Pazo da Touza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo da Touza
ConcelloNigrán
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°08′39″N 8°46′27″O / 42.144279, -8.774159Coordenadas: 42°08′39″N 8°46′27″O / 42.144279, -8.774159
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Platino galego baixomedieval, século XVI)
Estilo actual(galego palatino barroco, século XVIII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O Pazo da Touza é unha casa señorial do século XVI situada na rúa dos Pazos do lugar da Touza na parroquia de Camos, no concello pontevedrés de Nigrán, no Val Miñor.

Conta cunha quinta de 40.000 m². Está ben conservado e hoxe é un hotel e restaurante para eventos. Está declarado Patrimonio Histórico.[Cómpre referencia]

Historia[editar | editar a fonte]

A historia remóntase ao século XV, cando as leiras onde hoxe está o pazo eran propiedade do cabido de Tui, téndoas aforadas a Vasco de Godoy. Este no ano 1613 doa as terras ao seu sobriño, capitán en Frandes, Gregorio Vásquez Ozores, casado con Tareixa Troncoso de Lira, neta do anterior, que sería o que iniciaría a construción do pazo [1].

Dende a súa construción no século XVI, o pazo foi habitado polos sucesivos herdeiros destas familias nobres da zona. O edificio principal sufriu importantes remodelacións no século XVIII. Xa no século XX foi transformado para uso agrícola, polo que no seu eido de 40.000 m² plantáronse maceiras. A finais do século XX transfórmase en establecemento hoteleiro para celebración de eventos e casamentos [2].

Descrición[editar | editar a fonte]

O edificio actual data do século XVI, pero sufriu importantes reformas posteriores, especialmente no século XVIII. Consiste no típico pazo galego baixomedieval con riscos barrocos, planta en "L", con muros son de cachotaría de granito reforzados con cantaría en esquinais e vans. No encontro dos dous corpos do edificio érguese unha gran torre señoril de tres andares, ameada, con pedras heráldicas rematadas con coroas ducais en forma de aneis (aparecen as armas das familias Pereira de Castro, Falcón e Ozores-Soutomaior) e canos pétreos decorados para a saída da auga da cuberta (gárgolas en forma de canón). O resto do edificio, de dous andares, áchase acaroado á torre, é sinxelo, de típica feitura palatina galega, onde salienta a solaina e a súa balaustrada pétrea e tres esveltas columnas toscanas que sosteñen o beirado do tellado, e as chemineas, unha delas máis alta ca a torre, e que remata cunha sobria decoración de ameas e pináculos culminados con bólas. Unha escalinata de granito liga o adro da capela e o patín con balaústres, cuberto cun tellado de armazón en madeira e sustentado por catro columnas lisas tipo toscano. Baixo o patín ábrese un amplo arco decorado con placas recortadas, tipicamente barrocas. Á esquerda do patín aparece un brasón onde se observan as armas das familias Pereira de Castro, Falcón, Troncoso de Lira, Soutomaior e Ozores.

A capela atópase embutida na fachada principal, e na que cómpre salientar a espadana con campá, baixo unha fornela enmarcada nun arco decorado con elementos vexetais, coa imaxe da Virxe da Asunción.

Salienta tamén o portón de acceso ao eido, obra de perpiaños co van a xeito de arco de volta perfecta, no centro áchase o escudo de armas, coa coroa ducal das familias Pereira de Castro, Ozores, Soutomaior e Falcón, flanqueado por leóns rampantes en relevo e a escultura dun trompetista. Aos costados, dúas torres cilíndricas rematadas en cúpula semiesférica e cadanseu brasón. Destacar os altorrelevos aos lados do arco, con imaxes de guerreiros e catro cabezas de leóns bastante erosionadas con argolas na boca. A portada estaba decorada con catro estatuíñas, hoxe desaparecidas; dúas de pé en actitude de tocar un instrumento musical, sobre a parte central, e as outras dúas sobre as torres, unha sentada e outra de pé, en actitude de saúdo[3].

Son de salientar tamén os xardíns, mostra de deseño galego ben conservado. Conta con árbores centenarias e un labirinto de buxo[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pérez Pérez, Carmen (2012). Un percorrido pola historia do Val Miñor. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. 
  2. 2,0 2,1 Pazodatouza.info
  3. Patrimonio galego.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López-Chaves Meléndez, Juan M. e Amor Moreno, Grato E. (1988). Inventario Pazos y Torres de la Provincia de Pontevedra, pp. 86–90, Dep. de Pontevedra. ISBN 84-86845-09-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]