Saltar ao contido

Partido Democrático (Suráfrica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Democratic Party
Dirixentes e organización
LíderZach de Beer
Tony Leon
Historia
Fundación1989
Posicións políticas
Ideoloxíaliberalismo
Representación
Asemblea Nacional (1994)
7 / 400
Asemblea Nacional (1999)
38 / 400

O Partido Democrático (PD) (do inglés Democratic Party) foi un partido político surafricano de ideoloxía liberal. Foi fundado en 1989 e, nas súas orixes, representaba os membros da minoría branca opostos ao apartheid. Durante a transición política dos anos 1990 abriuse á entrada de cidadáns doutras razas. En 2000 formou parte da coalición Alianza Democrática, que acabaría converténdose nun partido no que se integrou o PD.

Xurdimento

[editar | editar a fonte]

O Partido Democrático naceu en 1989 da fusión dos liberais Partido Progresista Federal —entón terceira forza política na asemblea reservada á minoría branca no parlamento tricameral da época—, Partido Independente —composto por liberais africáneres— e Movemento Democrático Nacional.[1] Os tres representaban o sector da minoría branca crítica co réxime do apartheid e que o combatía desde a legalidade, a diferenza de quen militaban no Congreso Nacional Africano (CNA), o Partido Comunista Surafricano e outras organizacións ilegais.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
O agresivo Tony Leon conseguiu que o PD se recuperara do revés de 1994.

O PD foi conducido por unha tripla dirección composta por Zach de Beer, Denis Worral e Wynand Malan, e obtivo un bo resultado nas eleccións raciais dese mesmo ano 1989, nas que conseguiu o 19,90% dos votos da minoría dominante.[2] Cando o presidente Frederik de Klerk —do gobernante Partido Nacional (PN)— anunciou a súa intención de acabar co apartheid, o PD participou nas difíciles negociacións que se levaron a cabo entre 1991 e 1993 e que desembocaron na aprobación dunha Constitución Provisional.

Pese aos seus desexos de captar o apoio doutros grupos étnicos a fin de alcanzar até un 10% dos votos,[3] nas eleccións interraciais de 1994 só obtivo un pobre 1,73% dos sufraxios, o que lle serviu para obter sete parlamentarios na nova Asemblea Nacional de catrocentos asentos.[4] O mal resultado achacouse á pasiva campaña realizada por Zach de Beer, polo que o mesmo ano elixiuse unha nova dirección encabezada por Tony Leon.[5]

Pese ao reducido da súa representación, o PD realizou un agresivo labor de oposición ao Goberno de Unidade Nacional encabezado por Nelson Mandela e o CNA, do que formaban parte tamén o PN e o Partido da Liberdade Inkatha. Isto fixo que nas eleccións de 1999 ascendera até un 9,56% dos votos, converténdose na primeira forza de oposición e desbancando o Partido Nacional —logo rebautizado como Novo Partido Nacional (NPN)— a pesar do seu intento de modernización.[5][6]

Desaparición

[editar | editar a fonte]

De cara ás eleccións municipais de 2000, o PD formou unha coalición co Novo Partido Nacional e coa Alianza Federal que foi denominada Alianza Democrática (AD). A nova coalición obtivo un excelente resultado, ao alcanzar un 22,1% dos votos.[7] Con todo, o NPN abandonou a coalición en 2001 e decidiu aliarse co gobernante CNA, o que privou a AD dos principais resortes de poder que controlaba, como a provincia do Cabo Occidental e o propio municipio de Cidade do Cabo. Non obstante, unha parte da militancia do NPN decidiu permanecer na AD.[8] Tamén a Alianza Federal acabou abandonando a coalición.

Finalmente, a Alianza Democrática acabou converténdose en partido político, o que supuxo a desaparición —ou transformación— do PD.

  1. "About our history". Alianza Democrática (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2014. 
  2. "Sout Africa Parliamentary Chamber: House of Assembly Elections held in 1989". Unión Interparlamentaria (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2014. 
  3. Martínez de Rituerto, Ricardo (2 de maio de 1994). "Mandela obtiene una rotunda victoria en Suráfrica, según datos parciales del desesperante recuento". El País. Consultado o 2 de xaneiro de 2014. 
  4. "April 26-29, 1994 General Election Results - Republic of South Africa Totals: National Assembly". Election Resources on the Internet (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2014. 
  5. 5,0 5,1 Johnson 2005, p. 366.
  6. "June 2, 1999 General Election Results - Republic of South Africa Totals: National Assembly". Election Resources on the Internet (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2014. 
  7. "South African local government election 2000: Party support, proportional representation ballot". Electoral Institute for Sustainable Democracy in Africa (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2014. Consultado o 2 de xaneiro de 2014. 
  8. Johnson 2005, pp. 381-382.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Johnson, R.W. (2005). Historia de Sudáfrica: el primer hombre, la última nación. Barcelona: Debate. ISBN 84-8306-633-5. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]