.
  7. Armas dos Cadaval Arquivado 03 de setembro de 2011 en Wayback Machine., Enciclopedia Galega Universal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]