Paulino Suárez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Paulino Suárez Suárez»)
Paulino Suárez
Nacemento1884
Lugar de nacementoCicillón
Falecemento1970
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmédico
editar datos en Wikidata ]

Paulino Suárez Suárez, nado en Cicillón (Taboada) en 1884 e finado en 1970, foi un médico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Medicina en Santiago de Compostela e Madrid, onde se licenciou en 1908. Obtivo o título de doutor o 11 de xaneiro de 1918. Conseguiu a praza de médico dos mineiros de Peñarroya (Córdoba), e cos aforros dese traballo pediu, asesorado polo seu curmán Juan López Suárez, a pensión para trasladarse á Universidade de Estrasburgo en 1913. Alí estudou Química e Botánica Práctica aplicadas á Medicina, para especializarse en Bacterioloxía e Inmunidade. Nas vacacións de verán instalouse en Múnic, onde traballou no laboratorio particular dos doutores Bender e Hobein, regresando despois a Estrasburgo.

O seu traballo derivou cara a relación entre a alimentación por millo e a aparición da pelagra, estudo que realizou no Instituto de Química Fisiolóxica e Patolóxica do profesor Hofminster. Froito dos seus primeiros estudos foi a publicación dun artigo sobre a etioloxía desta enfermidade en Biochemische Zeitschrift. O comezo da guerra europea fixo que derivase as súas investigacións cara ao proceso de purificación da auga e a contención de epidemias, mais regresou a España en decembro de 1914. Pediu unha pensión para traballar no Institut zur Erforschung der Infektionkrankheiten (Instituto para a Investigación de Enfermidades Infecciosas) de Berna e realizar estudos sobre inmunidade. Concedéronlla en 1916 e permaneceu dous anos en Berna. Colaborou con Tomarkin, xefe da Sección de Vacinación do Instituto, e con el publicou un segundo artigo sobre a aparición de precipitinas nos animais vacinados e no home.

Regresou a España e empezou a vivir na Residencia de Estudiantes e, desde o 1 de xaneiro de 1921, dirixiu o Laboratorio de Bacterioloxía. O 4 de xuño de 1932 foi nomeado director adxunto da Residencia de Estudiantes. Durante a guerra civil realizou algunhas discretas xestións no estranxeiro por encargo de Negrín, a quen acompañou ao exilio. Trasladouse a Oxford, invitado por Alfredo Jiménez Fraud, onde pasou unha tempada, despois marchou a México, e finalmente á Habana, de cuxa universidade foi profesor. Volveu a Oxford nunha ocasión como testamenteiro de Pío del Río-Hortega xunto a Severo Ochoa. Regresou a España na década dos 50, asentándose en Taboada. Logo de tomar contacto con xente da contorna institucionista, asistiu ao xantar de antigos residentes celebrado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago na primavera de 1963.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]